xoves, marzo 16, 2006

O Circo do Desalento



A sempiterna crise mundial da banda deseñada ten unha sucursal ben curiosa en Galicia. Ós problemas estructrurais do medio (perda de lectores, infravaloración...) engádese aquí a escaseza de editores propios e a fraxilidade dos proxectos que se acometen, problemas que se ven enfatizados pola cuestión da lingua. E sen embargo, o anterior non foi suficiente para impedir que saíra adiante unha nova xeración de autores caracterizados tanto polo seu indiscutible talento, como pola súa forza emprendedora. Autores como Kiko Dasilva, Miguel Anxo Robledo, Alberto Vázquez, Víctor Rivas, Emma Ríos ou Norberto Fernández (parece mentira, pero hai máis) non só foron quen de acadar tanta presenza en Galicia como a situación o permite (creando colectivos, autoeditando os seus traballos, colaborando con xornais e revistas, organizando mostras...), senón tamén de abrírense camiño na minúscula e competitiva escena do cómic español. E así, algúns deles son parte esencial da última renovación da revista El Jueves e a súa versión xuvenil Mister K, mentres outros conseguen dignísimas edicións dos seus traballos por parte de editoriais independentes.

A editorial Astiberri, cuia política editorial é digna de toda loubanza, ven de publicar O Circo do Desalento de David Rubín, autor destacado da xeración mencionada. Conforman O Circo... un conxunto heteroxéneo de trece historias (máis un Prólogo e un Epílogo) de extensión diversa, unhas inéditas, outras previamente editadas en revistas e fanzines, pero todas elas determinadas pola peculiar voz narrativa de Rubín. Chama a atención o excelente dominio do tempo por parte do autor e a sabia utilización dos silencios dos personaxes. A melancolía preside a maioría dos relatos, dende os máis pesimistas ós lixeiramente optimistas. Non deixa de resultar curioso que un autor tan alonxado do xénero superheroico recurra en máis dunha ocasión á figura do superheroe como premisa da que xurde unha historia sempre humana e case sempre triste. O prólogo e o epílogo ós que antes aludía aportan un enfoque sorprendentemente orixinal e cohesivo, así coma unha necesaria distancia irónica.

A edición complétase con senllos textos de Miguelanxo Prado e Carlos Portela. O primeiro, pai espiritual da xeración de Rubín; o segundo, outra figura clave da resistencia comiqueira galega durante os anos escuros.

Astiberri ven de anunciar a saída dun novo volume con historias de David Rubín. Motivo de satisfacción como lector e especialmente como lector galego.

1 comentario:

Ollo de Vidro dixo...

Non hai de que... (¡Que vergonza!)