mércores, agosto 06, 2008

Lost Girls



A pornografía constitúe un peculiar punto de encontro entre os tabúes socialmente establecidos e determinados instintos básicos do ser humano, unha caste de válvula de escape cultural fronte aquelo que a propia cultura reprime e oculta. O porno, como o cinema gore ou o telelixo (anque sin establecer comparacións), di moito da natureza humana e da súa relación co modelo social, o que o convirte en apaixoante obxecto de análise e reflexión. Agora ben, a achega científica a estes fenómenos é cousa bastante máis doada que a súa redención coma xéneros. O porno é esencialmente monótono, repetitivo e superficial nos contidos. Na pornografía, o argumental é sempre excusa para amosar e o obxectivo único de amosar é excitar. Pretender supeditar o discurso pornográfico a outros propósitos, sexan éstes cales sexan, é coma mínimo unha desnaturalización e, nos máis dos casos, un disparate que adoita oscilar entre o fallido e o pomposo.

Se hai algo que caracteriza á obra de Alan Moore na súa práctica totalidade é a súa incapacidade para se ater á pura literalidade. Ata os seus traballos de vocación máis popular adoitan incorporar elementos para a reflexión, por máis que en moitos casos aparezan sutilmente camuflados. De aí que cando acomete un proxecto como Lost Girls (Norma, 2008), definido expresamente coma un relato pornográfico, resulte difícil de crer que as súas pretensións se vaian limitar ás proprias da pornografía. Reforza esta idea o feito de contar coma debuxante coa que hoxe é a súa dona, Melinda Gebbie (non o era cando o proxecto botou a andar, alá por 1991), artista de talento indiscutible pero alonxada da inmediatez lúbrica de Milo Manara, Giovanna Cassotto, Erich Von Gotha ou outras figuras senlleiras do tebeo porno. Polo demáis, o feito de que as protagonistas da historia sexan Alicia, Wendy e Dorothy, personaxes clásicos da literatura infantil, permite a introdución dalgúns dos lugares comúns da obra de Moore: o diálogo metaliterario; a reflexión sobre a forza liberadora da literatura e, máis xeralmente, da imaxinación; a reinterpretación dos mitos populares; as viaxes oníricas, etc.

Xa que logo, nunha aproximación previa, todo indica que en Lost Girls o pornográfico será o envoltorio no que se presente un discurso máis complexo. Un proxecto así concebido resulta máis complicado do que pode semellar a primeira vista, debendo sobardar o obstáculo anteriormente sinalado: a resistencia da pornografía a ser vehículo de mensaxes complexas so pena de desnaturalización e/ou fiasco.

Nese senso, debo dicir que quedei sorprendido tras a lectura dunha obra que, en boa medida, non se axeitou ás miñas expectativas. Lost Girls é, na miña opinión, unha obra de tese, pero ésta se atopa máis implícita que explícita. Apenas dous capítulos, o 23 e o 30, o derradeiro, conteñen reflexións expresas sobre o xénero pornográfico, a súa vinculación coa capacidade fabuladora do ser humano e a función que desempeña, así coma un cuestionamento acerca dos seus límites coincidinte co que ó respecto teñen escrito autores como Susan Sontag ou J.M. Coetzee. O resto da narración participa aparentemente dos rasgos proprios do relato porno, por máis que a súa lectura non poda afrontarse dun xeito perfectamente literal.

Así, a relectura en clave sexualmente explícita dos contos para nenos non é, de seu, unha premisa excesivamente orixinal. Pola contra, as versións procaces de narracións infantís, personaxes de ficción e relatos populares constitúen un subxénero sobreexplotado dentro do porno. Asúmese hoxe que o contido moralizante de grande parte destes contos inclúe tamén patróns prescriptivos de conducta sexual, consignados de xeito máis ou menos consciente. Autores como Angela Carter, Robert Coover, Anne Rice ou entre nós Carmen Blanco teñen revelado literariamente estes contidos implícitos dun xeito semellante a como o fai Moore en Lost Girls, que escolle para a súa obra relatos tan cargados de sobreentendidos sexuais como Peter Pan, Alicia no país das marabillas ou O mago de Oz (especialmente os dous primeiros). Xa que logo, Moore limítase a liberar a potencialidade sexual das obras mencionadas e faino coa intelixencia que o caracteriza pero sen grandes achádegos.

A partires desta premisa, Moore entretece os relatos das protagonistas cunha estructura tan propria da narrativa posmoderna que el mesmo practica como da literatura erótica que imita. Como nel resulta habitual, o escritor xoga ó engano intercalando relatos e ilustracións apócrifos de autores de sona (Wilde e Löuys, Mucha e Beardsley), sendo a cuestión da autoría obxecto de debate no proprio texto. E aínda que, como adiantaba, o subtexto é máis ben escaso e subsidiario á literalidade dun relato repleto de trafego carnal (isto é, canónicamente pornográfico, polo menos en apariencia), segue a resultar pouco recomendable abandonarse á lectura na procura dunha simple satisfacción morbosa. Pola contra, a obra esixe, como adoita ser habitual en Moore, unha lectura reflexiva e peneirada polo coñecemento previo de cada lector.

Se a versión infantil das aventuras de Alicia, Dorothy e Wendy constitúe o punto de partida que permite unha comprensión mínima do relato, hai outras moitas referencias que o veñen a enriquecer. Habendo mencións explícitas a escritores e ilustradores, habendo influencias evidentes, coma a do debuxante Arthur Rackham nas pasaxes que se refiren a Peter Pan, o conxunto da obra non deixa de ser, de seu, a réplica inexacta dun xeito clásico de construir relatos pornográficos. Non hai unha reivindicación argumentada do xénero senón unha invitación á reflexión sobre o mesmo a partires dun obxecto, o libro, que non é orixinal nin copia, senón imitación. Outro porno é posible, semella dicir Moore. Un porno entendido como obxecto de luxo, literariamente pretencioso e coidado ata a afectación nas formas, pero tan dexenerado como esixe o xénero.

Como toda obra de revisión irónica, Lost Girls ten un punto lúdico. A opción por un formato tan belido como aparatoso e caro forma parte, sen dúbida, da mensaxe e supón unha invitación ó lector a que participe na broma engadindo á súa resignación económica unha miguiña de sentido do humor.

Entradas relacionadas – Alan Moore
O día do xuízo
A Cousa do Pantano
Top 10
Top 10: The Forty Niners
Promethea 1
Promethea 2
Promethea 3
Promethea 4

2 comentarios:

Octavio B. (señor punch) dixo...

Ben curioso que partindo dos mesmos conceptos (a natureza do pornográfico, a capacidade discursiva inherente en Moore...) cheguemos a conclusións non contrapostas mais diferentes. É a maxia da arte, calqueira delas.
En todo caso, xa estás en Favoritos, Ollo ;)
fixeches un dos mellores posts sobre Lost Girls que lin, noraboas

Ollo de Vidro dixo...

Graciñas!

A riqueza de significados é algo moi proprio non só da arte, senón específicamente da obra de Moore.

E eu hai xa tempo que te teño en favoritos...

Apertas!