luns, abril 26, 2010

Global Frequency



Chama a atención a inclusión de The Old Bastard’s Manifesto como prólogo á recopilación en tomo dos doce capítulos dos que constou a serie Global Frequency (Norma, 2009), xa que o escritor Warren Ellis leva a cabo neste texto unha visceral defensa do formato “novela gráfica” ou “álbum” fronte ao, segundo el obsoleto, formato comic-book. Non imos entrar en complexos debates terminolóxicos: Ellis critica a primacía dun soporte (a revista mensual de 24 páxinas) inaxeitado para relatos de certas características e reclama un formato co que artellar narracións dunha certa extensión. Se digo que chama a atención esta proclama precisamente neste tomo non é porque de feito se trate dunha recopilación de capítulos que foron publicados orixinalmente en formato comic-book, senón porque a compoñente episódica é máis forte nesta obra que na maioría das que serían as súas compañeiras de andel, moitas delas concebidas dende a súa orixe para seren recollidas en tomo. Non só os doce números de Glogal Frequency contiñan historias independentes entre si, senón que os protagonistas cambiaban dun capítulo a outro, reducíndose os elementos en común a dous personaxes (Miranda Zero e Aleph) e a organización que dá o seu nome á cabeceira. Por se fose pouco, cada capítulo conta cun debuxante distinto.

Mais se cadra a contradicción é só aparente. No fondo, a independencia dos capítulos da cabeceira resulta coherente coa idea central da mesma, a concepción dunha axencia de seguridade (de “rescate”, segundo a súa propia terminoloxía) global descentralizada e con vínculos difusos. Compoñen Global Frequency un milleiro de axentes espallados por todo o mundo, que non se coñecen entre si e que poñen habilidades específicas (diversas) ao servizo da organización. O único nexo son os personaxes mencionados: a directora Miranda Zero e unha muller coñecida como Aleph que coordina as operacións. As peculiaridades de cada capítulo (diferentes protagonistas, diferentes especialidades requeridas, diferentes equipos artísticos) enfatizan o carácter difuso desta forma de organización, co que se cumple o paradoxo de que é a diferencia o que une.

É probable que o grande acerto de Ellis con esta cabeceira sexa o de recrear o tópico das axencias de seguridade segundo un principio de organización xenuinamente contemporáneo. A coordinación de recursos dispersos mediante a comunicación instantánea de información (un auténtico valor absoluto) lembra aos cambios sociais que a irrupción de Internet ten provocado. Que Ellis recurra a un rudimentario teléfono como instrumento-fetiche da axencia semella un xeito irónico de disimular o obvio: que é dunha sociedade altamente tecnoloxizada do que estamos a falar. Tamén as ameazas que esta organización combate resultan típicamente contemporáneas: residuos incontrolados da Guerra Fría, invasións extraterrestres en forma de meme, exacerbados activistas polo terceiro mundo…

O plantexamento de Ellis prefire sempre a inmediatez á densidade. A súa preocupación principal é a de marcar un ritmo narrativo intenso, que permita unha lectura fugaz, obxectivo que se cumple case sempre, aínda coa irregularidade que un pode esperar atopar nunha ducia de capítulos. Comparten mérito con Ellis os debuxantes dos que este se acompañou (Tom Cocker, Steve Dillon, Gene Ha, Garry Leach, David Lloyd, Jon J. Muth ou Chris Sprouse entre outros), artistas de marcada personalidade que aportan un chisco de tolemia británica (tamén os que non o son), emparentando a cabeceira con revistas inglesas tan célebres coma Warrior ou 2000 A.D. Por plantexamento e formato, a cabeceira ofrecía unha fácil adaptación ao medio televisivo que seica se intentou, aínda que sen moito éxito.

Entradas relacionadas – Warren Ellis
Ocean
Desolation Jones: Made in England
The Authority Vol.1

Ningún comentario: