venres, abril 30, 2010

Kafka



Con que propósito foi concebido este Kafka (La Cúpula, 2010) de David Zane Mairowitz e Robert Crumb? Aínda que o título orixinal (Kafka for beginners) parece suxerir que estamos ante unha primeira aproximación á figura do escritor checo que invitaría a unha profundización posterior, a obra teima en ofrecer unha visión completa do escritor: non só se rexistran os principais acontecementos da súa vida, senón que se recollen versións resumidas das súas obras máis relevantes así coma comentarios críticos acerca da súa significación e relevancia. Ademáis de completa, a visión que sobre Kafka ofrece esta obra é, en boa medida, pechada. Fixando interpretacións das obras de Kafka, Mairowitz traza un círculo de veracidade que exclúe o (inesgotable) debate académico. O relevante non é tanto o grao de acordo que suscitan as súas posicións, canto a falsedade que implica suxerir que a discusión verbo dun autor ou obra pode darse nalgún intre por zanxada definitivamente. Polo demáis, establecer relacións de causa efecto entre as vivencias do escritor e as súas obras pode resultar acaído como estratexia narrativa, mais semella obsoleto e inconsistente como aparello crítico.

Máis que perante un “Kafka para principiantes” parecería que estamos ante un “Kafka en dúas tardes”, unha fonte de información que permita manter o tipo nunha conversación sobre o autor de A metamorfose sen un coñecemento directo da súa obra. Unha mágoa, xa que o libro estraga boa parte das súas posibilidades e desactiva o enorme esforzo gráfico desenvolvido por Robert Crumb, que engade ao seu recoñecido talento unha nota de versatilidade. Crumb, ilustrador libérrimo, sométese neste traballo a satisfacer certas demandas que xurden das propias características do texto: a correcta ambientación e reprodución dos espazos, a recoñecibilidade dos actores (isto é, de Kafka), a fidelidade aos orixinais literarios… Poucas obxecións se lle poden facer ao seu labor, que constitúe o principal motivo polo que paga a pena ler este volume.

Ningún comentario: