xoves, abril 08, 2010

Profesor Bell: O cargueiro do Rei Mono



A terceira aventura do Profesor Bell, O cargueiro do Rei Mono (Sins entido, 2008), demostra que calquera relato construido arredor da figura dun simio xigante se define necesariamente en relación a King Kong, aínda que, coma no caso da historia tecida por Joann Sfar, teña pouco que ver con aquel. O clásico da RKO, como variante do conto da Bela e a Besta, ofrecía o relato dun choque de civilizacións que remataba en amor imposible non por unha cuestión de tamaño, senón por procederen os amantes de mundos diferentes. Pero a fábula podía interpretarse tamén como unha constatación da capacidade do ser humano e a súa violencia civilizadora para someter as forzas da Natureza, por desemesuradas que estas sexan. A mordacidade irónica de Sfar invirte a relación de forzas e reivindica ao primate como o principio caótico capaz de subvertir o réxime institucional da sociedade á que foi deportado. Fiel ao seu estilo, Sfar narra ao galope e en dirección única, abre máis portas das que se molesta en pechar e deixa tras de si algunha burbulla para a reflexión. Cooperador necesario é un Hervé Tanquerelle que axeita o seu estilo gráfico ao parámetro establecido nas dúas entregas previas. Tamén espléndido.

Entradas relacionadas – Profesor Bell
Profesor Bell: O mexicano de dúas cabezas
Profesor Bell: Os bonecos de Xerusalén

Entradas relacionadas – Joann Sfar
Klezmer: A conquista do Leste

Ningún comentario: