venres, setembro 02, 2011

A imposible Patrulla X 1



Panini reedita (2011) a etapa de Chris Claremont en X-Men nun voluminoso formato que contén máis de trinta episodios da primixenia cabeceira mutante (este primeiro tomo abrangue dende o mítico Giant Size X-Men #1 ata o Uncanny X-Men #121, máis un par de capítulos doutras cabeceiras), en tapa dura, cunha coidadosa tradución de Santiago García, ademais de varios artigos a cargo de Julián M. Clemente e algún outro extra (deseños preliminares, ilustracións dos autores). Trátase, xa que logo, dunha edición que combina respecto polo orixinal con vocación de permanencia e que parece responder a unha vontade de arquivar en condicións formais óptimas un extenso catálogo de comic-books que se contemplan hoxe coma clásicos no seu xénero.

Aínda que se trate de algo habitual no eido da BD (pénsese na reedición luxosa de tiras de prensa clásicas) e comprensible por varios motivos, atopo sempre algo de contraditorio neste tipo de edicións, que pretenden dar a unha obra unha perdurabilidade que nunca estivo entre as súas pretensións. Esta segunda Patrulla X, coma calquera tebeo superheroico do seu tempo, xurdiu coa finalidade de satisfacer a demanda inmediata, periódica, de acción e aventura dun lector esencialmente adolescente. Os seus autores non pretendían facer historia senón fidelizar ao maior número posible de lectores. Probablemente, o relevante non é que converteran a cabeceira nun supervendas que daría lugar a unha lucrativa franquicia, senón que o fixeran mediante unha proposta que renovaba a tradición do tebeo superheroico dentro das estreitas marxes nas que se movía o xénero naqueles anos. O contido desta reformulación, así como as claves do éxito (comercial e creativo) da obra teñen sido analizadas e expostas con acerto en diversos lugares: o replantexamento da cuestión mutante, a coidada caracterización dos personaxes, as sinerxias entre autores (neste tomo, sen ir máis lonxe, é moi notoria a reorientación da cabeceira por parte de Claremont tras a substitución de Dave Cockrum por John Byrne no debuxo), etc.

No canto de reincidir nesa análise, prefiro sinalar estes cómics como parte significativa da miña formación como lector e auténtico tesouro perdido da miña adolescencia. Pertencendo á xeración Fórum, lectores que accedimos ao tebeo norteamericano cando Planeta acadou os dereitos de Marvel, cóntome entre aqueles que vivimos con resignación a decisión desta editorial, probablemente lóxica no seu contexto, de pasar do Giant Size X-Men #1 ao Uncanny X-Men #138, obviando os capítulos que xa publicaran en España Vértice e Surco. A procura destes números vellos de dúas editoriais xa extintas por puntos de venda de segunda man (rastros e librarías ordinarias que trocaban cómics por un peso) converteuse nunha misión vital, sostida no tempo. O achado dalgún número solto, cando a teimosía coincidía coa fortuna, traía consigo unha ledicia inmensa. O tebeo en cuestión era minuciosamente escrutado, as cronoloxías coidadosamente restablecidas, os ocos completados mediante conxecturas. Aínda que estas pequenas victorias eran celebradas como triunfos da vontade, o obxectivo final, a perfecta restauración cronolóxca do ciclo completo, era claramente inalcanzable.

Por iso un pensa, con indiscutible tendenciosidade xeracional, que os mozos que hoxe se queixan das esixencias do coleccionismo non saben realmente do que falan. Aqueles si eran tempos duros, devecendo por uns cómics lamentablemente editados, sen Internet, sen apenas vías de contacto con outros afeccionados, sen puntos de venda correctamente provistos ou informados. E por iso resulta imposible ler hoxe estes cómics, reeditados nas condicións sinaladas, sen deixarse vencer pola nostalxia. Confirmar algunhas das impresións formadas entón (a habilidade de Claremont na introdución de subtramas, a vizosidade creativa de Cockrum, a modernidade de Byrne), descubrir neles detalles que no seu día, pola falta de visión de conxunto ou pola irregular cadencia lectora, pasaran desapercibidos. E simplemente, reencontrarse con páxinas, personaxes, autores, trazos, liñas, diálogos e sucesos que un coñece e que forman parte da paisaxe da súa mocedade.

1 comentario:

Anónimo dixo...

O outro día nas casetas de Viñetas comprobei que os mozos de 13 anos compran estas reedicións con auténtico entusiasmo; pero sobre todo que os vendedores (neste caso, da xeración 1978) os ofrecen con aínda máis entusiasmo..."Un cómic que me marcou de rapaz...levas caviar!...Xa me contarás o ano que ven."

laBaronesa