martes, agosto 23, 2011

Planetary



Entre 1998 e 1999 viron a luz dúas cabeceiras esenciais na produción de Warren Ellis e cuxo ascendente no cómic comercial norteamericano merece pouca discusión, The Authority e Planetary. Coa primeira, continuadora da tradición máis heterodoxa do tebeo superheroico, propuxo unha actualización dos códigos do xénero nunha dirección (hiperreal, maximalista, moralmente ambigua) que, reinterpretada por autores como Mark Millar e Ed Brubaker, chegaría a contaminar hoxe boa parte do mainstream superheroico. Á segunda referiríase explícitamente o propio Ellis coma “un tebeo de superheroes”, afirmación que non ten sentido negar pero que si merece algúns matices.

Hai en Planetary un substrato superheroico evidente: a estrutura do relato, tanto no nível macro (as dúas grandes liñas argumentais, debulladas sucesivamente) como micro (cada episodio), axéitase ás formas do tebeo de heroes enmascarados; a caracterización do trío protagonista (habilidades, uniformes, reparto de roles) é un espello claro dos supergrupos de tebeo; moitas das referencias que contén o texto implican a heroes de cómic; a obra, en definitiva, diríxese a un lector coñecedor da mitoloxía superheroica, cando non consumidor directo e actual do xénero. Porén, cómpre engadir que Planetary participa da menos superheroica das tradicións superheroicas. Non é casual que do extenso catálogo de citas e chiscadelas que a obra incorpora, a referencia máis presente e relevante en termos do relato sexa precisamente a que constitúen os 4 Fantásticos, familia de aventureiros antes que grupo superheroico que, para máis señas, xurdiu como recreación doutros personaxes tamén coherentes co imaxinario de Planetary, os Challengers of the Unknown.


Os membros de Planetary serían, na definición que o propio relato recolle, arqueólogos do descoñecido, investigadores que pretenden descubrir a historia secreta do mundo, é dicir, aqueles aspectos marabillosos (máxicos, fantásticos, científicos) do noso planeta dos que a maioría da humanidade non ten coñecemento. A súa procura énos relatada en termos de aproximación a diferentes manifestacións da cultura popular, dende as grandes bestas do cinema xaponés ao relato de espionaxe, pasando polo pulp, Julio Verne, o tebeo de superheroes, o Hong Kong cinema ou o relato de ciencia ficción. A resolución do siloxismo parece doada: a cultura popular do século XX conforma un auténtico catálogo das marabillas, unha visión do mundo que desafía calquera límite e que se nutre da imaxinación e da creatividade de autores escasamente recoñecidos, cando non esquecidos ou anónimos.

A recente reedición en tomos a cargo de Norma recolle os 28 capítulos da cabeceira repartidos en dous tomos. O primeiro (2° Ed., 2010) abrangue os 12 primeiros números, nos que o leit motiv fundamental é a revelación da identidade do cuarto membro de Planetary, aquel (ou aquela) que dirixe a organización dende as sombras. Esta primeira etapa caracterízase pola considerable autonomía dos capítulos, cada un deles adicado a unha faceta da cultura popular, aspecto éste especialmente subliñado polas cubertas, e autoconclusivo no esencial, aínda que con dosificadas informacións acerca da cuestión do “cuarto membro”. Ellis sobrevoa o que podería ter sido unha simple acumulación de préstamos e referencias para debullar un imaxinativo inventario de xéneros de ficción presentados segundo os seus códigos narrativos, perfectamente capturados na faceta gráfica por un John Cassaday que se situaría en primeira liña de popularidade tras este traballo e polas cores dunha Laura Depuy cuxo labor sería merecidamente premiado. No tramo final deste primeiro acto Ellis recupera as pingas de información con que fora salferindo o relato, resolvendo o misterio con elegancia.


Aínda manténdose, o xogo referencial perde forza na segunda etapa da cabeceira, recollida nun segundo tomo (Norma, 2010). Ellis concédelle maior relevancia á narración principal, centrada na confrontación entre Planetary e os seus adversarios, os aludidos como “os catro viaxeiros”, así como á revelación do pasado dos principais actores. O escritor consegue manter o sentido de marabilla dos capítulos anteriores e conducir a trama a unha conclusión que non só non desmerece respecto a todo o traxecto previo, senón que chega a resultar sorprendente polo seu inxenuo optimismo.

Aínda habería un terceiro tomo, o editado baixo o título Mundos cruzados (Norma, 2008), que recolle os tres crossovers nos que Ellis implicou á súa creación. O primeiro, debuxado por Phil Jiménez, parecería o menos suxeito á lóxica comercial que xustifica estes cruces, ao unir nunha mesma historia a Planetary e The Authority, dúas creacións simultáneas de Ellis que ademais comparten universo. Porén, a aventura que protagonizan, centrada na figura e obra de H.P. Lovecraft, carece de forza. O mesmo acontece co segundo, debuxado por Jerry Ordway e coa trinidade de DC (Superman, Batman e Wonder Woman) como protagonistas. Si merece unha lectura o derradeiro cruce que contén este volume, debuxado de novo por John Cassaday e que reúne aos tres membros de Planetary con Batman, nun sinxelo relato baseado nas mutacións que ao longo do tempo sufriu a figura do Home Morcego, elevado agora á condición de icona da cultura popular.

Final menor para unha obra maior, unha ollada sobre o século XX que é xa un dos cómics máis relevantes do século XXI.

Entradas relacionadas – Warren Ellis
The Authority 1
Desolation Jones: Made in England
Ocean
Global frequency

Entradas relacionadas – John Cassaday
Son lexión
Astonishing X-Men: O don
Astonishing X-Men: Perigoso
Astonishing X-Men: Esgazada
Astonishing X-Men: Imparable

2 comentarios:

AnnaRaven dixo...

Que bo regusto me deixara ler esta serie! Grazas pola reseña e o comentario, hai que ver canto aprendo con vostede! :)

Ollo de Vidro dixo...

Aínda que a lectura por episodios ten moito sentido, especialmente nos primeiros números, a obra gaña moitísimo nunha lectura completa. Lembro que lelo en grapa foi unha tortura polas interrupcións na publicación. Graciñas a ti polo comentario, Anna!

(...e falando de aprender, que saibas que es bastante culpable de que esté a ler "A Veiga...").