luns, novembro 05, 2007

GØdland: Ola cósmico



Hai xa bastantes anos que Jack Kirby goza merecidamente da condición de mestre e figura fundacional imprescindible do mundo do cómic, en recoñecemento a unha longa e fecunda carreira que ainda hoxe segue a dar froitos. Este feito, xunto a outros factores como a cada vez máis elevada media de idade dos lectores de tebeos ou a definitiva implantación do revisionismo posmoderno tamén no mundo da historieta, permiten comprender fenómenos como a proliferación dos revival, a recuperación de clásicos do cómic ou o xurdimento dun subxénero consagrado á imitación do estilo das obras do grande mestre Kirby.

GØdland, a serie creada para Image Comics por Joe Casey e Tom Scioli, insírese sen complexos nesa tendencia. Concebida coma unha obra de ciencia ficción e superheroes case ó cincuenta por cento, vocacionalmente intrascendente e divertida, a serie válese do recurso á síntese gráfica de Kirby para apelar directamente a un xeito de narrar proprio doutra época. Non deixa de ser un paradoxo que sexa en boa medida a mesma ollada desmitificadora que lle roubou a inocencia ó tebeo popular norteamericano a que agora dé lugar a unha obra como ésta, que postula unha desprexuizada volta ás orixes. Non sabería dicir se a facilidade con que se dixire esta caste de pastiche se debe á vixencia de Kirby, á fonda interiorización persoal da súa obra ou a pervivencia da mesma coma sustrato de grande parte do que dende a súa retirada e posterior pasamento se ten publicado. Pero o certo é que a opción gráfica funciona como unha perfecta declaración de intencións por parte dos autores respecto do tono que lle pretenden imprimir á serie.

Polo demáis, o mellor que se pode dicir destes primeiros seis números de GØdland, recopilados nunha correcta edición en tomo por Saturno Edicións baixo o título Ola cósmico, é que dan o que prometen: aventuras grandilocuentes, personaxes básicos e cun punto estrafalario, epopea cósmica, colorismo pop, acción, algo de humor e a inocencia consciente de quen se nega a medrar. A trama engade un acabado superheroico a unha premisa que non se pode desvencellar de 2001, odisea no espacio, película que Kirby adaptou ó cómic no seu día e que deu lugar a unha serie ó seu cargo libremente baseada nela. Agora ben, agradécese que o festival revisionista se limite ó tono e ambientación do relato, sen apenas incorporar referencias concretas a personaxes e historias clásicas, o cal non deixa de ser un rasgo diferencial deste proxecto respecto doutros da mesma tendencia. Nen os debuxos de Tom Scioli acadan a elegancia de Steve Rude ou José Omar Ladronn (artistas que en distintos momentos teñen xogado a imitar a Kirby), nen o guión de Joe Casey destaca pola súa perspicacia, o que non impide que o resultado final sexa congruente coas súas pretensións.

Ningún comentario: