venres, novembro 02, 2007

O Escapista



Rematado o libro de Kavalier e Clay, parecíame lóxico achegarme ás aventuras do personaxe creado por aqueles nos anos 40, O Escapista, por máis que a súa estrea real non se producise ata o século XXI de mans de Dark Horse. O Escapista constitúe de seu unha homenaxe non a unha época, senón a varias, da historia do cómic. Autores do prestixio de Jim Starlin, Howard Chaykin ou Kyle Baker poñen a súa peculiar ollada ó servizo da recuperación dun personaxe que, de feito, nunca existiu, con historias breves que se poderían ubicar en distintas épocas da súa tamén imaxinaria evolución.

O capítulo inaugural é, como non podería ser doutro xeito, a adaptación case literal da orixe do Escapista tal e como se recolle en As asombrosas aventuras de Kavalier e Clay. Michael Chabon consta como guionista, anque descoñezo se escribiu un guión específico ou se o debuxante Eric Wright se serviu directamente da información que proporciona a novela. Ségueno varias aventuras do superheroe en tonos diversos, supostamente característicos de distintas formas históricas de aproximación ó personaxe e ó imaxinario superheroico en xeral, con textos intercalados que fan referencia a un pasado creado ex novo para o personaxe.

O resultado final é no seu conxunto bastante irregular. O mencionado Eric Wright, debuxante que eu non coñecía, amósase como un artista certamente limitado e cunha narrativa que entorpece ás veces a correcta lectura dos acontecementos. O capítulo de Jim Starlin é unha historia muda sobre outro personaxe da factoría Kavalier & Clay, Polilla Luna, lineal e sinxela, simplemente correcta. Algo semellante pode dicirse da escrita e debuxada por Howard Chaykin, mentres que a debida a Kyle Baker se beneficia do peculiar sentido do humor do autor, sen chegar a destacar abertamente sobre o resto. Kevin McCarthy escribe as historias restantes sen dar mostras dunha excesiva inspiración. Pódese dicir que o resultado, ainda sendo unha lectura agradable, está por debaixo do que se podería agardar, tanto en canto o enfoque pulp que se lle pretende dar á obra, como respecto duns autores cuio coñecido talento anima a esixir máis.

Ningún comentario: