sábado, novembro 24, 2007

Sandman Mystery Theatre: A pantasma da Feira – O Falcón Negro



Como acontecía con algún episodio de As asombrosas aventuras de Kavalier e Klay, o presente arco argumental de Sandman Mistery Theatre, A pantasma da Feira, transcurre coa Exposición Universal de Nova York de 1939 como fondo. É probable que a utilización como escenario literario deste tipo de eventos (vénseme á memoria a ambientación de A cidade dos prodixios de Eduardo Mendoza na Exposición Universal de Barcelona de 1888) esté relacionada coa arrogancia inocente e, dende unha óptica actual, trasnoitada dos seus propósitos, coa súa condición de cidades de xoguete e polo tanto fantasmagóricas, ou se cadra cunha combinación dos dous factores.

En calquera caso, A pantasma da Feira revélase coma un dos mellores arcos da serie ata o momento. Inspirada máis remotamente do que podería parecer en A pantasma da ópera, a historia concede un notable protagonismo, sobranceiramente nos capítulos iniciais, ó tenente Burke, o axente de policía que actúa en paralelo a Sandman e polo tanto aliado irreconciliable daquel; consagra ademáis o cambio de estatus de Dian Belmont, que pasa de interese romántico a sidekick; e introduce tanxencialmente a outros personaxes da Idade de Ouro, Jim Corrigan e o Vingador Carmesí. A trama ofrece un tratamento equilibrado da cuestión homosexual, da que non renuncia a dar unha visión en clave actual sen caer na corrección política nen resultar incongruente coa época na que transcurren os feitos.

Os seguintes catro capítulos introducen a outro personaxe clásico de DC, o Falcón Negro, aviador polaco dos anos 40 que foi obxecto varias revisitacións a cargo de autores como Howard Chaykin. A trama urdida por Steven T. Seagle, algo máis convencional que a anterior, ten como interese principal a asunción por parte de Dian da personalidade enmascarada de Sandy, o sidekick clásico de Sandman, nunha revisión tan apócrifa como lóxica da historia do personaxe. Déixase sentir a ausencia de Guy Davis nos lápices, especialmente porque o seu sustituto, Matthew Smith, amosa carencias notables, o que non impide que a lectura sexa en conxunto tan agradable como adoita.

Entradas relacionadas
Sandman Mystery Theatre: A néboa
Sandman Mystery Theatre: Pitón

Ningún comentario: