Como é sabido, en 1965 
Marvel cómics optou por transformar a 
Nick Furia, ata entón rudimentario soldado da Segunda Guerra Mundial, en axente secreto hipertecnoloxizado, mudanza que se presta a proveitosas análises en clave sociolóxica (como retrato dunha sociedade cuxo interese polo belicismo convencional decae na mesma medida en que aumenta a súa fascinación pola espionaxe sofisticada), pero vale tamén para explicar a política editorial dunha 
Marvel sempre disposta a se reciclar ventando os cambios nas preferencias do público.
 
Planeta reeditaba recentemente (2010) os capítulos da cabeceira 
Strange Tales na que se introducía a este 
Furia renovado canda algún dos seus secundarios habituais (caso de 
Dum Dum Dugan), ao tempo que se presentaba a organización SHIELD e a súa oposta Hydra, cun líder supremo na sombra coma némese. Malia que os primeiros capítulos da serie correron a cargo de 
Stan Lee e 
Jack Kirby, o nome que invariablemente se emparella con estes cómics é o de 
Jim Steranko, que asumiría primeiro o acabado dos lapis de 
Kirby e finalmente pasaría a ser guionista e debuxante do serial. Nunha lectura actual, non sorprende a escasa trascendencia dos capítulos producidos por 
Lee e 
Kirby, limitándose o seu labor a establecer o novo escenario e limitándose a cumprir asepticamente nos argumentos trazados. 
A entrada de 
Steranko supón unha inxección de forza e unha certa viraxe argumental. Finaliza o ciclo de Hydra e comeza a introducir variantes de xénero, con elementos de ciencia ficción ou o célebre pastiche holmesiano (recreación apenas disimulada de 
O can dos Baskerville) que pecha este volume. Porén, é na faceta gráfica onde o traballo de 
Steranko resulta máis salientable. No momento en que pasa a ser responsable único do debuxo abandona a liña discreta que mantivera cando remataba os bosquexos de 
Kirby para optar por un grafismo moito máis enérxico e innovador. Coma o seu antecesor, aposta por uns deseños de maquinaria e demais gadgets tecnolóxicos espectacular e rupturista, pero é nas solucións narrativas onde o seu labor resulta máis imaxinativo. Ademais dos recursos máis obvios (collages ou dobres pranchas espectaculares), 
Steranko experimenta constantemente na estrutura de páxina, descompoñendo a moi conservadora planificación que predominara ata ese intre. En ocasións, as  fronteiras das viñetas desintégranse, con imaxes que se superpoñen limpamente; noutros casos, o artista xoga co tamaño dos cadriños para producir efectos de ritmo; hai anacos de narración sen texto, 
algún deles ben coñecido; tamén perspectivas extremas, deformación expresionista, xogos de cor... 
Steranko desbota a narrativa invisible e desafía constantemente ao lector. O arriscado da súa aposta, así coma a forza e elegancia do seu debuxo explica a popularidade que acadaría o artista malia a súa escasa produción, ao tempo que xustifica a vixencia dunha cabeceira que, doutro xeito, tería moitos menos motivos para ser reivindicada hoxe.