Este é o contexto no que aparece Slash Maraud, unha serie limitada de 6 capítulos ambientada nun futuro distópico no que a humanidade vive subxugada por unha especie extraterrestre que tomou o control da Terra. Os invasores someten o planeta a un proceso de transformación que facilitará o seu establecemento e levará aos humanos á extinción nun prazo de cinco anos. Fronte ao ambiente de resignación festiva predominante entre os indíxenas, dous humanos, Slash Maraud e Wild Blue, organizarán unha milicia de resistencia co propósito de expulsar os alieníxenas. Así presentada, nada parece diferenciar esta trama dunha chea de cómics, películas, series e novelas que seguen o ciclo de invasión-resistencia-expulsión. Sen embargo, as páxinas deste cómic mostran unha realidade notablemente distinta.
O heroe, Slash Maraud, ben pode considerarse un representante da vaga conservadora que invadiu a cultura popular estadounidense nos anos 80, que camiñou parella ao triunfo político de Reagan e a New Right, e que tivo uns representantes destacados nos heroes hipermasculinos, de corpo musculado e xorne violento que no cinema encarnaron actores coma Stallone, Schwarzenegger ou Clint Eastwood. No mundo do cómic, é nestes anos cando aumenta a popularidade de Wolverine tras a exacerbación do seu carácter violento a partir do Uncanny X-Men #133 (1980), e que desembocaría na concesión de cabeceira propia en 1988; ou cando a versión escura e violenta de Batman que Frank Miller ofreceu en The Dark Knight returns (1986) termina contaminando a caracterización do personaxe nas súas series mensuais; ou cando o Punisher pasa de vilán tarado a “vixilante” bronsoniano á fronte de cabeceiras de éxito (1986 e 1987 os volumes 1 e 2). Maraud comparte con eles os atributos dunha masculinidade esaxerada que abrangue o seu aspecto físico (melena e peito lobo, corpo musculado, gafas escuras, cinta no pelo...), a súa distancia emocional respecto das mulleres e a súa competencia no uso da violencia. O personaxe funcionaría sen problemas nun relato de acción oitenteiro. Pero, como veremos máis adiante, Slash Maraud non é exactamente iso.
![]() |
| Marcianos furries: medo ou risa? |
A masculinidade de Maraud atopa unha peculiar contrapartida no personaxe de Wild Blue, cuxa feminidade aparece tamén subliñada con trazo groso. Enfundada nunha malla de tigresa, con tacóns, o pelo azul cardado e unha maquillaxe estridente (rara vez a maquillaxe feminina aparece destacada nos cómics), Blue parece fuxida dunha hair metal band dos 80. Que papel é o que lle corresponde na trama? A portada do primeiro cómic da serie parece non deixar lugar a dúbidas: Blue aparece detrás do heroe, sentada na súa moto. Parte da paisaxe, unha posesión máis, un obxecto decorativo... é iso o que é? Por unha banda, é claro que os autores non quixeron facer dela unha dama en apuros, a rapaciña dependente que o heroe debe protexer. Non son poucas as ocasións nas que Blue deixa constancia dun carácter forte e tamén dunha indiscutible pericia nas leas. Concedendo isto, resulta igualmente evidente que os autores fracasaron á hora de emancipala do heroe varón. Todas e cada unha das súas accións gravitan en torno a Maraud. Sen el, Blue non existe.
Doug Moench, guionista cunha longa traxectoria en títulos Marvel e DC coma Batman, Moon Knight, Kull the Conqueror e especialmente Master of Kung-Fu, onde coincidiu con Paul Gulacy, alicerza o seu relato nos lugares comúns mencionados para despois dedicarse a xogar cos límites ata facernos dubidar da seriedade das súas intencións. O primeiro aviso dáo a definición visual dos alieníxenas, unha caste de peluxes de Barrio Sésamo en versión realista. Se o propósito era o de crear uns adversarios de aspecto ameazador o resultado é cando menos desconcertante. A partir de aí, o camiño do heroe Maraud cara a salvación da humanidade levarao a transitar polos escenarios das narrativas máis desprestixiadas da cultura popular (o pulp, as slasher movies, a ciencia ficción de serie B, o relato erótico...) aderezados con pequenos detalles de raza e xénero que se abordan dende unha perspectiva máis próxima ao morbo e a exploitation que ao comentario político.
![]() |
| As Damazonas: dominación feminina coma fantasía masoquista do heroe varón |


























