O volume titulado O Universo DC de Alan Moore (ECC, 2012) recolle as historias escritas para DC Comics polo guionista británico entre 1985 e 1988 sen incluír Watchmen (que era un cómic DC mais non pertencente ao seu universo de ficción) nin a Saga da Cousa do Pantano (que pola súa extensión adoita compilarse á parte). O tomo está integrado por un conxunto heteroxéneo de relatos, pertencentes a cabeceiras diversas, de extensión variable e no que atopamos títulos que acadaron certa sona (A broma asasina, Que foi do home do mañá?) canda historias que estarían abocadas ao esquecemento de non teren sido escritas por Moore. Constatada esta diversidade e a escasa entidade dalgúns relatos, o sentido do volume non parece ser outro que o de ofrecer unha visión exhaustiva da traxectoria do autor nos anos nos que se produciu o gran salto cualitativo na súa carreira.
Que Moore sexa un autor de talento contrastado non debe levarnos ao erro de crer que todas as súas creacións son mostras de xenialidade, menos aínda no caso de traballos coas características dalgúns dos que recolle este volume, encomendas que polas súas limitacións de espazo, pola falta de continuidade ou de liberdade creativa, requerían de máis profesionalidade que xenio. Así, por exemplo, a historia Olimpíadas nocturnas, relato breve en dúas partes protagonizado por Green Arrow e Canario Negro e publicado orixinalmente na cabeceira Detective Comics, resulta absolutamente convencional e tan só chama a atención o feito de bosquexar sen desenvolver unha das ideas centrais de Watchmen, cando un adversario de terceira afirma e pretende demostrar que os superheroes son "xente normal disfrazada", acusación que a conclusión do relato desmente. A maioría das restantes narracións breves, os relatos dos Green Lantern Corps ou as historias ambientadas en Vega, a galaxia dos Omega Men, foron concibidas xa inicialmente coma secundarias ou complementarias. Moore limítase a ofrecer argumentos enxeñosos supeditados sempre a un twist final, optando por un estilo narrativo que, sumado á brevidade do relato e ao contexto cósmico, lembra moito aos relatos de ciencia ficción que publicaban as revistas británicas da época. Probablemente o máis logrado sexa Mogo non ten vida social, non pasando o resto de discretos. Por un motivo semellante ten interese Barro mortal, historia publicada orixinalmente nun Anual da serie Batman e cuxo protagonista real é Clayface, un dos adversarios do Home Morcego. Por ton e estrutura o relato apenas se axusta ás convencións do tebeo superheroico, asemellándose máis ás historias de misterio e terror que popularizou o cómic norteamericano nos anos 40 e 50 ou, de remontarnos ata os antecedentes, á literatura popular de principios do século XX, con O fantasma da Ópera coma referencia máis obvia. Con todo, a presenza de Batman e as concesións aos tópicos superheroicos desvían o curso do relato restándolle forza e reducíndoo a simple curiosidade.
Á parte das tres historias que teñen a Superman como protagonista, que xa foron comentadas neste blog, completan o volume dous capítulos da cabeceira Vixilante e o coñecido A broma asasina, con Batman e o Joker coma protagonistas. O día do pai, a historia en dúas partes do Vixilante, é a dubidosa contribución de Moore ao tránsito da cabeceira dende o seu natural contorno superheroico cara escenarios de violencia urbana e xustiza pola man. Pouco podemos salvar deste relato cuxo tremendismo, de pretensións realistas, resulta hoxe torpe e ata un tanto inocente, que ademais entra en contradición cada vez que aparece o protagonista con pixama e demais parafernalia. A violencia efectista ten tamén presenza en A broma asasina, obra coa que Moore pretendía ofrecer unha imaxe actualizada da orixe do Joker ao tempo que xogaba a diluír as diferenzas entre aquel personaxe e o seu antagonista Batman. Moi popular no seu tempo, a obra ten sido criticada tanto por instrumentalizar morbosamente a tolledura dun personaxe (Barbara Gordon) coma pola ambigüidade moral coa que se pecha, aspectos ambos que levarían ao propio Moore a renegar dela apenas uns anos máis tarde. A obra data do ano 1988 (a edición de ECC recolle erradamente o ano 1986), o superheroísmo hiperviolento dos anos 90 estaba a chegar e traballos coma este foron determinantes para esta deriva.
Non sendo unha das lecturas máis proveitosas de Moore, o volume ofrece un testemuño completo dunha etapa esencial na súa traxectoria, na que acadaría boa parte do prestixio que lle permitiría desenvolver posteriormente a súa carreira coma autor con maior liberdade.
Entradas relacionadas
Superman: As historias de Alan Moore
Ningún comentario:
Publicar un comentario