xoves, agosto 30, 2018

Qadriños: Fantasía e ciencia ficción con sabor a fanzine

A medida que se achega o verán, os fanzineiros poñen as máquinas a funcionar para poderen presentar os seus traballos en eventos de autoedición estivais como o Autobán da Coruña ou No Tengo Mamá de Vigo, ademais de aproveitar sinerxias con festivais coma Viñetas dende o Atlántico. De entre a variada oferta de fanzines aparecidos nestas datas destacamos tres que teñen en común a súa ambientación fantástica ou futurista, aos que engadimos un número especial dunha coñecida revista estranxeira en cuxas páxinas atopamos o novo traballo dun dos máis sólidos valores da nova banda deseñada galega.
 
Altar Mutante #7

Un dos clásicos do panorama galaico da autoedición dos últimos anos é Altar Mutante, revista consagrada ao “horror putrefacto e ciencia ficción graxenta” que dirixen Luis Sendón e Álvaro López e que acada xa o seu sétimo número. Fiel ás premisas sentadas nas primeiras achegas, a cabeceira acolle os traballos dos autores habituais (Sendón e López, Cráneo, Benlloch...) ao tempo que incorpora colaboradores ocasionais (Dani Xove, Jagoba Lekuona, Gairah Love...). Cada un deles asume o espírito que inspira a publicación dende as súas propias coordenadas creativas, dándolle forma de ciencia ficción hiperviolenta, fábula perversa, terror urbano, espada e bruxería ou humor macabro. O menú é máis variado do que podería parecer, sendo os mellores petiscos aqueles que provocan unha certa ansiedade pola súa inevitable brevidade. Por destacar algúns: a colaboración de Kike J. Díaz amosa o indiscutible progreso dun autor que debutou hai cinco anos co ambicioso Nordés e que leva tempo afinando un estilo máis próximo ao cartoon; Kike Benlloch e Diego Blanco ofrecen un relato de contornos ásperos que resulta interesante pola súa proximidade, talvez casual, ás claves literarias de Hawthorne ou Borges; e finalmente, Debelius atopa a mestura exacta de humor e gore nun capítulo que recunca no espírito das súas achegas nos números anteriores. O debuxante vigués está chamado a cumprir nun futuro inmediato coas grandes expectativas que os seus traballos recentes están a xerar.
 
Amair #1

Un que este ano se amosa especialmente prolífico é Kike Benlloch. Ademais de colaborar en Altar Mutante presenta dous cómics autoeditados, Amair e Legado, ambos en formato grampa (é cando menos un paradoxo que a grampa, que perdeu hai tempo a súa preponderancia dentro do cómic comercial, estea a ser recuperada dende o ámbito da autoedición) e primeiros capítulos de senllas sagas que continuarán en futuras achegas. Amair desenvólvese nun escenario fantástico semellante ao que o propio Benlloch creara para Cuimhne e a súa secuela, Cuimhne: La deuda, aínda que o ton poético que presidía aqueles dous relatos (especialmente o segundo) é substituído aquí por un alento épico que o fai abalar decididamente cara o xénero de aventuras. A fantasía guerreira é un terreo no que o debuxante Luis Sendón sabe desenvolverse con soltura, sendo a ambientación, a creación de paisaxes e a definición visual dos protagonistas, onde o seu traballo brilla máis. Moi suxestivo cando a narración avanza de forma pausada, as súas páxinas reséntense nos lances de acción, onde o seu característico trazo groso tende a recargar excesivamente as viñetas. Este primeiro capítulo esgótase na presentación da premisa argumental, na que uns deuses escuros utilizan a dúas tribos rivais para enfrontárense entre si. O personaxe de Amair, chamada a ser a protagonista do relato, ten unha participación menor que supoñemos que aumentará en futuras achegas.
 
Legado #1

Pola súa banda, Legado transpórtanos a un escenario de ciencia ficción clásica no que se escenifica a confrontación entre o individuo e as grandes estruturas de poder. Xulia Pisón, que xa amosara a súa querenza polas paisaxes futuristas en ∞-1, segue a medrar como artista a medida que asume retos cada vez máis ambiciosos. A pluralidade de personaxes protagonistas deste cómic, a súa estrutura non lineal e o ritmo cambiante ofrécenlle a ocasión para despregar toda unha serie de recursos narrativos e de caracterización que probablemente non tivera oportunidade de ensaiar ata o de agora, cun balance claramente positivo. A historia desenvólvese en dúas partes, polo que o final deste primeiro capítulo deixa todas as portas abertas. Agardemos que o segundo e derradeiro non se demore demasiado, e non só para que non esvaeza o interese da trama, tamén para manter a unidade de estilo. Unha artista en crecemento como Pisón pode evolucionar moito nuns poucos meses.
 
Judge Death: Darkness descends
 
Malia non tratarse dun fanzine, non resulta forzado mencionar aquí o novo cómic de Xulia Vicente. En primeiro lugar, porque a debuxante non está desvinculada da escena da autoedición da que formou parte activa durante os últimos anos; e, en segundo lugar, pola afinidade temática dos cómics que acabamos de mencionar co seu traballo máis recente, unha colaboración coa lendaria revista británica 2000 AD. O magazine inglés de ciencia ficción por excelencia ten cambiado moito entre os anos 80 e a actualidade. Aínda que moitos dos personaxes seguen a ser os mesmos (os Xuíces Dredd e Anderson, Rogue Trooper, Tharg...) o enfoque ten mudado de maneira irremediable. A contratación de Vicente, debuxante de estilo riquiño, abonda para corroboralo, máis se consideramos que a súa colaboración ten como protagonista o sinistro Xuíz Morte, un secundario habitual nas aventuras do Xuíz Dredd que acadou o seu pico de popularidade nos lapis de Brian Bolland. A versión da galega pouco ten que ver coa dureza hiperrealista do debuxante inglés. O seu relato, escrito por unha das guionistas habituais da cabeceira, Leah Moore, entrecruza o camiño do Xuíz zombie cun grupo feminino de música punk, dándolle á trama unha ancoraxe cotiá que facilita o encaixe da debuxante. Agradécese o necesario cambio de rexistro dunha Vicente cuxos traballos máis recentes (Ari, cazador de dragones, Duerme pueblo) transcorrían en escenarios menos sinistros. Tamén se agradece o contraste de ler, neste mesmo exemplar, unha aventura do Xuíz Dredd ou un capítulo do clásico serial Future Shocks debuxados por artistas de claves creativas tan distantes coma Babs Tarr e Tillie Walden respectivamente. 

venres, agosto 17, 2018

Vida e obra dun anarquista vigués

Ricardo Mella. O home novo

O terceiro traballo dos irmáns Xosé e Ramón Trigo recupera a figura do escritor anarquista Ricardo Mella.
 
Malia existir consenso sobre a súa relevancia dentro do pensamento anarquista español, o tempo presente non garda unha lembranza especialmente viva da figura de Ricardo Mella (1861-1925). Vigués de nacemento, a súa foi unha vida consagrada ao activismo político, fundamentalmente mediante unha produción literaria que lle valeu o recoñecemento dos seus coetáneos, mais tamén a través dun compromiso vital que foi alén da súa faceta de escritor. Mella foi un pensador comprometido co seu tempo, que participou activamente nas loitas obreiras do cambio de século e padeceu a represión do poder político ao que desafiaba. No profesional, exerceu a súa carreira de topógrafo, participando na construción do ferrocarril en Galicia e Asturias, e rematou a súa traxectoria dirixindo da Compañía de Tranvías de Vigo. O rueiro daquela cidade garda memoria do seu nome, pero é o persoeiro realmente coñecido entre os vigueses e os galegos?
 
O feito dos irmáns Trigo consagraren o seu novo traballo á figura de Mella semella responder ao desexo de combater este esquecemento e traer de novo á actualidade o seu legado. Ricardo Mella. O home novo xorde dunha campaña de micromecenado na rede, mediante a cal os autores sortearon as eivas do sistema editorial galego e acadaron os apoios necesarios para produciren este álbum que debulla os principais episodios vitais do anarquista vigués. Foi no enterro do poeta Carlos Oroza, falecido en 2015, onde agromou nos autores o desexo de dedicarlle un libro a Ricardo Mella. De aí que a obra comece cun improbable diálogo entre Oroza e Mella, no camposanto de Pereiró, e remate cun paseo de ambos polas rúas de Vigo. Unha parella estraña, dúas figuras singulares cuxos nexos se explican mellor na ollada dos autores que na súa propia semellanza. Hai nestas pasaxes fabuladas unha intención poética ausente no resto da obra, consagrada a unha exposición máis convencional da vida e obra do escritor anarquista. Os irmáns Trigo van facendo parada nos principais eventos da vida de Mella, deixando constancia da súa posición nos acontecementos históricos que viviu e alternando con pequenos extractos da súa escrita e do que sobre el escribiron outros. A pulsión divulgativa remata por apropiarse da obra, desembocando nunha biografía convencional na que o que máis chama a atención son as posicións políticas de Mella, dun idealismo que hoxe consideraríamos inocente e só comprensible como consecuencia dun irremediable optimismo antropolóxico.
 
Ramón Trigo insiste no seu debuxo neboento, no que os detalles fican agochados polo predominio da mancha e da sombra. En Ricardo Mella. O home novo apenas se distinguen rostros agás no caso dos retratos de persoeiros históricos (Piotr Kropotkin, Mijaíl Bakunin, Ferrer i Guardia) que aparecen espallados pola narración, e mesmo neses casos, as faccións individualizadoras xorden apenas dun trazo conciso ou da insistencia dunha sombra carbonosa. Predominan as siluetas sombrías contempladas dende a distancia e unhas paisaxes bretemosas que nos falan dun mundo no que a luz eléctrica non acadara aínda a súa omnipotencia actual. É probable que sexa na representación da I Guerra Mundial onde o seu debuxo acade maior forza expresiva. 
 
Apenas tres títulos conforman a produción conxunta dos irmáns Trigo (O burato do inferno, Lobada e esta mesma), tres obras singulares, de difícil encaixe nos escasos marcos dos que dispón a banda deseñada galega actual, e nas que os seus propios intereses persoais se mesturan coa riqueza do noso propio pasado histórico.