martes, xuño 18, 2019

As orixes do cómic galego

Os pioneiros da banda deseñada galega (1971-1979)

Xulio Carballo debuxa un minucioso mapa das orixes do cómic galego moderno na década dos 70 do pasado século, ofrecendo un imprescindible catálogo de títulos fundacionais e autores pioneiros.

En 2015, Xulio Carballo defendía na Universidade da Coruña a súa tese de doutoramento, elocuentemente titulada Para unha historia da banda deseñada galega. O investigador coruñés debullaba con rigor científico as primeiros mostras do cómic galego moderno, dando un paso decisivo para que dende a Universidade galega se comece a prestar atención a unha das manifestacións máis potentes da nosa cultura actual. O difícil encaixe do cómic nas disciplinas académicas tradicionais (na Filoloxía, nas Belas Artes?), a súa tradicional minusvaloración ou o retraso con que internacionalmente se lle franquearon as portas do eido universitario explican a escaseza de traballos de investigación saídos das universidades galegas coa BDG como obxecto. Dito iso, a tese de Carballo demostra que non existen escusas para que o cómic galego non sexa hoxe materia de estudo habitual na investigación universitaria do País, en pé de igualdade con calquera outra manifestación cultural.

Aquela tese vén de ser transformada agora nun necesario libro de divulgación que Xerais acaba de publicar na súa colección de Ensaio. Os pioneiros da banda deseñada galega (1971-1979) recolle os achados da angueira investigadora de Carballo e reorganízaos nun manual apto para calquera lector interesado en coñecer como foron as orixes do cómic galego moderno na súa década decisiva, a de 1970. Carballo establece unha cronoloxía das obras fundacionais da BDG e define detalladamente as pretensións dos autores que as fixeron posibles. O que os pioneiros Reimundo Patiño, Xaquín Marín, Chichi Campos ou Xosé Díaz tiñan en común era o desexo de empregar un medio popular, o cómic, para difundir unha mensaxe política emancipadora, unha chamada a tomar conciencia dos problemas políticos, sociais e económicos da época e transformar a realidade. Velaí a singularidade do caso galego, no que a serodia aparición da banda deseñada está claramente vinculada á escaseza de publicacións periódicas en galego e, en definitiva, á ausencia dunha cultura normalizada na nosa lingua.

Carballo sinala tamén a década dos 70 como o tempo no que se produciu a progresiva acollida das tiras cómicas en galego polos xornais do País, destacando de novo o labor de Xaquín Marín canda outros autores coma Xosé Lois, Esperante, Veiga ou Pepe Carreiro. Máis adiante chegarían os suplementos infantís e culturais, así como pequenos milagres coma a revista Vagalume, que en 1977 chegaba a contar en Galicia con máis de 5.000 subscritores. En 1979, o fanzine Xofre, promovido por un novísimo Miguelanxo Prado, Xan López Domínguez e Fran Jaraba, sinalaba o final dun tempo mediante a introdución dun novo paradigma na concepción da BD galega que, sen renunciar a reflectir a realidade do País, facíao abríndose a influencias do cómic que naquela altura estaba a producirse en España, Europa ou Norteamérica.

Carballo deixa establecidos os fitos fundacionais da BDG e pon en perspectiva as figuras daqueles creadores que merecen o maior recoñecemento polo seu labor de precursores, mais tamén concede unha agradecida atención a un feixe de autores que, dende unha discreta segunda liña, tomaron o relevo e continuaron o seu labor, facendo un cómic de vocación popular sen apenas referentes internos dos que botar man. A maioría deles seguirían hoxe no esquecemento de non ter sido recuperados por este estudio. O libro ten outras virtudes máis incómodas, coma a de poñer en evidencia que o cómic galego ofrece un inxente campo de estudo que demanda atención académica, ou constatarmos que non existen, a día de hoxe, reedicións recentes de ningún dos grandes dos títulos fundacionais da nosa BD.