mércores, febreiro 17, 2021

Bo tempo

Reimundo Patiño sostiña á altura dos anos 70 do pasado século unhas ideas respecto da banda deseñada que non só resultaban insolitamente avanzadas na España do final do franquismo, senón que o situaban entre as correntes máis progresistas da crítica cultural internacional daqueles anos. Onde o pensamento hexemónico vía un medio de produción industrial (e por tanto, non artístico), destinado exclusivamente a un público infantil e incapaz de artellar mensaxes dunha mínima complexidade, o pintor coruñés enxergaba un instrumento de extrema utilidade comunicativa que, precisamente por ser intelixible para unha grande masa de lectores, resultaba idóneo para espallar mensaxes emancipadoras. A coherencia entre o pensamento político de Patiño, as súas ideas sobre a arte e a súa propia praxe creativa foi unha constante na súa traxectoria e o seu achegamento ao cómic non foi unha excepción. Un traballo liminar coma a serie de serigrafías O home que falaba vegliota (1972) ou o fundacional 2 viaxes (1974), álbum do que foi co-autor canda Xaquín Marín, outórganlle unha posición central nas orixes da BD galega e xustifican calquera recoñecemento á súa condición de precursor. Como tal recoñecemento podemos considerar Bo tempo, cómic recentemente publicado por Demo Editorial no que o debuxante madrileño Alberto Díaz leva a cabo un exercicio de memoria persoal arredor da figura de Patiño, relatando algúns episodios da súa traxectoria vital e recollendo parte significativa do seu pensamento.
 

Díaz coñeceu de cativo a Patiño, que daquela residía en Madrid e tiña amizade cun tío seu, o pintor León Díaz Ronda. Para el era unha figura estraña, “un tío moi raro” que tiña “unha cara difícil” e pintaba “uns cadros moi raros”. O que falaba co seu tío resultáballe tan incomprensible coma as súas pinturas. Segundo confesa no cómic, Díaz foi comprendendo e apreciando a pintura de Patiño co paso dos anos, o que deu lugar  a unha arela nova, a de redescubrir a persoa que creara aqueles cadros. Bo tempo é o resultado dun proceso de investigación no que o autor procura na súa propia memoria familiar, mais tamén esculca na dimensión pública do pintor. Lonxe das estruturas das biografías convencionais, Díaz leva a cabo unha recomposición fragmentaria da figura do artista coruñés, que elude a sucesión de eventos significativos para se deter no pequeno, no anecdótico. A súa é unha reconstrución íntima, que abrolla da súa propia vivencia, o que converte o seu cómic nunha biografía mediada, na que o biógrafo adquire presenza e convida ao lector a contemplar a Patiño a través da súa propia ollada. 


Nas primeiras páxinas do cómic, Patiño debuxa as paisaxes deprimidas do Pozo del Tío Raimundo en Vallecas acompañado por Alexandre Cribeiro. Díaz establece así unha das ideas principais do seu achegamento, a indisolubilidade das inquedanzas artísticas de Patiño e a súa preocupación pola xustiza social. O percorrido posterior deixará constancia do seu activismo cultural e político en Madrid, da súa incorporación ao grupo Brais Pinto e so seu posterior regreso a Galicia. Mais non todo son datos e feitos, Díaz esfórzase tamén por desentrañar o sentido artístico da obra de Patiño. Ademais de recoller as teorías do autor expresadas por el mesmo e de expoñer a súa técnica pictórica, o debuxante propón a súa propia interpretación da súa pintura, unha aproximación aberta na que hai máis interrogantes que certezas. A presentación dun Patiño onírico, que protagoniza pasaxes soñadas ou imaxinarias, culmina a apropiación do personaxe polo autor e confirma o seu desexo de retratalo segundo a súa propia percepción.
 

Alberto Díaz é un debuxante de longa experiencia, cuxa carreira principia nos anos 90 en fanzines e publicacións contestatarias, e que posteriormente foi transitando cara o cómic infantil e a literatura ilustrada. As páxinas de Bo tempo amosan a un debuxante de trazo limpo, liñas finas e formas planas, de narrativa áxil e depurada. Paradoxalmente, o seu estilo podería considerarse antitético do de Patiño, que sempre se expresou mediante trazos tortuosos, páxinas recargadas e cores estridentes. Velaí un contraste interesante. Podemos considerar Bo tempo unha obra divulgativa ou tamén unha merecida homenaxe a un artista valioso polo seu talento pictórico e pola súa dimensión intelectual. Pero alén de todo iso, hai tamén neste cómic algo de recoñecemento íntimo e unha vocación de legado, un desexo de transmitir ás novas xeracións a admiración persoal e sincera do autor cara o artista coruñés.