luns, xaneiro 25, 2016

Qadriños: Patricia Highsmith, escritora de cómics

















A inminente estrea de Carol trae de novo á actualidade a Patricia Highsmith, magnífica novelista que exerceu tamén durante un tempo como guionista de cómics. Foi nos anos 40, tras rematar os seus estudos universitarios e antes de ver publicadas as súas primeiras creacións literarias. Highsmith formou parte da lexión de profesionais (escritores, debuxantes, entintadores, rotulistas...) que se incorporaron á produción de banda deseñada nunha época na que o medio experimentou un crecemento espectacular en Estados Unidos. The Black Terror, The Fighting Yank, Spy Smasher ou The Destroyer, fillos menores da primeira gran vaga superheroica, foron algúns dos personaxes que pasaron polas súas mans antes de abandonar o medio cara 1949 e centrarse na súa emerxente (e fértil) carreira literaria. Máis información, en Qadriños.

mércores, xaneiro 20, 2016

Algo se move no blogomillo










Coma nos grandes mitos, o blogomillo apareceu cunha grande explosión. Nun breve período de tempo agromaron centos de bitácoras en galego, a ferver cada mañá con ideas, novas, opinións, coñecemento, propostas, brincadeiras... Despois veu a contracción, a previsible selección natural aumentada pola auxe doutras redes sociais. Mais a implosión non levou á desaparición, os blogues en galego seguen a existir, algúns deles transformados en referentes ineludibles dentro do seu eido. Por iso, recollemos e celebramos a iniciativa de Xabier P. Iglesias de cartografar o blogomillo, proxecto que vai medrando dende a súa primeira listaxe e que vén de ser mellorado cun formulario que permite aos blogueiros que o desexen censar a súa bitácora. Beizóns para os promotores!

Imaxe descargada de marcus.es, descoñezo a autoría. 

martes, xaneiro 19, 2016

Elipses e sombras: Dúas olladas sobre Cervantes

Miguel EN Cervantes. El retablo de las maravillas

Miguelanxo Prado e David Rubín colaboran nun proxecto divulgativo centrado na figura e obra de Miguel de Cervantes.

Miguel EN Cervantes. El retablo de las maravillas preséntase coma o catálogo que acompaña á exposición do mesmo nome, unha iniciativa da Comunidade de Madrid, o Instituto Cervantes e Acción Cultural Española para difundir a figura de Cervantes e a súa obra co gallo do IV Centenario da publicación da segunda parte do Quixote (2015) e do pasamento do seu autor (2016). Trátase realmente dun volume con distribución ordinaria en librarías que contén unha breve biografía ilustrada de Cervantes e unha adaptación ao cómic de El retablo de las maravillas. Os escollidos para levar a cabo estes labores foron dous autores centrais da banda deseñada galega, Miguelanxo Prado e David Rubín, valores seguros do cómic e a ilustración que cumpren con eficacia a tarefa encomendada. 

Non ten sentido descubrir a estas alturas o talento de Miguelanxo Prado, autor recoñecido internacionalmente e cunha traxectoria tan extensa coma prestixiosa. Cómpre lembrar que malia ser esencialmente un autor de cómic, Prado ten tamén unha longa experiencia coma ilustrador, tendo deseñado numerosos carteis e cubertas de libros, ademais de acompañado cos seus debuxos títulos de autores coma Ramón Caride, Agustín Fernández Paz e Manuel Rivas entre outros. Nesta ocasión, ocúpase de ilustrar un breve percorrido polos escasos feitos certos que se coñecen da vida de Cervantes, a súa orixe familiar, os seus parentes e algúns retrincos da súa traxectoria vital. Abonda con contemplar os bosquexos que acompañan este libro ou os moitos que compoñen os dous volumes de Papeles dispersos, título no que recupera debuxos do natural e traballos preliminares, para nos decatar de que a Prado abóndalle con catro riscos para reflectir acenos, ollares e expresións facilmente recoñecibles. As ilustracións deste libro, nas que atopamos un Cervantes imaxinado a partir da súa propia descrición (lembremos que non existen retratos auténticos seus), ofrecen unha nova mostra deste talento. Mais hai xa tempo que Prado labra as súas imaxes en capas sucesivas nas que vai engadindo luz, cor e matices a esa simplicidade orixinal. Limpas e sen apenas fondos, as súas ilustracións neste volume concédenlle todo o protagonismo á figura humana. A falta de texto, os personaxes falan cos ollos (irónicos, coléricos, enfastiados...) e tamén co corpo, cunha teatralidade que nunca chega a ser excesiva.

Pola súa banda, David Rubín leva ao cómic El retablo de las maravillas, “entremés” cervantino publicado por vez primeira en 1615 que parte dun motivo argumental moi semellante ao que posteriormente popularizaría O traxe novo do Emperador de Hans Christian Andersen para ofrecer unha ácida crítica de determinados tipos sociais e costumes do seu tempo. Rubín traduce as pretensións satíricas do texto adoptando un rexistro caricaturesco pouco usual na súa obra, cun deseño de personaxes memorable (recalcados, hiperbólicos), e un desenvolvemento narrativo con abundantes pinchacarneiros visuais. Como vén sendo habitual na súa produción máis recente, Rubín acentúa a visibilidade do aparello narrativo, recorrendo a solucións gráficas ostensibles, mesmo estridentes, mais perfectamente coherentes co espírito algareiro do argumento. As páxinas deste Retablo de las maravillas conforman un quebracabezas extraordinariamente vivaz, unha nova mostra de xenio creativo por parte do seu autor.  

A combinación de biografía e ficción, cómic e relato ilustrado, converte a Miguel EN Cervantes. El retablo de las maravillas nun artefacto estraño, difícil de reconducir a unha categoría estandarizada. É posible que ese sexa un dos principais argumentos ao seu favor. O outro, máis obvio aínda, é que ofrece a oportunidade de ler conxuntamente a dúas das figuras máis relevantes da banda deseñada galega, dous autores que adoitamos vincular pero que en poucas ocasións teñen colaborado dunha forma tan directa. A portada deste volume, realizada conxuntamente por ambos, reflicte a disparidade dos seus estilos, a refinada perspicacia de Prado fronte o estoupido de enerxía de Rubín. Diferenzas que, lonxe de facelos incompatibles, constitúen un dos principais incentivos para a lectura do libro.

[Publicado en Galicia Confidencial Tendencias o 18 de xaneiro de 2016]

venres, xaneiro 08, 2016

Qadriños: Catro novelas de superheroes











Rick Moody, Michael Chabon, Jonathan Lethem e Junot Díaz son catro voces singulares da narrativa norteamericana actual. Malia as peculiaridades de cadansúas carreiras é posible establecer unha cadea de vínculos entre eles coa banda deseñada coma fío condutor. Novelas coma A tormenta de xeo, As asombrosas aventuras de Kavalier e Clay, A fortaleza da soidade e A marabillosa vida breve de Oscar Wao conceden unha singular importancia ao cómic popular, poñendo de relevo o seu papel na educación emocional de sucesivas xeracións de rapaces en Norteamérica. Os afeccionados á BD apreciarán a reivindicación do valor cultural do cómic implícita nas catro novelas mais, por riba de todo, trátase de catro excelentes obras que paga a pena ler. A elas me refiro máis polo miúdo en Qadriños.