venres, agosto 21, 2015

Elipses e sombras: Sombras chinesas

Cuimnhe: La deuda

Sete anos despois, cunha sensibilidade máis serena e acompañado por un suxestivo desenvolvemento gráfico de Pedro Villarejo, Kike Benlloch recupera o universo fantástico que creara para a novela gráfica Cuimnhe: El fuego distante.

Foi por volta de 2008, co colectivo Polaqia a atravesar o momento de madurez que precedeu á súa disolución, cando Kike Benlloch e José Domingo publicaron Cuimnhe: El fuego distante, unha novela gráfica de ambientación fantástica que sería o primeiro traballo extenso do autor que posteriormente acadaría sona internacional con Aventuras de un oficinista japonés. Paga a pena achegarse hoxe a aquelas páxinas que mostran a Domingo nun rexistro gráfico moi afastado do seu estilo actual pero cuxa narrativa, ambientación e caracterización de personaxes anunciaban xa a presenza dun debuxante de talento. Malia estar ambientado nun entorno de espada e bruxería, con criaturas míticas e animais que falan, o argumento concibido por Benlloch xiraba arredor de conceptos políticos e relixiosos, sobordando os límites da fantasía de pura evasión. A narración aparecía dividida abruptamente en dúas partes que case podían lerse de forma independente e que lle conferían ao conxunto un aquel episódico. Como adoita acontecer coas historias de Benlloch, o percorrido do relato non chegaba a consumir o potencial dos personaxes e no mundo imaxinado polo escritor coruñés enxergábanse aínda fronteiras por explorar. Había espazo para máis historias pero ben poderían non terse contado nunca.

Non foi así. Hai poucas semanas Benlloch presentaba Cuimnhe: La deuda, un pequeno comic-book coidadosamente autoeditado que engade un novo capítulo á biografía do personaxe. En apenas dezaseis páxinas, La deuda explora simultaneamente a mocidade e a madurez de Cuimnhe, sustentándose nos elementos orientais presentes xa no volume precedente. A espiritualidade e habelencia coa espada da protagonista achegábana á figura do samurai, ao que se engade agora un argumento que xira en torno a conceptos como a honra ou o sentido do deber. A épica e a aventura deixan paso a un relato máis pausado, sen elementos fantásticos relevantes e que pretende ante todo perfilar o carácter do personaxe principal. Sen grandilocuencia nin efectismos, Benlloch fai discorrer en paralelo as dúas liñas temporais ata que se pechan dunha forma natural.

Non se pode pasar por alto a decisiva contribución de Pedro Villarejo, debuxante de trazo rexo e pouco dado ao ornamento co que Benlloch colaborara xa en Anónimo e que tiña ante si o difícil reto de substituír a Domingo. Segundo el mesmo confesou, ningún dos deseños preliminares do personaxe lle resultaba convincente e só se sentiu capaz de debuxar a historia cando se lle ocorreu imitar a aparencia dos teatros de sombras chinesas, siluetas negras que se proxectan sobre un fondo máis claro. A solución engaiola non só pola súa sinxeleza e encanto, senón pola perfección con que recolle e potencia o espírito do relato.

Con Cuimnhe: La deuda Benlloch e Villarejo engaden unha elegante coda ao relato orixinal. Tería atopado acubillo un cómic destas características nunha editorial convencional? Dificilmente. Hai xa tempo que a autoedición deixou de considerarse un paso previo á edición convencional para xustificarse coma un fin en si mesmo. A liberdade creativa e o control dos autores sobre o produto final son algúns dos motivos que explican o auxe actual desta corrente e traballos coma o que nos ocupa ofrecen unha boa mostra das súas posibilidades.

martes, agosto 11, 2015

Xente que fuma en pipa: Críticos e divulgadores de cómic











Os organizadores do Autobán, minifestival dedicado á autoedición e o cómic de autor que celebra a súa segunda edición, tiveron a amabilidade de convidarme a participar nunha das mesas redondas que forman parte do seu excelente programa para este ano e que leva por título Xente que fuma en pipa: Críticos e divulgadores de cómic. A cita será o sábado 15 ás 17:00 no bar La Maleta da Coruña e alí estarán tamén Octavio Beares (Faro de Vigo, CuCo, Vigo·é, Serie de Viñetas...), Bruno Lorenzo (Vivir na Coruña, Esperando a Godot, Cómic Digital) e Manu Barreiro (Metrópoles Delirantes), con Óscar Iglesias Urbanoscar coma moderador. Será un pracer conversar con eles e tamén con todos os que queirades achegarvos.

xoves, agosto 06, 2015

Esenciais ACDCómic - Primeiro trimestre de 2015














Se as listaxes de Esenciais de ACDCómic sempre adoitan vir inzadas de lecturas gorentosas, a colleita do primeiro trimestre deste ano paréceme especialmente vizosa. Nela atopamos o primeiro tomo da imprescindible compilación da obra completa de Julie Doucet, artista irrepetible escasamente coñecida e apenas editada entre nós ata agora; a nova e moi inspirada achega do universo de Jaime Hernández; a conclusión da triloxía de NitNit de Charles Burns, que afía de novo as arestas das súas claves creativas; o humor eviscerante e suburbial de Kaz; o enxeño metaliterario de Tom Gauld... Ata vintecinco títulos diversos en estilos e pretensións, mais todos eles interesantes e valiosos.