domingo, outubro 21, 2018

Conversa cun vello revoltado

O tesouro de Lucio

Demo Editorial publica en galego a biografía en cómic do anarquista navarro Lucio Urtubia.

Demo Editorial, que ata o de agora publicara case exclusivamente autores galegos, apostou este verán por O tesouro de Lucio, un cómic do debuxante navarro Belatz que apareceu en galego ao mesmo tempo que Txalaparta o publicaba en vasco e castelán, mentres que Tigre de Paper tiraba do prelo a edición en catalán. Velaí un xeito de colaboración practicamente inédito no que á banda deseñada atinxe e que permite tender pontes entre autores, lectores e sistemas editoriais que tenden darse as costas malia a súa proximidade.
 
O tesouro de Lucio recupera a figura de Lucio Urtubia, obreiro navarro que entrou en contacto con círculos anarquistas no París dos anos 50, onde chegara como desertor do exército español. As súas conviccións anticapitalistas levárono a emprender accións en contra dos bancos que ían dende “expropiacións” a man armada ata falsificacións de títulos bancarios que a piques estiveron de levar á quebra a entidades coma o City Bank. A súa vida na clandestinidade, na que houbo roubos e persecucións policiais, tempadas na cadea e unha constante tirapuxa coas autoridades, constitúe un material que podía terse modelado e servido ao público baixo o aspecto dun relato de acción “baseado en feitos reais”. Non foi esta a opción elixida por Belatz, que preferiu situar as conviccións ideolóxicas de Urtubia na cerna do seu relato. Mediante a introdución do personaxe de Amaia, unha rapaza que está a investigar a figura de Urtubia para un traballo universitario, o autor expón como as súas experiencias vitais na infancia e mocidade foron esculpindo a súa personalidade e consolidando as conviccións que o levaron a emprender o seu activismo anarquista. Co anarquismo desaparecido da escena política real e vivindo na prórroga dunha brutal crise que trouxo unha posta en cuestión do sistema capitalista e que resultou particularmente lesiva para a imaxe pública dos bancos e as entidades financeiras, o testemuño vital de Urtubia non só resoa coma o eco dun pasado afastado, senón que ofrece argumentos para reflexionarmos sobre  presente.
 
O inesperado éxito de El arte de volar (2009) de Antonio Altarriba e Kim non só contribuíu decisivamente a consolidar o formato “novela gráfica” no mercado español, senón que demostrou a existencia de interese por parte do público no cómic centrado na memoria histórica, deixando a vía expedita para que autores como Paco Roca, Jaime Martín ou Sento Llobell elaborasen algúns dos títulos máis destacados de cadansúas carreiras. O tesouro de Lucio, coa súa evidente pretensión de evitar que a figura de Urtubia caia no esquecemento, participa decididamente desta corrente. Mikel Santos “Belatz”, un auténtico descoñecido entre nós, chega ao cómic cunha longa traxectoria como ilustrador e deseñador gráfico. O seu é un debuxo limpo e de trazo fino que atopa o complemento perfecto nunha paleta de cores en tons pastel, dando como resultado un acabado gráfico asequible para un espectro amplo de lectores. O relato trenza sen perder o pulso as diferentes etapas vitais do protagonista. Lucio Urtubia fica retratado coma un vello raposo que perdeu a forza pero non perdeu as mañas.