A primeira e máis obvia diferencia entre esta obra e as que a precederon é a súa extensión. O demostrado talento de Rubín para a narración breve enfronta agora a proba que supón elaborar un macrorrelato que ten neste tomo de máis de 200 páxinas só a súa primeira parte. O artista supera claramente o reto, sostendo un ritmo narrativo envexable ao longo de todo o volume, ritmo que se ve favorecido por unha estrutura marcadamente episódica na que se seguen as célebres probas que debeu confrontar o heroe grego. Non se trata de valorar máis estre traballo pola súa maior extensión (a complexidade que implica a construción dun relato breve non é en absoluto desprezable), senón de constatar o risco que asume o autor nun terreo apenas explorado por el e o espirito de superación que está detrás desa decisión.
Chama tamén a atención o uso das cores, recurso que o autor ourensán empregara xa puntualmente en traballos previos, mais ao que nunca concedera o protagonismo que acada nesta obra. Nin o lector menos atento poderá obviar o festival cromático que abrolla das páxinas de O heroe. Cada capítulo ten as súas propias tonalidades, sempre intensas, básicas, nunca naturalistas, acentuando o sentido de espectáculo e a condición fantástica do narrado. Toda unha catarse de luces que contrasta co sobrio branco e negro que predominara na obra previa do autor.
Pero por riba de todo, deslumbra o talento narrativo dun Rubín que desprega un catálogo de recursos tan amplo que ata poderiamos considerar excesivo se non resultase, ao tempo, plenamente funcional. Cada episodio ten a súa feitura, cada páxina semella ser resultado dunha coidada planificación, alternando composicións simétricas con cadriños asimétricos, páxinas a splash e dobre splash con planos detalle, incorporando lances mudos ou case mudos, empregando onomatopeas coma marco… Curiosa tamén a facilidade coa que Rubín condensa influenzas variadas e dispares nun estilo persoal e coherente: tansicións que lembran a Miller, acenos propios do manga, perspectivas estilo Kirby, planos cinematográficos, expresividade cartoon…
A obra válenos tanto para constatar a facilidade con que poden traerse á actualidade os mitos gregos como para disfrutar cun Rubín que leva un paso máis aló os lugares comúns da súa propia obra. O ourensán debe confrontar agora un novo reto, o de poñer fin a este traballo sen defraudar as altas expectativas que xurden da primeira entrega.
Entradas relacionadas
O circo do desalento
Uxío Novoneyra: A voz herdada
Corazón de tormentas