mércores, agosto 31, 2016

Un mes, tres viñetas: Agosto 2016

A imaxe do escándalo de Frank "EVERYONE loves me" Cho





















1 de agosto. The Chicho Terremoto affaire. Fiel ao meu costume de chegar tarde ás polémicas, descubro que Frank Cho deixou de traballar na serie de Wonder Woman, para a que DC lle encargara a elaboración das portadas alternativas, por "diferenzas creativas" co escritor da cabeceira, Greg Rucka. De acreditarmos na versión de Cho, Rucka andaría todo o día poñendo a feder o traballo do debuxante ata que chegou a pinga que encheu o vaso, unha imaxe na que á Princesa Amazona lle asomaban as bragas por debaixo do uniforme. Contemplade a imaxe, obviade o preocupante ángulo de 90º que describe a columna vertebral da Princesa Diana e xulgade vós mesmos. Século XXI e a lencería feminina segue a provocar guerras entre homes. Como en toda cuestión relevante hai que posicionarse e, mirade, eu non podo apoiar a un prenda que pensa que dicir "EVERYONE loves my Wonder Woman covers and wants me to stay. Greg Rucka is the ONLY one who has any problem with covers" é unha maneira digna de guindarlle bosta ao contrario. Quen queira degustar xenuíno despeito adolescente pode ler o resto da declaración de Cho aquí. Se cadra facer casus belli dunha porción mínima de braguiña resulta esaxerado, pero non é menos ridículo porfiar en que teña que verse e, en calquera caso, chamarlle censor a quen elimina este detalle é aplicarlle un concepto moi serio a un asunto insignificante. Algo, por certo, moi propio do noso tempo. Que queredes que vos diga, eu sonvos do #TeamRucka.



"Pablo" (Carlos Giménez) e "Carlos" (Víctor Mora) por Luis García

















17 de agosto. I want  to do great things. "¡Es triste embrutecer así a la gente y embrutecerse uno al mismo tiempo!". Eis o berro dun tipo con pretensións. Estamos nos 70. Pablo, debuxante de profesión, vai cheo de facer cómics románticos. El quere ser un artista de verdade, crear unha obra "mordiente" e "corrosiva", remover conciencias. Cando lle vai co conto a Carlos, o tipo que lle escribe os guións, este responde con cinismo: "El señor quiere pagarse el lujo de la responsabilidad intelectual. Los principios hay que podérselos pagar". Deste xeito describe Love Strip, narración breve publicada na revista francesa Pilote no ano 1974, o panorama do cómic naquela altura: historietas alienantes ou fame. A denuncia cobra un sentido diferente cando descubrimos que quen asina o guión é Víctor Mora, o creador do que foi o cómic máis popular en España durante varias décadas, El Capitán Trueno. Recollía así o laio dunha xeración de autores que tentaron levar a banda deseñada máis aló do seu teito de cristal. Falaba tamén de de si mesmo? Probablemente. O guionista cínico ten o rostro do propio Mora e o debuxante idealista (despois baixará as orellas) é cagadiño a Carlos Giménez, autor da "mordiente" e "corrosiva" Paracuellos. Luis García, un debuxante dun virtuosismo asoballante, retratounos a ambos con exactitude fotográfica e uns anos máis tarde deixou o cómic aborrecido. Agora morreu Víctor Mora, que nos telexornais será identificado como pai do Capitán Trueno, o Jabato e mesmo o Cosaco Verde (e bo é), pero cuxa obra, como vemos, ía un chisquiño máis aló. Nas bibliotecas está para quen queira coñecela.

O Capitán Trueno por Ambrós (arquivo persoal de Carles Puigdemont)

















19 de agosto. Todos temos un pasado. Carles Puigdemont dedicoulle un chío a Víctor Mora no día do seu pasamento no que se refería a el como "responsable de tantes emocions de la nostra infantesa de la mà del Capitán Trueno". O meu pai opina, máis polo seu carácter descrido que por un coñecemento íntimo do President, que se trata da típica declaración para quedar ben dun ghicho que ocupa un cargo, pero eu disinto. Se cadra si quería dar unha certa mostra de ecumenismo recoñecendo a un que fora militante do PSUC, pero polo demais, que necesidade tiña este perigoso arredista de amosar a súa simpatía por un personaxe, o Capitán Trueno, percibido por moitos como un símbolo do españolismo cando non unha icona franquista? Que outra cousa que non sexa a sinceridade e a fidelidade á propia infancia puido levalo a ceibar un chío máis propio dun Reverte que dun Louis Riel xerundense? E finalmente, por que non lle caeron coiazos tanto pola banda de Laíño (CUP, ERC) coma pola banda de Lestrobe (PP)? Por un atinado xuízo da figura de Mora, ferreño antifranquista, ou máis ben pola coñecida irrelevancia cultural da banda deseñada?

domingo, agosto 28, 2016

Sangre americana

























A mediados dos 90 Alan Moore creou 1963, unha serie limitada coa que pretendía inventar un pasado para o universo superheroico de Image Comics cando a compañía tiña pouco máis dun ano de vida. Cada un dos capítulos era un número solto dunha cabeceira inexistente, elaborado de acordo cos tópicos narrativos e formais do cómic de superheroes dos anos 60. A miniserie, que era ante todo unha homenaxe do escritor británico aos cómics Marvel da Idade de Prata, ficaría inacabada e atrapada nunha arañeira de conflitos legais. O proxecto creativo de Benjamin Marra que recolle o volume Sangre americana (Autsaider, 2015), aseméllase en certa maneira a aqueles antigos cómics de Moore. Conforman o volume nove numeros soltos de cinco cabeceiras igualmente inexistentes, elaborados asumindo os códigos dos estratos máis baixos do tebeo de consumo e publicados orixinalmente no formato do cómic de masas, a grampa. A diferenza fundamental entre estes cómics e o 1963  de Moore é que o británico reconstruía unha tradición xenuinamente historietística, mentres que Marra reinterpreta dende a óptica do cómic popular tradicións narrativas alleas, característica sinalada atinadamente por Santiago García no prólogo a esta edición.

Abren o volume dous números de Gangsta Rap Posse, suposta serie protagonizada por unha banda de rapeiros que o mesmo botan unhas rimas que aniquilan neo-nazis ou venden rapazas ás mafias da prostitución. Cando un rapeiro rival saca un disco criticándoos irrompen no seu piso e métenlle un tiro. Cando a policía os persegue con tanques eles contestan cun bazooka. Non respectan ningunha norma, nin sequera as da Física: un balazo pode atravesar tres corpos se son eles os que disparan. Todas as mulleres do mundo desexan ardentemente seren as súas escravas sexuais, algún home tamén. Son omnipotentes, ninguén pode detelos, nin o alcalde, nin a policía, nin George Clinton. A fachenda, a egolatría, a autoindulxencia e a visión sublimada do eu propias das letras de hip hop na tradición gangsta atopan a súa tradución nestas aventuriñas disparatadas, unha tradución perfecta non só por incluír violencia testosterónica, exaltación do delito e misoxinia, senón tamén por revelarse coma unha fantasía de poder tan exacerbada coma pueril. As explosións, as mortes a esgalla e as mulleres cousificadas serían o berro provocador dunha mentalidade inxenua e insegura que pretende reafirmarse. O grafismo do segundo capítulo, que semella debuxado cun boli bic, reforza esta idea: garabatos dun adolescente no seu caderno, pura fantasía.

O protagonista do seguinte relato, capítulo solto da presunta serie Lincoln Washington, free man, é un home negro que chega a unha vila norteamericana en 1868 para reclamar unhas terras que lle pertencen. A benvida que lle depara o comité local do Ku Klux Klan xunto coa lembranza do seu pasado coma escravo inundan as páxinas de lances de violencia grotesca adobiada coa previsible denuncia da inxustiza, do escravismo e da discriminación racial. A historia posúe, xa que logo, un sentido moral do que carecen os restantes capítulos do volume. Sentido moral si, pero irónico, xa que o que o protagonista arrebola enfaticamente para reclamar a súa dignidade persoal é a súa condición de propietario. “¡Esta tierra, mi tierra, es la prueba de mi libertad!”, berra no final do capítulo. A liberdade, a dignidade persoal e a igualdade, serían, xa que logo, un corolario do dereito de propiedade ou, dito doutro xeito, só os propietarios son libres e iguais, unha idea que casa malamente coa Declaración Universal dos Dereitos Humanos aínda que quizais haxa un bo feixe de norteamericanos (e non norteamericanos) que estean de acordo con ela.

The incredibly fantastic adventures of Maureen Dowd sería un thriller político cunha xornalista sexy coma protagonista. Muller de acción, dura e resolta, a tal Dowd recibe en lencería e con pistola na splash que abre o capítulo. “Sexy e mortal” na mellor tradición da exploitation de vídeo-club e noveliña barata que o decurso posterior da historia confirma, con tiros, explosións e unha Dowd que emprega as súas “armas de muller” coma ferramenta de traballo. O feito de ser a protagonista un personaxe real provoca un efecto que, alén dos USA, só descifrarán os lectores habituais do New York Times. Algo semellante acontece co seguinte serial, The Naked Heroes, anecdótica viaxe interdimensional dunha parella de rockeiros que existen tamén e que andan de xira por eses mundos infernais que con tanto detalle retratan as portadas dos discos heavy.

Pechan o volume catro capítulos de Night Business, un compendio de tópicos das slasher movies oitenteiras no que un xusticieiro urbano persegue a un asasino de strippers. Con toda a súa hipérbole e o seu morbo barateiro, resulta ser máis retrato que sátira dunha forma de facer cinema que fixo furor nos vídeo-clubs na era dourada do VHS antes de ser arrasada pola corrección política.

O problema do conxunto de historias que compoñen este volume é o que resulta sempre de sumar nostalxia e ironía. Recoñecemos as referencias, a nosa propia bagaxe permítenos identificalas coma un crossover de experiencias do seu autor con produtos de cultura popular tradicionalmente vilipendiados, por unha banda o hip hop, o rock duro ou cinema de serie B, por outra, o cómic de consumo. Mais o manierismo con que se copian os rasgos de estilo, reproducindo temas e tópicos narrativos pero abranguendo tamén aspectos formais coma tipografías (seudo)mecánicas ou a impresión en papel de baixa calidade (a coidada edición de Autsaider corrixe este aspecto), abre unha fenda entre autor e obra. Non estamos, por así dicilo, ante unha obra sincera. A aparente visceralidade que asolaga estes cómics agocha realmente unha dramática distancia irónica. Hai máis honestidade nunha páxina de Sukia que en todo Sangre americana. Coma a rotura da cinta en metade de Planet Terror, os obxectos creados por Marra non semellan destinados a provocar emocións no lector senón a recrear artificialmente unha experiencia. É difícil sentirse provocado por unha idea tan profundamente nostálxica e, por tanto, conservadora.

Marra convida ao lector a gozar con praceres culpables (violencia descerebrada, linguaxe malsonante, morbo, machismo), pero simultaneamente ofrece unha experiencia aséptica, cen por cen segura. Todo é copia, simulación, unha broma. O lector ten coartada. Os pecados de Marra non condenan, inclúen a absolución.

sábado, agosto 27, 2016

Elipses e Sombras: Rule, Britannia!

Las aventuras de Luther Arkwright

A edición en formato integral de Las aventuras de Luther Arkwright de Bryan Talbot confirma a vixencia dun dos títulos máis representativos e influentes do cómic británico dos anos 80.

Nos anos 80 tivo lugar en Gran Bretaña a eclosión dunha xeración de autores que co paso dos anos deixaría unha fonda pegada no mundo do cómic. Nun mercado dominado polas revistas de aventura e ciencia ficción comezaron deixar mostras do seu talento artistas coma Alan Davis, Alan Moore ou Grant Morrison. Tamén Bryan Talbot, que entre 1978 e 1982 comezou a publicar Las aventuras de Luther Arkwright en revistas coma a escocesa Near Myths ou a inglesa pssst!. O sucesivo peche de ambas cabeceiras deixou a saga inconclusa pero non esquecida. O pulo dos lectores, que  reclamaban a súa continuación, e a teimosía do seu autor, que cría firmemente na súa obra, fixeron posible a súa volta en 1987, xa baixo a súa propia cabeceira, e a súa conclusión dous anos máis tarde. Dende entón o título foi traducido a numerosos idiomas e vén sendo reeditado periodicamente, o que confirma a súa posición destacada na evolución do cómic británico do século pasado. 

Talbot imaxina en Las aventuras de Luther Arkwright un mundo no que os Puritanos, descendentes de Oliver Cromwell, e os monárquicos Realistas se disputan o poder en Gran Bretaña, mentres potencias europeas coma Prusia ou a Rusia Imperial entran no xogo de alianzas para tirar proveito político. O autor inglés elabora un arrevesado pastiche no que os fitos fundacionais do nacionalismo británico se mesturan coa mitoloxía nórdica, o misticismo oriental e o delirio cósmico para artellar unha reflexión sobre as esencias británicas, a súa historia e o lugar que ocupa no mundo. Malia o seu aparatoso envoltorio de ciencia ficción, a obra serve de vehículo para unha clara impugnación do conservadorismo moral e do totalitarismo político, algo que dificilmente pode separarse do feito de  ter coincidido a súa aparición co ascenso do thatcherismo. Sen chegar a ancorarse na realidade do momento, Talbot foi quen de denunciar a involución reaccionaria que estaba a experimentar a sociedade británica nos primeiros 80, algo no que reincidirían títulos coetáneos e posteriores coma Judge Dredd, V de Vendetta ou Marshal Law.

Mais o interese de Las aventuras de Luther Arwright vai máis aló da súa interpretación en clave sociopolítica. A complexidade narrativa da obra unida á ambición do seu discurso formal fálanos dun autor ansioso por sobordar calquera convención e explorar todas as posibilidades expresivas do cómic como medio. Talbot experimenta cos tempos narrativos, fragmenta o relato e establece saltos no tempo, mestura os códigos gráficos do cómic comercial cos do underground, recorre ao collage e outras técnicas visuais grandilocuentes, prefigurando un estilo narrativo que posteriormente caracterizaría a autores da popularidade de Grant Morrison ou Alan Moore. O resultado é un texto deliberadamente denso aínda que intelixible, un traballo esixente que se dirixe a un lector pouco acomodaticio. Talbot aspiraba a atraer cara o cómic ao mesmo público que lía a Michael Moorcock ou admiraba as películas de Nicolas Roeg, autores ambos cuxa influenza no proceso de elaboración deste título ten sido recoñecida polo seu autor. Polo seu espírito experimental e contestatario, pola súa procura dun novo perfil de lector e pola precisión con que adiantou algunhas das tendencias creativas máis celebradas dos anos seguintes, Las aventuras de Luther Arkwright ocupa un lugar destacado no cómic británico do pasado século, polo que debemos celebrar a súa recuperación en formato integral e nunha edición que permite gozar da obra en todas as súas dimensións. 

venres, agosto 12, 2016

Heavy 1986

























Como o propio Miguel B. Núñez recoñece, Heavy 1986 (Sapristi, 2016) retrata os escenarios da súa propia adolescencia nos barrios populares de Madrid a mediados dos anos 80, o ambiente dos institutos e do grupo de rapaces e rapazas para os que a súa paixón pola música heavy formaba unha parte esencial da súa vida. Por unha banda, hai na obra un achegamento ás turbulencias propias da adolescencia, a confusión, as complicadas relacións entre pais e fillos, a sensación de incomprensión e tamén a entrada no labirinto dos sentimentos. Núñez incide na relevancia que a música pode ter nun momento crucial coma este. Os protagonistas de Heavy 1986 abrazan o rock duro coma un sinal de identidade, un acto de autoafirmación que, ao ser compartido con outros, lles confire ademais sentido de pertenza a un grupo. Os rapaces séntense directamente interpelados pola música, identifícanse coas letras das cancións e coa imaxe que transmiten os seus intérpretes. Fronte a mala sona de determinadas subculturas musicais, como sen dúbida era caso o caso do heavy naquela altura, está fóra de toda dúbida a súa capacidade para ofrecer un punto de apoio emocional aos rapaces nun intre que en boa medida marcará o seu futuro. Núñez non esconde a súa paixón polo metal mais consegue achegarse ao fenómeno coa distancia suficiente para eludir tanto o vitimismo coma a autocompracencia con que o heavy adoita contemplarse a si mesmo.

Mais este relato de adolescencia vén tamén acompañado dun relato social. Núñez describe un mundo no que os rapaces non teñen os grandes soños propios da mocidade, ningún deles se deixa levar por fantasías de éxito e diñeiro, senón que os máis asisados asumen aspiracións máis realistas, coma entrar a traballar nun almacén ou nun salón de peiteado. Sutilmente, sen facer proclamas nin darlle excesiva relevancia no relato, Núñez revela os mecanismos de reprodución social que negan a retórica neoliberal do emprendemento e o éxito polo esforzo. Neste senso, hai unha evidente vontade do autor de El corazón de los árboles de situarse na marxe e ofrecer un retrato do Madrid do final da transición alternativo ao macrorrelato oficial que se ten asentado nas últimas décadas e cuxa versión máis popular sería a serie Cuéntame cómo pasó, combinación de elementos de comedia familiar e clixés históricos que ofrece unha visión unívoca, tranquilizadora e castiza ata o ridículo do período posterior á morte de Franco. Núñez consegue ser contestatario, revelando unha realidade tradicionalmente excluída do relato oficial sobre a movida madrileña e sen caer tampouco no tremendismo nihilista do cinema quinqui, que no cómic podería representar Sangre de barrio de Jaime Martín.

Non sendo estritamente nin unha obra biográfica nin un traballo que aspire á exactitude histórica, sendo, iso si, un relato fortemente contextualizado, con numerosas balizas que nos permiten situar con exactitude o onde e o cando, o que fai de Heavy 1986 unha obra especialmente salientable é a súa capacidade para transcender o propio marco da narración. Porque o retrato de adolescencia é un tropo constante nos diferentes medios narrativos, porque as expectativas dos rapaces dos barrios populares do Madrid dos 80 non resultan ser moi diferentes ás dos de calquera outra cidade e, especialmente, porque a forza integradora que os protagonistas atopan no heavy metal non é diferente da que outros atopan noutros estilos musicais ou mesmo en afeccións doutra natureza. As páxinas que Núñez intercala no relato identificando as bandas e temas mencionados na historia son pura paixón de fan que, dispensando, en nada se diferenza da paixón de fan cara calquera outro ídolo adolescente. Podemos entrar en disquisicións musicais mais a pulsión emocional é a mesma e a súa capacidade para ser unha forza integradora da personalidade dos mozos tamén. De aí a importancia de recoñecer o valor dese capital simbólico que tan frecuentemente se ridiculiza.

Xa que logo, o que podería ter quedado nunha mestura de nostalxia e loa ao poder do metal resulta ser un artefacto bastante máis complexo que o autor desenvolve con pulso firme e sentido do equilibrio. Con Heavy 1986, Miguel B. Núñez imprime un novo xiro a unha carreira que non se caracterizara ata agora precisamente pola súa predecibilidade, confirmándose coma un dos historietistas máis persoais e versátiles do momento.

mércores, agosto 10, 2016

Elipses e Sombras: A xustiza pola man

Presas fáciles

Miguelanxo Prado volve ás librarías con Presas fáciles, un comedido relato policial que aborda o drama dos afectados pola estafa das preferentes ao tempo que convida a reflexionar sobre os riscos que agroman cando os cidadáns perden a confianza nas institucións.

O novo traballo de Miguelanxo Prado chega catro anos despois do premiado Ardalén. O tempo transcorrido non é moito se consideramos a cadencia de publicación de Prado na súa etapa máis recente. Máis ben o contrario, Presas fáciles ve a luz cunha certa sensación de urxencia que sen dúbida se debe ao desexo de dar testemuño dun dos maiores escándalos da nosa axitada vida recente, a estafa das preferentes, unha fraude masiva que esnaquizou o escaso prestixio social que lle quedaba a bancos e caixas ao tempo que confirmou algo que sospeitabamos, que os cidadáns estamos indefensos fronte o poder económico. Presas fáciles sitúase no ronsel doutras ficcións galegas recentes, coma a película El desconocido de Dani de la Torre ou a novela Matarte lentamente de Diego Ameixeiras, obras que recollen a forza simbólica do acontecido e convidan ao espectador/lector a preguntarse que grao de inxustiza se lle pode pedir aos cidadáns que aturen e a partir de que momento a inutilidade do poder institucional lexitima o recurso á xustiza pola man.

Miguelanxo Prado achégase a aqueles feitos construíndo unha intriga criminal na que a fraude financeira aparece axiña como causa das sucesivas mortes de varios empregados de banca. Malia optar por unha trama policial, o autor prefire afastarse dos tópicos do xénero negro e crear un relato de vocación realista, mesmo de perfil baixo, sen violencia nin golpes de efecto, centrado no diálogo entre os personaxes e nos pormenores dunha investigación pouco glamourosa. O coruñés acompaña o relato cun desenvolvemento gráfico moito máis austero do que nos ten afeitos, renunciando ás cores e substituíndoas por un gris aséptico. Non sendo un debuxante proclive ao efectismo gráfico, o lector habitual de Prado está afeito a atopar nas súas obras momentos de xenuíno goce estético. Non é o caso de Presas fáciles, que semella concibido baixo a premisa de manter ao lector no plano da literalidade, o cal non lle impide deixar mostras do seu inmenso talento coma debuxante. As páxinas deste novo traballo confirman ata que punto Prado foi refinando a súa capacidade para representar a figura humana e especialmente o rostro dos personaxes. Non hai dous corpos iguais, cada faciana ten o seu carácter, cada expresión está minuciosamente matizada. Poucos autores poden gabarse de igualar a súa capacidade de caracterización.

Resulta curioso constatar ata que punto Presas fáciles e Ardalén, a obra que a precedeu, semellan ser o froito de impulsos totalmente opostos. Concibido como unha reflexión sobre a memoria, Ardalén aspiraba á atemporalidade dos grandes clásicos. Prado erguía un aparatoso artificio gráfico, repleto de imaxes explicitamente poéticas nas que a exuberancia dos espazos naturais enmarcaba un discurso emocional, mesmo onírico. A súa extensión e o seu ritmo pausado acentúan aínda máis os contrastes con Presas fáciles, que é moito máis directa e concisa. A Prado interésalle falar do agora e consecuentemente o aparello gráfico é tamén máis sinxelo, prescinde da cor e opta por unha narrativa funcional que elimina todo o que puidera distraer ao lector da trama. A ambientación é urbana e o discurso sostense na racionalidade propia do relato policial. A ausencia de solemnidade deixa espazo para o humor, un humor sutil e incisivo moi propio do autor pero que en Ardalén estaba totalmente ausente.

Aínda que as ambicións de Presas fáciles son máis modestas que as de Ardalén, sería trabucado crer que estamos perante un título menor. Non é a primeira vez que Prado pretende transmitir unha mensaxe nitidamente social (lembremos Stratos), tampouco estamos ante o seu primeiro achegamento ao relato criminal (velaí o paródico Manuel Montano, el manantial de la noche). O que individualiza este título na extensa produción do seu autor é a súa decidida aposta por deixar testemuño do tempo presente. Prado afástase do espazo próximo ao realismo máxico que caracteriza parte significativa da súa obra para descender ao territorio do concreto. Presas fáciles é unha protesta fronte a inxustiza e tamén unha advertencia sobre os perigos que trae consigo a falta de confianza dos cidadáns nas institucións.