venres, agosto 12, 2016

Heavy 1986

























Como o propio Miguel B. Núñez recoñece, Heavy 1986 (Sapristi, 2016) retrata os escenarios da súa propia adolescencia nos barrios populares de Madrid a mediados dos anos 80, o ambiente dos institutos e do grupo de rapaces e rapazas para os que a súa paixón pola música heavy formaba unha parte esencial da súa vida. Por unha banda, hai na obra un achegamento ás turbulencias propias da adolescencia, a confusión, as complicadas relacións entre pais e fillos, a sensación de incomprensión e tamén a entrada no labirinto dos sentimentos. Núñez incide na relevancia que a música pode ter nun momento crucial coma este. Os protagonistas de Heavy 1986 abrazan o rock duro coma un sinal de identidade, un acto de autoafirmación que, ao ser compartido con outros, lles confire ademais sentido de pertenza a un grupo. Os rapaces séntense directamente interpelados pola música, identifícanse coas letras das cancións e coa imaxe que transmiten os seus intérpretes. Fronte a mala sona de determinadas subculturas musicais, como sen dúbida era caso o caso do heavy naquela altura, está fóra de toda dúbida a súa capacidade para ofrecer un punto de apoio emocional aos rapaces nun intre que en boa medida marcará o seu futuro. Núñez non esconde a súa paixón polo metal mais consegue achegarse ao fenómeno coa distancia suficiente para eludir tanto o vitimismo coma a autocompracencia con que o heavy adoita contemplarse a si mesmo.

Mais este relato de adolescencia vén tamén acompañado dun relato social. Núñez describe un mundo no que os rapaces non teñen os grandes soños propios da mocidade, ningún deles se deixa levar por fantasías de éxito e diñeiro, senón que os máis asisados asumen aspiracións máis realistas, coma entrar a traballar nun almacén ou nun salón de peiteado. Sutilmente, sen facer proclamas nin darlle excesiva relevancia no relato, Núñez revela os mecanismos de reprodución social que negan a retórica neoliberal do emprendemento e o éxito polo esforzo. Neste senso, hai unha evidente vontade do autor de El corazón de los árboles de situarse na marxe e ofrecer un retrato do Madrid do final da transición alternativo ao macrorrelato oficial que se ten asentado nas últimas décadas e cuxa versión máis popular sería a serie Cuéntame cómo pasó, combinación de elementos de comedia familiar e clixés históricos que ofrece unha visión unívoca, tranquilizadora e castiza ata o ridículo do período posterior á morte de Franco. Núñez consegue ser contestatario, revelando unha realidade tradicionalmente excluída do relato oficial sobre a movida madrileña e sen caer tampouco no tremendismo nihilista do cinema quinqui, que no cómic podería representar Sangre de barrio de Jaime Martín.

Non sendo estritamente nin unha obra biográfica nin un traballo que aspire á exactitude histórica, sendo, iso si, un relato fortemente contextualizado, con numerosas balizas que nos permiten situar con exactitude o onde e o cando, o que fai de Heavy 1986 unha obra especialmente salientable é a súa capacidade para transcender o propio marco da narración. Porque o retrato de adolescencia é un tropo constante nos diferentes medios narrativos, porque as expectativas dos rapaces dos barrios populares do Madrid dos 80 non resultan ser moi diferentes ás dos de calquera outra cidade e, especialmente, porque a forza integradora que os protagonistas atopan no heavy metal non é diferente da que outros atopan noutros estilos musicais ou mesmo en afeccións doutra natureza. As páxinas que Núñez intercala no relato identificando as bandas e temas mencionados na historia son pura paixón de fan que, dispensando, en nada se diferenza da paixón de fan cara calquera outro ídolo adolescente. Podemos entrar en disquisicións musicais mais a pulsión emocional é a mesma e a súa capacidade para ser unha forza integradora da personalidade dos mozos tamén. De aí a importancia de recoñecer o valor dese capital simbólico que tan frecuentemente se ridiculiza.

Xa que logo, o que podería ter quedado nunha mestura de nostalxia e loa ao poder do metal resulta ser un artefacto bastante máis complexo que o autor desenvolve con pulso firme e sentido do equilibrio. Con Heavy 1986, Miguel B. Núñez imprime un novo xiro a unha carreira que non se caracterizara ata agora precisamente pola súa predecibilidade, confirmándose coma un dos historietistas máis persoais e versátiles do momento.

Ningún comentario: