Tras anos promovendo fanzines na área da Coruña, Manel Cráneo comezou a colaborar de xeito habitual coas revistas de banda deseñada profesionais (ou semi) que xurdiron en Galicia a partires da segunda metade dos anos 90. Os seus traballos foron aparecendo en cabeceiras coma La Carallada, OFanzine das Xornadas, Golfiño, BD Banda ou Barsowia, así coma en proxectos colectivos coma H2Oil. O seu non é un caso illado, as revistas de BD foron e seguen a ser en moitas ocasións a única alternativa de publicación para un amplo colectivo de autores que carecen doutra canle para darse a coñecer ou manter unha certa presenza no mercado. O traballo de Cráneo nestes anos demostra que, malia as limitacións propias deste tipo de colaboracións (de extensión case sempre e de formato en moitos casos), é posible desenvolver unha obra cun marcado acento persoal e dunha calidade pouco discutible. En sucesivas achegas, o coruñés foi conformando un particular xeito de contar ao tempo que construía un imaxinario propio, perfectamente recoñecible, e do que resultan especialmente representativas as súas historias de mortos.
O recente Cousas
de mortos (Demo, 2012) recolle un feixe de narracións breves aparecidas en
medios diversos entre 2002 e 2012, coa única excepción de “O morto de Malos Aires”, que o autor elaborou para unha exposición
de autores galegos no Salón do Cómic de Barcelona e permanecía inédita ata
agora. Todos os relatos escolmados teñen coma protagonistas esqueletos, ánimas
e criaturas espectrais, figuras das que Cráneo se vale para ofrecer unha imaxe cotiá
e desdramatizada da morte, mais tamén para artellar unha visión crítica do
mundo dos vivos, cuxos vicios e contradicións están sempre no fondo de cada
historia. Hai, xa que logo, unha certa unidade formal e tamén temática, aínda
que os ingredientes se combinan en proporcións distintas en cada caso,
conducindo a resultados diversos. Así, “Deserto”
e os relatos protagonizados polo fuxitivo Lázaro recréanse na negrura do seu
humor, propoñendo situacións extravagantes e mesmo absurdas; “Antístenes morto” fai malabares coas
palabras, mesturando filosofía e cinismo; en “Os mortos” suxírense perigosas tanxencias entre o mundo dos vivos e
o dos mortos, invertendo o punto de vista tradicional ao respecto; “O home que salvou o mundo” válese dun
acabado gráfico diferente ao do resto, de trazo máis aberto e cores máis
sombrías, para ilustrar unha paradoxal defensa da burocracia. Así ata catorce
relatos que zumegan ironía e un sentido do humor retranqueiro pero que, por estar
o alén involucrado, deixan tamén un inquietante amargor tras de si.
Aínda que non se trata
dunha recompilación exhaustiva, o presente volume contribúe a compensar a
dispersión que afecta a esta parte da produción de Cráneo, permitíndolle ao
lector o acceso a algúns dos seus traballos breves máis significativos en
condicións semellantes ás das súas obras máis extensas. A súa publicación resulta,
polo tanto, plenamente pertinente e apenas pode obxectárselle que non inclúa
unha táboa que recolla a data e lugar de publicación orixinal de cada narración.
Os plans editoriais de Demo contemplan a saída dun segundo tomo, polo que
aqueles que gocen desta lectura terán aínda unha nova oportunidade de rir
primeiro e tremer despois.
Ningún comentario:
Publicar un comentario