martes, abril 21, 2020

Slash Maraud

Entre marzo e agosto de 1990, a desaparecida Ediciones Zinco publicou en España Slash Maraud, unha miniserie de 6 números escrita por Doug Moench e debuxada por Paul Gulacy. Publicado orixinalmente por DC Comics, o título non estaba integrado no Universo DC e tampouco pertencía a unha outra liña editorial definida. O selo Vertigo aínda non existía (o título orixinal data de 1987 e Vertigo non apareceu ata 1993), aínda que comezaran a publicarse xa algunhas das series que posteriormente serían recollidas dentro daquela marca editorial (a etapa de Alan Moore en The Saga of the Swamp Thing) e outras verían a luz axiña (Black Orchid, Sandman, Hellblazer, Animal Man...). DC estaba a diversificar a súa oferta con cómics que, por unha banda, se afastaban da súa liña de edición principal mais, por outra, mantiñan con aquela unha serie de vasos comunicantes, ben por pertenceren todos os personaxes a un mesmo universo de ficción (caso de Swamp Thing, Black Orchid, Animal Man ou Hellblazer), ben porque os seus autores publicaban habitualmente na liña principal. Achegándose a xéneros coma o terror ou a ciencia ficción e sobordando as limitacións autoimpostas das historias de superheroes daquela altura, a editora tentaba ofrecer unha alternativa novidosa, vocacionalmente máis complexa e adulta, a un determinado sector dos seus lectores. Mais sexo e violencia? Si pero tamén máis liberdade para que os autores explorasen vías que tiñan vetadas no cómic superheroico convencional. Esta tendencia foi chegando a España aproximadamente cun ano de retraso. Tras publicar en 1987 Watchmen e a etapa de Moore en Swamp Thing, Zinco comezou a ensaiar formatos aos que o lector de tebeo norteamericano non estaba afeito. Cómics como Batman: The Dark Knight returns e Ronin de Frank Miller ou, máis adiante, Black Orchid de Gaiman e McKean ou o primeiro Hellblazer de Delano e Ridgway apareceron en rústica e con papel de mellor calidade. Dun xeito ou outro, estes títulos fuxían das fórmulas habituais no cómic superheroico e o seu prezo afastábaos dos lectores máis novos.

Este é o contexto no que aparece Slash Maraud, unha serie limitada de 6 capítulos ambientada nun futuro distópico no que a humanidade vive subxugada por unha especie extraterrestre que tomou o control da Terra. Os invasores someten o planeta a un proceso de transformación que facilitará o seu establecemento e levará aos humanos á extinción nun prazo de cinco anos. Fronte ao ambiente de resignación festiva predominante entre os indíxenas, dous humanos, Slash Maraud e Wild Blue, organizarán unha milicia de resistencia co propósito de expulsar os alieníxenas. Así presentada, nada parece diferenciar esta trama dunha chea de cómics, películas, series e novelas que seguen o ciclo de invasión-resistencia-expulsión. Sen embargo, as páxinas deste cómic mostran unha realidade notablemente distinta.

O heroe, Slash Maraud, ben pode considerarse un representante da vaga conservadora que invadiu a cultura popular estadounidense nos anos 80, que camiñou parella ao triunfo político de Reagan e a New Right, e que tivo uns representantes destacados nos heroes hipermasculinos, de corpo musculado e xorne violento que no cinema encarnaron actores coma Stallone, Schwarzenegger ou Clint Eastwood. No mundo do cómic, é nestes anos cando aumenta a popularidade de Wolverine tras a exacerbación do seu carácter violento a partir do Uncanny X-Men #133 (1980), e que desembocaría na concesión de cabeceira propia en 1988; ou cando a versión escura e violenta de Batman que Frank Miller ofreceu en The Dark Knight returns (1986) termina contaminando a caracterización do personaxe nas súas series mensuais; ou cando o Punisher pasa de vilán tarado a “vixilante” bronsoniano á fronte de cabeceiras de éxito (1986 e 1987 os volumes 1 e 2). Maraud comparte con eles os atributos dunha masculinidade esaxerada que abrangue o seu aspecto físico (melena e peito lobo, corpo musculado, gafas escuras, cinta no pelo...), a súa distancia emocional respecto das mulleres e a súa competencia no uso da violencia. O personaxe funcionaría sen problemas nun relato de acción oitenteiro. Pero, como veremos máis adiante, Slash Maraud non é exactamente iso.
Marcianos furries: medo ou risa?

A masculinidade de Maraud atopa unha peculiar contrapartida no personaxe de Wild Blue, cuxa feminidade aparece tamén subliñada con trazo groso. Enfundada nunha malla de tigresa, con tacóns, o pelo azul cardado e unha maquillaxe estridente (rara vez a maquillaxe feminina aparece destacada nos cómics), Blue parece fuxida dunha hair metal band dos 80. Que papel é o que lle corresponde na trama? A portada do primeiro cómic da serie parece non deixar lugar a dúbidas: Blue aparece detrás do heroe, sentada na súa moto. Parte da paisaxe, unha posesión máis, un obxecto decorativo... é iso o que é? Por unha banda, é claro que os autores non quixeron facer dela unha dama en apuros, a rapaciña dependente que o heroe debe protexer. Non son poucas as ocasións nas que Blue deixa constancia dun carácter forte e tamén dunha indiscutible pericia nas leas. Concedendo isto, resulta igualmente evidente que os autores fracasaron á hora de emancipala do heroe varón. Todas e cada unha das súas accións gravitan en torno a Maraud. Sen el, Blue non existe.

Doug Moench, guionista cunha longa traxectoria en títulos Marvel e DC coma Batman, Moon Knight, Kull the Conqueror e especialmente Master of Kung-Fu, onde coincidiu con Paul Gulacy, alicerza o seu relato nos lugares comúns mencionados para despois dedicarse a xogar cos límites ata facernos dubidar da seriedade das súas intencións. O primeiro aviso dáo a definición visual dos alieníxenas, unha caste de peluxes de Barrio Sésamo en versión realista. Se o propósito era o de crear uns adversarios de aspecto ameazador o resultado é cando menos desconcertante. A partir de aí, o camiño do heroe Maraud cara a salvación da humanidade levarao a transitar polos escenarios das narrativas máis desprestixiadas da cultura popular (o pulp, as slasher movies, a ciencia ficción de serie B,  o relato erótico...) aderezados con pequenos detalles de raza e xénero que se abordan dende unha perspectiva máis próxima ao morbo e a exploitation que ao comentario político. 

As Damazonas: dominación feminina coma fantasía masoquista do heroe varón

As primeiras aliadas de Maraud e Wild Blue serán as Damazonas, guerreiras motorizadas que viven no deserto. Algunhas lesbianas, outras simplemente misándricas, ofrecen unha imaxe de mulleres empoderadas e non sometidas ao dominio masculino, funcionando coma contrapunto doutro membro da troupe de Maraud: Rex Rumble, rocker con tupé, prototipo de youth offender fachendoso e reaccionario. Aínda outros personaxes asoman entre as tropas rebeldes: Brass Taki, samurai homosexual, Tommy Gunn á fronte dos Corsarios Congo, ou Butch, o oso mutante ao que lle gustan as louras platino. O feito de o exército de liberación ser un compendio de colectivos politicamente connotados (polo seu sexo, raza, exacción social, orientación sexual, etnia) matiza notablemente o feito de estaren liderados por un macho alfa WASP, especialmente se consideramos que nos 80 a consideración social daqueles grupos estaba próxima á marxinalidade. Dito doutro xeito, en Slash Maraud a salvación da humanidade está nas mans das castas máis desfavorecidas de Occidente. Non é unha mala mensaxe. 

Entre Tank Girl e Mad Max, Psicose e Venres 13, Moench e Gulacy argallan un espectáculo de acción e aventura onde nada pode tomarse moi en serio. É probable que a súa maior virtude sexa a de manteren a seriedade suficiente para desconcertar ao lector a cada pouco no canto de ofrecerlle un espectáculo abertamente risible. Podemos considerar Slash Maraud unha obra perdurable? O certo é que non foi reeditada nin en España nin en Estados Unidos, un dato elocuente se consideramos a grande cantidade de cómics do seu tempo que si foron recuperados posteriormente, non tanto pola súa calidade coma pola existencia dun lector nostálxico disposto a mercalo.

Ningún comentario: