domingo, abril 05, 2020

Astérix riquiño

Viñeta de Astérix o Galo (1959) fronte á caracterización actual dos personaxes














A morte de Albert Uderzo colleume lendo El poder de lo cuqui (Alpha Decay, 2019), versión castelá de The power of Cute, o ensaio co que o filósofo inglés Simon May pretende aprehender o fenómeno do cute, entendido coma o conxunto de obxectos e representacións que suscitan no ser humano reaccións empáticas relacionadas co instinto de protección. Para May, o fenómeno do cuqui en castelán, “riquiño” en galego, vai alén de determinadas pulsións infantilizadoras propias da contemporaneidade, relacionadas coa sacralización da infancia e tamén co aproveitamento económico que deriva de sermos perpetuamente nenos e nenas. Habería ademais unha ambigüidade destes obxectos (cal é a súa idade, cal é o seu xénero, son seres sexuados, son ignorantes ou sabios, moralmente bos ou malos?) que os converte en transgresores e lles concede unha dimensión sinistra que tamén contribúe ao seu atractivo. 

Nun primeiro achegamento, May alude aos traballos do zoólogo austríaco Konrad Lorenz, quen sostiña a existencia dunha resposta evolutiva no ser humano que nos leva a reaccionar de forma protectora fronte a uns sinais visuais que identificamos cos cachorros da nosa especie. De maneira inconsciente, estendemos esta resposta a todos os seres nos que identificamos aqueles rasgos, o que para Lorenz explicaba a tenrura que nos provocan as crías das especies animais e que May fai extensivo ás máis diversas formas de representación (debuxos, bonecos, figuras...). As cualidades que provocan esta resposta son, segundo Lorenz, as seguintes:

  • Cabeza grande en relación ao corpo
  • Fronte esaxerada e prominente
  • Ollos grandes e nunha posición relativamente baixa no rostro se a comparamos cos adultos
  • Fazulas grosas
  • Figura corporal redondeada e repoluda
  • Extremidades curtas e grosas
  • Superficies corporais suaves e agradables ao tacto
  • Movementos torpes e desvalidos

Citando ao biólogo Stephen Jay Gold, May pon coma exemplo ao rato Mickey, cuxa evolución gráfica dende as súas primeiras aparicións a finais dos anos 20 ata a súa estandarización a partir dos anos 40 parece tomar como modelo o catálogo de características definido por Lorenz, ao mesmo tempo que o seu carácter se suaviza respecto duns inicios considerablemente bizarros. Por certo, sería interesante analizar como a serie Mickey Mouse de Paul Rudish (2013), actualmente en emisión por Disney Channel, sinala o camiño inverso, inaugurando un deseño do personaxe máis achegado ao orixinal de hai un século, aínda que aparentemente influenciado tamén por debuxos animados noventeiros coma Ren e Stimpy de John Kricfalusi (1991) ou Vaca e polo de David Feiss (1997).

Volvendo ao principio, a imaxe que encabeza este texto demostra de forma pouco discutible que tamén o aspecto de Astérix e Obélix experimentou un cambio notable dende as súas primeiras aparicións. O deseño de personaxes en Astérix o Galo (1959), primeiro álbum da serie, mostra unhas formas chatas e ríspetas que se irían suavizando co paso dos anos. Se observamos a evolución gráfica de Astérix comprobaremos que o espazo que vai da fronte ao nariz medra, o que permite aumentar o tamaño dos seus ollos e deixa espazo para unha fazuliña carnosa, ao tempo que os seus bigotes pasan a ser máis grosos, menos afiados. O resto de cambios implican unha modificación das proporcións de todo o que sobresae: o nariz e as orellas medran e fanse máis redondeados; as mans son máis grandes en relación ao corpo; as plumas do casco adquiren máis corpo e prominencia; mesmo detalles coma os círculos do cinto ou a empuñadura da espada pasan a ser máis grandes e redondeados. As diferenzas son aínda máis obvias no caso de Obélix, que na súa primeira versión estaba menos groso e tamén era máis baixo, tiña os brazos menos carnosos, as pernas máis longas e levaba o pantalón máis baixo. A versión definitiva do personaxe faino máis alto respecto a Astérix e a súa morfoloxía pasa a ser practicamente esférica. O pantalón chégalle ás axilas e por debaixo asómanlle dúas pernuchas tortas, médralle o papo baixo o queixo e aos seus rasgos faciais pásalles o mesmo que aos de Astérix: o nariz e as orellas pasan a ser máis grandes e os seus bigotes perden as puntas para transformárense en dous chouriciños repoludos. É significativa a evolución do casco, cuxos cornos afiados tornan en dúas inofensivas boliñas, ou das trenzas, que pasan de ser rectas a onduladas.

Malia seren ambos personaxes claramente caricaturescos dende o primeiro momento, a súa evolución gráfica vainos afastando cada vez máis do estándar realista. Con toda a súa deliberada deformidade, os primeiros Astérix e Obélix (especialmente este) eran máis proporcionados que os actuais e polo tanto máis próximos á representación realista da figura humana. Cómpre sinalar que a transformación dos personaxes non foi brusca senón paulatina, aínda que relativamente rápida. No segundo álbum da serie, O fouciño de ouro (1960), o aspecto de ambos mudou de forma notable, especialmente no caso dun Obélix que presenta un aspecto máis redondeado e un rasgos faciais máis suaves, aínda que segue a ser só un pouco máis alto que Astérix. Podemos considerar que a imaxe definitiva dos personaxes queda fixada entre Astérix e os Normandos (1966) e Astérix lexionario (1967). Poucos cambios se teñen rexistrado dende entón.

Primeira viñeta de Astérix Lexionario (1967)

É interesante constatar como a evolución gráfica dos heroes galos recolle varios dos elementos que, segundo Lorenz, provocan a resposta empática do ser humano:

  • A desproporción do tamaño da cabeza en relación ao corpo cúmprese no caso de Astérix; non no de Obélix, cuxa definición morfolóxica está mediatizada pola súa gordura, é dicir, polo desproporcionado tamaño do seu corpo.
  • Respecto dos dous seguintes caracteres, fronte esaxerada e prominente e ollos grandes nunha posición relativamente baixa, non sendo excesivamente notables en ningún dos dous personaxes, si é certo que a súa evolución gráfica foi nese sentido: o de aumentar o tamaño da faciana para darlle cabida a uns ollos máis grandes e expresivos. 
  • Algo semellante pode dicirse das fazulas dos personaxes. O cambio na morfoloxía do rostro de ambos permitiu que asomaran unhas froias carnosas ata entón inexistentes. 
  • A figura corporal redondeada e repoluda é evidente no caso de Obélix e moi notable en rasgos definitorios de ambos coma o nariz e as orellas. En calquera caso, ambos personaxes aparecen definidos por liñas redondeadas e formas esféricas.
  • As extremidades de ambos son curtas e grosas. As de Obélix en concreto minguaron considerablemente dende a súa definición inicial.

Se a alguén a análise anterior lle parece forzada pode reparar nun ilustre secundario da serie que encaixa de forma aínda máis evidente nos esquemas morfolóxicos descritos por Lorenz: cabeza grande en relación ao corpo, ollos grandes, fazulas dondas, formas redondeadas, extremidades grosas... Idéfix, claro. Non se pode ser máis riquiño ca Idéfix.

Así que a resposta, de haber unha pregunta, sería si: Albert Uderzo foi modificando o aspecto das súas creacións ao longo do tempo, facéndoos máis icónicos (menos realistas), pero tamén máis “riquiños” no sentido en que May interpreta a Lorenz. E aínda que sexa indemostrable, podemos intuír que ese refinado visual contribuíu sen dúbida ao éxito dos personaxes, ao facelos máis agradables aos ollos de lectores e lectoras, máis consumibles coma produto, se se quere. Pero non en menor medida que a consolidación da súa personalidade a través das súas sucesivas vivencias xa que, ao contrario do que acontece con outras figuras “riquiñas” (pensemos en Hello Kitty, exemplo recorrente no libro de May), a popularidade de Astérix e Obélix deriva da súa construción completa como personaxes, no seu atractivo visual mais tamén na súa simpatía persoal. Non ten moito sentido separar o un do outro como tampouco o ten separar a contribución de Goscinny e Uderzo na construción de dous dos personaxes máis populares da BD mundial.

Ningún comentario: