Durante moitos anos, o sentido moral foi unha cualidade tan definitoria do
superheroe coma as súas habilidades de combate. No tebeo popular norteamericano
por excelencia, os heroes enmascarados actuaban sempre guiados polos máis altos
ideais de xustiza, nuns relatos que evitaban a mantenta introducir calquera
situación que puidese sementar dúbidas a este respecto. Co tempo, o xénero
evolucionaría cara relatos máis complexos, nos que uns personaxes que comezaban
a amosar personalidades máis diversas debían confrontar dilemas cada vez menos
simplistas, evidenciando o idealismo, mesmo a inxenuidade, daquela premisa. Tanto
Watchmen coma Batman Dark Knight, ambas publicadas en 1986, formularían de forma explícita
as reticencias que foran agromando nos anos anteriores, desactivando de forma
definitiva o tópico do superheroe moralmente irreprochable. Pouco máis pode
dicirse ao respecto dende entón.
Marshal Law: Miedo y asco (ECC,
2013), cómic creado por Pat Mills e Kevin O’Neill e editado orixinalmente baixo
o selo Epic de Marvel Comics en 1987, é dicir, un ano máis tarde
que as obras mencionadas, incide nunha liña semellante, aínda que, cómpre non
enganarse, resulta un produto moito máis imperfecto. Carece da sutileza de Watchmen e tamén da complexidade
narrativa de Dark Knight, a trama
parece avanzar improvisadamente en non poucas ocasións e os personaxes, se
exceptuamos os dous protagonistas, apenas están definidos. Porén, comparte con
aquelas obras a súa vocación desmitificadora á que engade un sentido festivo
ausente nelas. Dito doutro xeito, no canto dun sutil estudio, Mills e O’Neill artellan unha brutal parodia da condición superheroica que
non só prefigura e probablemente supera outras máis recentes (e máis populares), senón que chega
a adiantarse á dexeneración noventeira do xénero, cos seus heroes
hipermusculados, de queixo cadrado e dentame tenso.
A obra pode entenderse ademais coma unha representación da confrontación entre
dúas tradicións do tebeo popular: a británica e a norteamericana. Se Espírito Público é o paradigma do superheroe
ianqui de moral supostamente irreprochable, o seu antagonista Marshal Law
entronca coa estirpe xenuinamente británica do policía hiperviolento e
fascistoide, cuxo expoñente máis coñecido é o Xuíz Dredd. Mills secuestra o superheroe para deconstruílo. O San Futuro no que
transcorre a acción non é máis que unha versión da Mega-City One de Judge Dredd,
onde os tópicos en vigor non son os do tebeo superheroico tradicional, senón os
das distopías extremas do cómic británico. Xa que logo, a obra confirma unha
idea que salientabamos hai pouco:
que a influenza do cómic británico na transformación do tebeo norteamericano a
partir de mediados dos anos 80 non se limitou á incorporación de autores, senón
que tamén houbo unha asimilación de contidos. Mills e O’Neill
contemplan o superheroe coa mirada revirada e estraña do cómic británico. Non
hai misericordia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario