venres, setembro 20, 2013

Unha fábula obreira

Operario

Aínda que menos coñecido que outros historietistas da súa xeración, Jano (Alejandro Viñuela) conta cunha extensa produción espallada en fanzines, revistas, obras colectivas e títulos propios. Un breve repaso á mesma abonda para comprobar como o seu grafismo foi evolucionando dende uns primeiros traballos nos que predominaba unha liña sinuosa, moi propia do underground, cara formas máis simples e esquemáticas. Este cambio afectou tamén aos textos, que foron ocupando unha posición cada vez máis subordinada ao debuxo ata desapareceren totalmente en obras coma Ratoon (Bang!, 2010) ou na súa recente contribución ao volume colectivo Verde (Autsaider, 2013). Tampouco hai texto no seu novo título, Operario (Demo, 2013), unha fábula sobre as relacións de traballo e a xustiza social coa que Demo Editorial inaugura Demográfica, unha nova colección consagrada a obras en pequeno formato (14x21) e sen apenas texto. Detrás desta nova liña editorial intúese a pretensión de abrirse a novos mercados, como confirmaría o feito de aparecer os paratextos desta obra en castelán ademais de en galego.

Situada nunha cidade en pleno desenvolvemento industrial, presumiblemente a principios do século XX, Operario conta un día na vida dun obreiro que se introduce na engrenaxe industrial na procura dun medio que lle permita ver satisfeitas as súas escasas e moi elementais necesidades. Unha tímida incursión na realidade das relacións de produción abondará para frustrar as súas expectativas e demostrar a inxenuidade das súas pretensións. Mediante unha cadea de acontecementos mínimos Jano amosa a desigualdade das relacións laborais, a alienación do obreiro e a conivencia das forzas da orde cos poderosos. Nada novo na súa mensaxe, que coincide no esencial coa dos clásicos da literatura industrial, pero que non deixa de resultar pertinente no contexto actual.
 
A obra, xa que logo, convida ao lector a indignarse, mais faino cunha contención formal que invita á reflexión. Coma o debuxo, as ideas sobre as que Jano constrúe o seu relato son simplificacións, síntese de formas máis complexas. O estilo ríspeto que caracterizou a maior parte do seu traballo previo deixa paso a un grafismo máis limpo e accesible. Os deseños planos e a abundancia de formas xeométricas transmiten unha frialdade que se ve reforzada polo uso repetido dunha cuadrícula de catro cadriños por páxina. O discurso é visceral pero as formas son asépticas. O contraste incita a non deixarse levar e reflexionar. A obra lese nun suspiro, pero permanece e ofrece matices nunha segunda lectura.

[Publicado en Galicia Confidencial Tendencias e en Qadriños o 19 de setembro de 2014]

Ningún comentario: