domingo, agosto 07, 2011

Superman: As historias de Alan Moore


O volume Superman: as historias de Alan Moore (Planeta, 2008) recolle, como o seu nome indica, os relatos protagonizados polo Home de Aceiro que escribiu o autor de Watchmen, apenas tres historias repartidas en catro cómics, todos eles do ano 1985. A coincidencia na data non é casual, como se nos indica en varios dos textos que acompañan a edición. Ante a inminencia das Crises de Wolfman e Pérez, DC entendeu que Moore, daquela só o brillante guionista de A Cousa do Pantano, era a persoa axeitada para poñer fin a unha liña de continuidade que se había de extinguir.

A primeira das historias que escribiu Moore, contando con Dave Gibbons nos lapis, foi a correspondente ao Anual número 11 do personaxe. Se algo chama a atención desta aventura é a caracterización luminosa, totalmente canónica, do kryptoniano, a cargo dos mesmos autores que o ano seguinte ofrecerían en Watchmen unha visión sórdida e desmitificadora dos superheroes. Moore parte dunha premisa argumental propia dun relato da Silver Age (Wonder Woman, Batman e Robin lévanlle a Superman un agasallo polo seu aniversario) para enfrontar ao Home de Aceiro con Mongul, liorta que se sustanciaría no plano interior do superheroe e que desembocaría, no que supón unha constante nos achegamentos de Moore a Superman, nunha reflexión sobre a razón de ser do personaxe, a súa orixe, a súa historia, o papel que lle corresponde.

O relato principal do tomo sería o que vén a seguir, o coñecido Que foi do home do mañá?, dividido en dúas partes que porían fin a senllas cabeceiras do personaxe (Superman e Action Comics) antes do seu relanzamento nunha nova serie, a célebre The Man of Steel de John Byrne. Moore propón unha derradeira aventura de Superman que formalmente se insire na continuidade do personaxe, por máis que lembre a esas aventuras dos anos 50 e 60 que se esquecían dun mes para outro. Nun relato de ton melancólico e debuxado polo artista que canonizaría a imaxe do personaxe durante décadas, Curt Swan, Moore situaba ao Home de Aceiro na encrucillada dun cambio de época. Algúns dos máis estrafalarios e inofensivos adversarios de antano (Bizarro, o Bromista, o Xogueteiro) reaparecían en versións violentas, potencialmente asasinas. O ataque definitivo viña das tradicionais némeses de Superman, Lex Luthor e Brainiac, aínda que finalmente se demostraba que quen estaba detrás da conspiración (penso que non estrago nada revelando este dato, estamos a falar dun cómic que ten máis de 25 anos) era o estrafalario Mxyzptlk, personificación a tradición máis inxenua do tebeo de Superman, un concepto de vilán e de aventura superheroica que a mediados dos 80 estaban totalmente desfasados. A transformación deste anano interdimensional tocado con borsalino nunha figura máis acorde cos tempos suxire o cambio de paradigma que supostamente sairía das Crises, aínda que, pasados os anos, pode interpretarse máis acaídamente como unha anticipación do que acontecería nos 90, anos nos que o tebeo superheroico sufriu un andazo violento e infantiloide, con viláns reconvertidos en máquinas de matar e heroes que esquecían os seus sempiternos principios morais. Paradoxalmente, a orixe desta deleiba non estaría nas Crises, senón nunha mala dixestión de Watchmen e outras obras como The Dark Knight returns.

O tomo péchase cunha aventura publicada na cabeceira DC Comics presents, ilustrada por Rick Veitch e na que o Home de Aceiro comparte protagonismo coa Cousa do Pantano. Pouco que salientar, agás a volta de Moore ao personaxe co que se deu a coñecer nos USA e a repetición da visión introspectiva do kryptoniano.

A produción de Moore con Superman como protagonista é, xa que logo, curta e non especialmente significativa, sobretodo no contexto da obra do de Northampton. Orabén, quen queira coñecer máis fondamente as ideas do autor de Watchmen sobre o Home de Aceiro só ten que achegarse a Supreme, onde diseccionaría vagarosamente todos e cada un dos elementos que conforman o imaxinario desta icona do século XX.

Ningún comentario: