venres, novembro 28, 2008

Watchmen



Poucos cómics teñen sido obxecto de tantas e tan minuciosas análises como o Watchmen (Norma, 2003) de Alan Moore e Dave Gibbons, algo que se explica non só pola indiscutible mestría da obra e a súa influencia no medio, senón tamén polas súas características. Watchmen é un pozo prácticamente inesgotable de significados; densa e poliédrica, a obra resulta magnífica nunha primeira aproximación, pero as sucesivas lecturas aportan sempre novos significados. Pouco podo engadir ao moito (e moi atinado) que se ten escrito sobre Watchmen, de xeito que me limitarei a consignar as ideas que me suscitou a miña achega máis recente:

1. Primeiro o máis obvio. Watchmen é un puzzle narrativo fascinante, no que cada páxina de cada capítulo forma parte dun entramado milimétricamente ensamblado. Os autores amosan facetas dunha única maqueta estática, na que todo acontece simultáneamente e na que todo encaixa cunha coherencia que abraia. E ainda que as habelencias de Moore a este respecto son ben coñecidas, o labor de Gibbons, a súa obsesiva exactitude, non debe ser pasada por alto.

2. Unha das premisas de Watchmen é esta: a figura do superheroe é ridícula. Se a idea de sair á rúa a impartir xustiza por conta propria é de seu discutible, facelo en pixama resulta nin máis nin menos que grotesco. As inconsistentes xustificacións de distintos personaxes ao longo da obra así o demostran.

3. O anterior non debe levarnos ao equívoco, tantas veces asumido, de considerar que Watchmen parte da traslación do superheroe ao mundo real. Watchmen, é obvio, non transcurre no mundo real, non tanto porque se trate dun presente (hoxe pasado) alternativo, canto porque é un mundo no que os accidentes nucleares non matan ás súas vítimas, senón que as transforman en seres superpoderosos. Podería dicirse que, nunha escala de realismo, o mundo de Watchmen interpónse entre o mundo real e os universos superheroicos convencionais.



4. E onde se percibe ese maior realismo de Watchmen fronte aos escenarios superheroicos típicos? No que constitúe o cerne da súa deconstrucción da figura do heroe enmascarado: a moral. Non son os superpoderes os que transforman a unha persoa normal nun superheroe, senón o uso que fai deles. Agora ben, o discurso tradicional do cómic de superheroes simplificaba os dilemas aos que os heroes debían enfrontarse, facilitándolles sempre unha saída moral (e falo en pasado porque este estado de cousas cada vez se respeta menos no mainstream superheroico contemporáneo). Watchmen parte duns personaxes cun perfil psicolóxico non necesariamente máis complexo, pero si máis diverso que o do superheroe tradicional.

5. Encaixa algún dos “superheroes” de Watchmen no perfil superheroico tradicional? Non. Se hai un personaxe que se aproxima a ese canon é Rorschach: convencido do seu concepto de xustiza ata o punto de impoñelo individualmente; insubmiso fronte a prohibición do seu labor xusticieiro; implacable na persecución da súa idea de mal; pero individualista, outsider, non revolucionario; coherente consigo mesmo ata o final. E tamén desequilibrado, traumado, ultraconservador, chovinista…

6. E os demáis? O Moucho Nocturno non é máis que a plasmación dunha fantasía infantil, un ser timorato e inseguro, impotente fóra da súa autosublimación como heroe enmascarado e a quen Ozimandias desarma cunha soa verba: “madura”. O Espectro de Seda non é unha superheroína, nin o foi nin o quixo ser nunca; é unha nena en pescuda constante do home que a poida emancipar das poutas da súa nai; a vixiancia nocturna non é para ela outra cousa que un pretexto para o flirteo.

7. O Comediante é un cínico que, diagnosticando perfectamente a realidade, non pretende outra cousa que adaptarse a ela. Nin pode nin quere cambiar o mundo. É inmoral o seu comportamento? As máis das veces si. O Doutor Manhattan sería máis ben amoral, inhabilitado pola súa condición case divina para se guiar por un sentido ético de raíz cultural. Pode cambiar o mundo pero carece da motivación para facelo. E Ozimandias? Ozimandias posúe un sentido moral equiparable ao de Rorscharch e tanta capacidade para cambiar o mundo como Manhattan (ben que, por vías menos directas, máis sutís). Como todo autócrata, megalómano e totalitario, a súa conducta é fondamente moral. Tanto coma detestable. Ou non.

8. E que me din do final, dese delirio desenfocado de serie B? Watchmen é un camiño repleto de sutilezas que desemboca nun lovecraftiano polbo interdimensional. Desconcertante, congruente? Congruentemente desconcertante?

9. Cantas teses poderían escribirse sobre os Minutemen? Ata que punto se podería analizar a arañeira das súas relacións? Cantas hipótesis poden facerse a partires das pílulas de información que Moore proporciona sobre eles?

10. Nunha Norteamérica maioritariamente contraria á mascarada superheroica só os rednecks do New Frontiersman (ou debería falar en singular?) reivindican a figura do superheroe coma símbolo da cultura ianqui, esperanza e inspiración para o pobo, sinal de identidade nacional. Son iso os superhéroes, un símbolo do imperialismo ianqui? Abofé.



11. E a historia de piratas? Tan desconcertante na miña primeira lectura e que agora percibo plenamente integrada no texto, repleta de significados congruentes co discurso principal.

12. Watchmen podería ser unha estupenda novela. Sen embargo, a súa adaptación ás fórmulas habituais dos blockbusters cinematográficos resulta dificultosa. Watchmen é esencialmente estática, un xogo de espellos, un panel fragmentado que contemplar demoradamente, unha figura estraña que tamén na súa forma atopa o seu significado. Hai acción relevante en Watchmen? Hai algunha acción en Watchmen?

13. Pero Watchmen, co seu estatismo e a súa densidade, foi unha serie de masas, xurdida do mainstream e dirixida de xeito indiferenciado ao lector pixameiro, que a acolleu entusiásticamente. Se alguén quere sustituir a súa lentitude e reflexividade por pirotecnia e pinchacarneiros, se alguén quere ofrecer armaduras cool onde había pixamas camp, que non o faga xustificándose na necesidade de chegar ás masas, senón cecáis na escasa consideración da intelixencia das mesmas.

14. A pegada que Watchmen deixou no medio adoptou formas diversas. Tan fillos seus son o noventeirismo acéfalo e infantiloide como o enxeño posmoderno da liña ABC do proprio Moore. O seu carácter seminal traduciuse nun enorme catálogo de obras que, profundizando nunha ou outra faceta, seguen o seu ronsel: Legends, Powers, Alias, Authority, Supreme Power, Wanted, Noble causes, a Guerra civil de Marvel… ata Os Incribles de Pixar! E, sen entrar en comparacións que tampouco teñen moito sentido, a obra pioneira segue a ocupar un lugar destacado no imaxinario colectivo.

15. Sangue ou ketchup? Moore conclúe Watchmen coma outras obras, cuestionando o seu proprio discurso.

Entradas relacionadas – Alan Moore

3 comentarios:

Antuán dixo...

mmmmm que descoberta mais saborosa a deste blog!

Fica a ter un fregués habitual neste seu camposanto, deliciado co post sobre Watchmen (se ben que coa obra de Moore en xeral,e esta en concreto, un sempre quere máis). Curiosamente encontrei onte un tomo grande e en tapa dura sobre o Watchmen, será cousa do destino.

Dá moito medo o da película, non?
Con estas cousas case é preferíbel non saber...

Un saúdo (vou comezar a devorar toooooodo canto non teño lido destas follas virtuais).

folerpa dixo...

Mágnifica recensión dun clásico da narrativa. Parabéns

Ollo de Vidro dixo...

Moi agradecido a ambos. É un pracer telos por aquí.