sábado, novembro 08, 2008

O parque da lúa



Carlo Fabretti e Miguel Navia son dous autores cunha longa traxectoria no eido da literatura infantil e xuvenil, o primeiro como escritor e o segundo como ilustrador. A primeira achega de ambos á banda deseñada é este O parque da lúa (SM, 2008), unha aventura de misterio en tono onírico dirixida a un público adolescente.

Fabretti propón unha historia de iniciación persoal nun contexto plagado de tópicos de xénero que se poden resumir na elección dun parque de atraccións abandonado como escenario fantasmagórico e refuxio de freaks. Lúa, a protagonista da historia, emprende unha odisea persoal na que a superación de sucesivas probas evidencia un proceso de maduración individual. O carácter metafórico da experiencia acentúase cunha conclusión que invita á aceptación completa da propria personalidade como paso previo para a integración social.

Aínda que a axilidade do escritor e o atractivo gráfico introducen ao lector rápidamente na trama, danse algúns detalles que revelan unha certa inexperiencia por parte dos autores. O máis evidente pode ser o acusado estatismo do debuxo de Navia e a frialdade que provocan tanto o abuso dos defuminados como a rotulación mecánica das onomatopeas. Igualmente, as abundantes escenas que carecen de texto poden obedecer ao propósito de axilizar o ritmo de lectura sen obstáculos nen redundancias, pero parecen resultar debedoras dunha visualización excesivamente cinematográfica, ignorando a natureza esencial da BD como medio híbrido no que imaxe e texto, iguais en relevancia, precisan o un do outro para ofrecérense como experiencia única ao lector. En sentido contrario, a experiencia do escritor tradúcese na construcción dunha trama que permite ser didáctico sen caer en excesos moralistas.

Sería unha mágoa que este volume fose unha incursión illada de Fabretti e Navia, e tamén da editorial SM, no mundo da BD. A escaseza no mercado de cómics vocacionalmente xuvenís de contido lúdico e non exclusivamente didáctico ofrece un espacio axeitado para autores de talento tan demostrado como estes.

Ningún comentario: