mércores, xullo 12, 2006

Queen & Country: Confidencial



Greg Rucka, autor e creador da serie Queen & Country, aborda nos tres primeiros números do spin off Q&C: Confidencial o pasado dun dos personaxes principais da mesma, Paul Crocker. Trátase dunha trama ambientada no Berlín oriental antes da caída do telón de aceiro e protagonizada por un Crocker recén casado e que daquela exercía como monitor, isto é, o cargo que na actualidade ocupa a protagonista principal da serie, Tara Chace.

O certo é que, considerando a traxectoria da serie principal e o magnífico punto de calidade no que ésta se atopa, non é de estrañar que o tomo que nos ocupa resulte un tanto decepcionante. A historia semella sinxela de máis e o seu interese parece estribar no intento de definir mellor ó personaxe de Paul Crocker, amosándonolo na súa mocedade e no evocador escenario que constitúe a capital alemana nos derradeiros anos da guerra fría.

Cómpre sinalar o bó labor de Brian Hurtt no apartado gráfico, especialmente no tocante á reproducción de paisaxes berlinesas. Igualmente, as páxinas que conteñen escenas de acción (sobranceiramente as persecucións en coche) traslucen unha planificación consistente e unha loubable limpeza narrativa. Malia o anterior, insisto en que o seu estilo pouco realista non me parece o máis axeitado para esta serie.

mércores, xullo 05, 2006

Viúva Negra: volta a casa



Penso que a orixe histórica da Viúva Negra, vencellada á guerra fría e á propaganda antisoviética dos EEUU, dota ó personaxe dun encanto incuestionable ó tempo que proporciona un eido temático que pode e merece ser explorado. Sen embargo, coido que as escasas e curtas oportunidades que ata agora se lle deron ó personaxe non estiveron nunca á altura do mesmo, por máis que o feito de que periódicamente xurdan proxectos que o teñen como protagonista demostra que éste conserva aínda boa parte do seu potencial.

Panini ven de editar o tomo Volta a casa (Hogar dulce hogar en castelán), recopilación dos seis números que compoñen a penúltima miniserie adicada á Viuva Negra. Os guións corren a cargo do novelista, Richard K. Morgan, que constrúe unha correcta trama de espionaxe que conduce a Natasha Romanov á súa Moscova de orixe e a través da cal se pretende clarexar algúns aspectos do seu pasado. O certo é que nen o argumento resulta especialmente inspirado, nen as revelacións que contén teñen excesivo alcance. Pola contra, o guión acusa un dos defectos máis obvios cando se pretende dar un tono adulto a un cómic superheroico: episodios de violencia excesiva e inxustificada que non encaixan coa psicoloxía do personaxe e entroncan cos ridículos esquemas do peor cómic noventeiro.

No apartado gráfico déixase sentir a presenza de Bill Sienkiewicz, que ilustra o primeiro número e entinta os lápices de Goran Parlov nos seguintes. As poucas ocasións en que podemos disfrutar do traballo do primeiro non deben escurecer o bo labor do segundo, eficaz, narrativamente intachable e en perfecta sontonía co seu entintador. Cómpre salientar igualmente as estupendas portadas de Greg Land.

O éxito desta miniserie nos USA fixo que se lle encargara ó seu guionista unha nova miniserie, titulada The things they say about her, ilustrada por Sean Phillips e, de novo, Bill Sienkiewicz.

martes, xuño 20, 2006

Gotham Central: a vida está chea de decepcións



Nunha sociedade posmoderna e maioritariamente descreída como a actual, a pervivencia do xénero superheroico clásico, co seu fondo idealismo e os seus incólumes heroes, só é posible mediante a súa transformación. De aí que cíclicamente xurdan correntes renovadoras que adaptan aquel imaxinario ás demandas do momento, misturando xéneros ou aportando enfoques máis ou menos novidosos.

Na serie Gotham Central lévase a cabo unha aproximación á cidade de Batman (e polo tanto, ó chamado bat-universo) dende unha perspectiva realista (ata onde se pode falar de realismo nun mundo de superheroes) e humana. Na mesma liña que outras destacadas obras contemporáneas, como Powers de Brian M. Bendis ou a Catwoman de Brubaker, a serie adopta un enfoque a metade de camiño entre o xénero negro e productos policiais como Hill Street Blues. Unha curiosidade é o feito de estar escrita, dende o seu primeiro número, a catro mans: por unha banda, un dos guionistas de máis peso na actualidade, Ed Brubaker; pola outra, un escritor de longa traxectoria que acada con éste o que seguramente é o seu mellor traballo, Greg Rucka. Ambos, coa inconmensurable axuda de Michael Lark no aspecto gráfico, conseguiron en moi poucos números asentar a que é unha das mellores series do momento.

Planeta ven de editar o que é o seu primeiro tomo da serie, retomándoa no punto no que a deixara Norma. O presente arco, titulado A vida está chea de decepcións, abrangue os números 16 a 18 da edición americana, e marca o que probablemente sexa o punto máis baixo dende o arranque da colección. En tres números establécese e resólvese unha trama sinxela, correspondéndolle o protagonismo a personaxes que ata o momento permaneceran como secundarios nunha serie que é de seu coral. Estamos ante unha historia irreprochable e que mesmo poderíamos considerar notable se non contase cos antecedentes que supoñen os volumes previos. Pola súa banda, a ausencia de Lark ós lápices faise demasiado evidente, correspondéndolle a dura tarefa de sustituilo a un Greg Scott que abondo fai mantendo a unidade de estilo cos números previos.

En calquera caso, é motivo de ledicia que Planeta aborde a publicación desta serie, agardemos que con carácter regular e ata a súa conclusión.

venres, xuño 09, 2006

Eisner/Miller


Will Eisner e Frank Miller poden ser autores semellantes en certos aspectos, pero penso o que predomina entre ambos son as diferencias: pertencen a dúas xeracións diferentes e arredadas, teñen un estilo gráfico ben diferenciado e os seus intereses temáticos en pouco se asemellan. É precisamente esa lonxanía a que fai interesante un libro como este Eisner/Miller, que non é, como sinala o subtítulo, unha entrevista entre ambos autores (cando menos non unha entrevista no sentido en que habitualmente se emprega) senón a transcripción dun longo diálogo no que abordan temas diversos.

Os asuntos tratados ó longo das perto de 400 páxinas do volume son moitos e variados, ainda que se pon máis enfase no aspecto profesional da súa actividade que no puramente artístico. Así, é máis o espacio adicado ó intercambio de pareceres entre Miller e Eisner sobre o mundo da edición, o funcionamento das editoriais, dos estudios de artistas, sobre a relación do cómic co cine, sobre a censura, sobre técnica artística, etc., que o adicado a falaren das sús propias creacións.

Por proximidade xeracional e afinidade artística, un adoita a estar máis próximo ós plantexamentos de Miller. Sen embargo, o contrapunto de Eisner adoita resultar interesante nos máis dos casos, precisamente por aportar unha visión distanciada e paradóxicamente novedosa. Podería dicirse que, aportando un enfoque histórico, as opinións de Eisner veñen a matizar as percepcións dun Miller máis achegado á realidade actual.

Chama especialmente a atención a diferente visión que ambos amosan acerca da censura no cómic. A publicación da “Seducción do inocente” de Fredric Wertham, supuso a traslación do maccarthismo ó mundo da historieta americana e concluiu coa instauración da censura corporativa que supuña o Comics Code (inhabilitado de feito hai apenas uns anos). Miller mantén ó respecto posicións radicais, de repulsa e condena fronte a quen promoveu e apoiou aquelas actitudes. A postura de Eisner, que viviu e se viu afectado por aqueles feitos, ainda coincidindo na repulsa, resulta máis matizada e comprensiva.

Malia que o libro pode resultar demasiado extenso e un tanto repetitivo, a súa lectura proporciona abundante información sobre as técnicas gráficas que ambos autores empregan, o seu labor como homes de negocios ou as súas opinións sobre a relación entre cómic e cinema (imposible non estar dacordo coa posición de Miller, que denuncia o complexo de inferioridade e o servilismo fronte a Hollywood dos autores de cómic). E en calquera caso, sempre se poden atopar perlas como esta frase de Frank Miller: “hai un momento no que tes catorce anos, colles a túa navalla e tallas unha esvástica no pupitre do teu colexio. ¡Todd McFarlane entende ese tipo de mentalidade!”.

mércores, xuño 07, 2006

Os Perdedores: non vai máis



O plantexamento da serie Os Perdedores está ben claro: trátase dunha obra de espionaxe e acción sen maiores pretensións. A tal efecto, establécense unha premisa típica (un grupo de renegados da CIA que busca vinganza) e uns personaxes estereotipados (o estratega, o xenio informático, o tirador, o conductor, a muller misteriosa, o traidor...) ó servizo dunha idea ben coñecida (a corrupción da axencia de intelixencia norteamericana). O resultado é un cómic intrascendente e de lectura doada, correctamente escrito e debuxado e que, malia iso, da a sensación de non aproveitar toda a súa potencialidade.

O guión deseñado por Andy Diggle axústase ós cánones do seu xénero, dosifica correctamente a información, proporciona a previsible dose de sorpresas imprevisibles e conclúe cunha invitación a seguir indagando no trasfondo da historia. Agora ben, desaproveita a que inicialmente se presenta como unha das súas mellores bazas: o misterioso personaxe feminino. O autor oculta deliberadamente o relativo á identidade, pasado e motivacións do personaxe de Aisha, ó tempo que espalla dúbidas acerca da súa lealdade o grupo. Pero lonxe de aproveitar esta subtrama, Diggle opta por deixala a un lado dende que comeza a acción ata que finaliza este primeiro arco, se cadra coa intención de seguila tratando máis adiante.

O debuxo de Jock, notablemente semellante ó estilo de Sean Phillips, encaixa perfectamente no estilo Vértigo, e cumple sen alardes pero con eficacia. Algo semellante pode dicirse do coloreado de Lee Loughridge.

Se mal non lembro, algún estudio de cine mercou xa os dereitos para levar esta obra ó celuloide. De levarse efectivamente a cabo, será sen dúbida outra adaptación prescindible dunha obra prescindible e que dará como resultado unha película prescindible.

martes, maio 23, 2006

Honor entre punks


A serie Baker Street trasladaba as claves do universo de Sherlock Holmes á escena punk do Londres dos 80: unha detective punk, unha estudante norteamericana de medicina como axudante e un Londres contemporáneo con elementos victorianos como trasfondo. A obra xurdía da colaboración entre o escritor Gary Reed, grande coñecedor das novelas de Conan Doyle, e o debuxante Guy Davis, punk militante naqueles anos. A premisa da serie pode non parecer excesivamente orixinal no contexto actual, afeitos como estamos ó pastiche e á revisión desmitificadora dos iconos da cultura de masas, pero si o era a finais dos anos 80, que é cando foi editada inicialmente.

A editorial Norma recuperou nun volume único baixo o título Honor entre punks dúas historias da serie. A primeira, que da nome ó volume, establece o escenario no que se había de desenvolver a serie, presenta ós personaxes e comeza a elaborar o tecido de motivacións, intereses e relacións entre eles. Probablemente o maior acerto destes primeiros capítulos sexa a definición da atmósfera da serie, así como as múltiples posibilidades que xurden da premisa inicial. Non pode dicirse o mesmo da trama principal, unha historia detectivesca demasiado convencional e narrada con pouco pulso. O debuxo de Davis decepciona por primeirizo a calquera que coñeza a súa obra posterior, por máis que en ocasións determinadas deixe constancia do seu talento.

O segundo arco do volume leva por título Fillos da noite e foi elaborado en solitario por Guy Davis. Paradóxicamente, a historia non se resinte da falta dun guionista senón que, pola contra, Davis é quen de explotar algunhas das posibilidades que nos episodios precedentes só se suxerían. Publicado algúns anos máis tarde, faise patente a evolución do artista, cuio debuxo comeza a amosar as súas virtudes máis salientables: planos orixinais e repletos de forza, composición intachable, traballo de planificación evidente, énfase na caracterización de personaxes, etc.

O volume complétase con dúas historias curtas de escaso interese, ficando o lector coa sensación de que a potencialidade da serie estaba por enriba do resultado final.

O prezo de Norma...

martes, maio 16, 2006

A derrota do pensamento



A derrota do pensamento é, cando menos, un libro estraño. Un ten a sensación de que ou Alain Finkielkraut se excedeu na exposición dos antecedentes ou se quedou curto na redacción da súa tese. Por outra banda, non é doado posicionarse perante ésta, xa que o autor se limita a expresar unha protesta fronte a unha situación de feito pero sen construir alternativas á mesma ou á corrente de pensamento que a propicia.

O libro estructúrase en tres partes. A primeira adícase a contrapoñer o racionalismo francés ó concepto alemán de Volkgeist. A obra de Voltaire ou os enciclopedistas sostería a existencia de rasgos culturais comúns a toda a humanidade; a idea de Volkgeist ou “espíritu do pobo” baséase, pola contra, no carácter continxente e conxuntural de toda actividade humana. O auxe dos nacionalismos de finais do século XVIII viría a avalar esta segunda tese, segundo a cal as manifestacións culturais deben comprenderse dentro do seu contexto xeográfico e cronolóxico. Finkielkraut expresa a súa preferencia polo universalismo cultural, pero sen proceder á desactivación ideolóxica da liña de pensamento contraria.

A segunda parte achéganos á actuación da ONU e máis concretamente da UNESCO con posterioridade á Segunda Guerra Mundial. Como antídoto fronte as arelas conquistadoras e asimilacionistas da Alemaña nazi plantéxase a necesidade de dignificar as culturas particulares, de xeito que se recoñece a pluralidade e igualdade das culturas do mundo. Esta idea, que permite desbotar a superioridade dunhas manifestacións culturais fronte a outras, desagrada igualmente a Finkielkraut, que destaca algunhas das contradiccións das súas versións máis exacerbadas pero, máis outra vez, sen dar alternativas.

A exigua terceira parte adícase á exposición do corolario que o autor extrae de todo o anterior: que eses particulares xiros históricos conduciron a unha situación como a actual, na que se propugna non só a igualdade entre culturas senón tamén entre manifestacións artísticas, de xeito que un eslogan publicitario, un vídeo-clip ou partido de fútbol están a mesma altura que unha obra de Shakespeare, un cadro de Picasso ou unha ópera de Verdi.

Debo recoñecer que os argumentos de Finkielkraut están en moitas ocasións cargados de razón, e iso fundamentalmente porque apunta case sempre cara as situacións máis extremas que se dan no contexto actual. Pero un non pode evitar pensar que se elude a confrontación con versións máis moderadas do mesmo pensamento é pola dificultoso que resulta argumentar en contra. A obsesión por xerarquizar maniféstase tanto en quen mantén a superioridade da música clásica sobre o rock como en quen sostén a súa paridade. A cuestión é se a música popular, o cómic, a publicidade etc. poden ou non ser depositarios de valores artísticos. Atrévome a pensar que a resposta debe ser afirmativa mesmo para alguén de preferencias tan distantes como as do autor.

O problema non é, xa que logo, o posicionamento do autor, senón a vía pola que o mantén. Sabido é que non abonda con descalificar unha corrente de pensamento para dar por boa a que se lle opón; a antítese debe ser exposta, desenvolvida e fundamentada de seu e non só por oposición. Este segundo paso é o que elude Finkielkraut, que se limita a presentar as eivas dunha corrente de pensamento sen deixar claro se realmente el mantén o contrario (neste caso, que si hai valores universais e manifestacións culturais universalmente superiores ó resto) e, nese caso, en base a que ideas. Por se fose pouco, sempre escolle como branco das súas críticas á víctima máis propicia para os seus propios intereses, isto é, nunca amosa as versións máis significativas das teses ás que se opón senón as máis extremas.

Unha mágoa, considerando que, cando mantén posiciones constructivas, Finkielkraut aporta ideas interesantes e perfectamente asumibles. Así o fai cando se refire á educación (“a escola é a derradeira excepción ó self-service xeralizado; (...) a escola é moderna e os estudantes son posmodernos”) ou ó fenómeno da inmigración en Europa (“Tratar ó estranxeiro como individuo non é obligalo a copiar todos os seus comportamentos das maneiras de ser en vigor entre os autóctonos, e é posible denunciar a desigualdade entre homes e mulleres na tradición islámica, sen que iso signifique querer revestir ós inmigrados musulmáns cunha librea de prestado ou destruir os seus vínculos comunitarios. (...) O espíritu dos Tempos modernos europeos, pola súa parte, acomódase perfectamente á existencia de minorías nacionais ou relixiosas, a condición de que estén compostas, a partir do modelo da nación, por individuos iguais e libres”).

luns, maio 15, 2006

O gato do rabino: a bar-mitzva



Ademáis de tópico, sería enganoso dicir que este primeiro tomo da serie O gato do rabino de Joann Sfar é un cómic de simplicidade só aparente. O debuxo de Sfar é de seu sinxelo e espontáneo, características que neste caso se ven potenciadas por unha estructura narrativa clásica (seis cadriños de iguais dimensións por plancha) e inamovible. O autor dota deste xeito dun envoltorio tradicional a unha historia que non deixa de ser unha fábula desenfadada e mordaz, un conto sutil pero sen excesivas pretensións. A sinxeleza non está, xa que logo, só nas formas, senón tamén no fondo, sendo ésta unha das maiores virtudes da obra e do seu autor.

Protagoniza a historia un gato que adquire o don da fala despois de comer un loro. A humanización do felino conleva a súa infelicidade, xa que o seu amo, o rabino, decide arredalo da súa filla, que ata entón o coidara, por consideralo unha mala influencia. O gato expresa entón a súa intención de convertirse ó xudaísmo, para recuperar a respectabilidade fronte ó seu amo e que éste lle permita achegarse de novo á súa filla.

Parece obvio que a pretensión de Sfar recurrindo a un personaxe tan socarrón e descreído era a de cuestionar algúns dos fundamentos do credo xudeu dende unha perspectiva occidental, como de feito así se suxire no propio texto. Agora ben, o acerto fundamental da obra é facer predominar un tono desenfadado e irónico no canto de desenvolver unha profunda tese sobre o xudaísmo. O gato do rabino destaca algunhas contradiccións da relixión xudía e dos seus seguidores, pero a súa motivación egoísta e o seu espíritu bromista alónxano de pretensións moralizantes. Como mostra, a conclusión do tomo: abrupta, sarcástica e desmitificadora.

xoves, maio 04, 2006

Zarzarrosa



Achegándose ó final de Zarzarrosa, Robert Coover escribe: “o feitizo da fada [comprometeuna] non a unha incerta espera do que todavía podería ser, senón á eterna recreación do que non pode senón ser”. Ben podería ser un resumo da idea central da novela.

Os contos populares, especialmente os contos infantís, conforman un terreo propicio para a lectura e reinterpretación en clave posmoderna, dado o conglomerado de claves literarias e morais que conteñen. Zarzarrosa supón unha peculiar recreación do conto da Bela Durminte, a través da cal o autor revela algunhas das (posibles) mensaxes soterradas da versión orixinal (se é que se pode manter a existencia dunha versión orixinal respecto dunha narración tan popular). A novela componse de narracións breves e repetitivas, que moitas veces adoptan a forma propia de relato e que, en calquera caso, destacan sempre os elementos máis crueis e contradictorios do conto. Os dous personaxes principais, bela e príncipe, permanecen atrapados na arañeira que o propio relato tece: ela nun pesadelo que se repite unha e outra vez e que a leva sempre a unha condición de durminte á que non é quen de sobrepoñerse; el prisioneiro entre as zarzas que rodean o castelo, preguntándose acerca de si mesmo, da súa condición heroica, da motivación dos seus actos. A fada exerce de contacontos perversa que introduce elementos de versións menos coñecidas do conto, como os fillos que a durminte ten durante o seu letargo ou a dona-ogro do príncipe.

A obra condensa as virtudes e defectos da literatura posmodernista e autorreferencial. Á evidente intelixencia da análise e á incuestionable mestría narrativa de Coover cómpre contrapoñer o inevitable distanciamento dun lector ó que, necesariamente, lle resultará complicado implicarse emocionalmente nunha trama tecida coa fría exactitude dun reloxeiro.

mércores, maio 03, 2006

Fábulas: Unha historia de amor



A política xeral de Planeta ó facerse cos dereitos de publicación para España do material de DC Cómics foi a de retomar as series que viña publicando Norma Editorial no punto onde ésta as deixou. Esta tendencia, lóxica e de agradecer, atopa unha inexplicable excepción no volume que nos ocupa, primeiro da colección Fábulas que edita Planeta. Baixo o título Unha historia de amor recopílanse non só os capítulos que compoñen tal arco argumental, senón os tres inmediatamente anteriores, previamente publicados por Norma, repetindo mesmo a cuberta que esta editorial escolleu para o seu último tomo. Por qué o lector ten que pagar eses tres números xa publicados e desconectados do arco principal do tomo (tan desconectados como o poden estar dentro da continuidade da serie) é un misterio que merece un serio reproche.

A serie Fábulas ten unha premisa certamente imaxinativa: os personaxes das lendas e dos contos populares viven exilados no mundo real. Tan imaxinativa é que por intres semella un tanto forzada, por non mencionar que, como proposta de reciclaxe de mitos e lendas, non pode deixar de lembrarme ó Sandman de Neil Gaiman, grande obra fundacional do propio selo Vértigo que publica esta serie. Malia todo o anterior, coido que o escritor Bill Willingham foi quen ata o de agora de manter o interese da colección, situando primeiro a unha serie de personaxes no taboleiro de xogo e poñéndoos en movemento despois.

Ainda así e considerando as boas críticas da serie especialmente nos USA, un ten a sensación de que o labor do guionista presenta eivas salientables. A historia que nos ocupa, por exemplo, contén distintos momentos chamados a resultar esenciais na evolución xeral de historia e, por tanto, cargados de dramatismo: a confrontación entre Lobo e Barba Azul, a tensión sexual entre Lobo e Branca Neves ou o dó entre Príncipe Azul e Barba Azul. E sen embargo, o desenvolvemento de nengún dos episodios sinalados está á altura do requerido. Os diálogos carecen de forza, o mesmo que o plantexamento concreto das situacións. A resolución do conflicto Branca Neves - Riciños de Ouro parece o contrario do que debería ser: violento e pouco sutil. En conxunto, a potencialidade da serie vese claramente desperdiciada.

No tocante ós artistas que debuxan estes números, destaca o labor de Mark Buckingham, especialmente cando conta con Steve Lehialoha nas tintas. Ó contrario que a práctica totalidade dos seus antecesores, Buckingham preocúpase pola definición gráfica dos personaxes, ós que é capaz de perfilar máis aló do simple estereotipo visual, resultando especialmente interesante a súa versión do Lobo Feroz. Destacar igualmente o magnífico labor de James Jean nas portadas.