Nova entrada en Qadriños comentando o novo artefacto de Autsaider cómics, unha caste de Cubo Cósmico en versión VERDE de contido deliberadamente estraño. Qadriños: A conspiración VERDE.
mércores, marzo 27, 2013
venres, marzo 22, 2013
Qadriños: Tanxencias, adeus a un clásico
Coa apertura da libraría Tanxencias na Coruña hai 17 anos deixei atrás unha frustrante carreira de francotirador de librarías e quioscos para disfrutar da aburrida tranquilidade de quen sabe que pode mercar o que quere cando quere. Cambiei incertidume por seguridade, os meus gastos subiron, o espazo dispoñible nos meus andeis baixou. Fíxenlle un high five á man invisible de Adam Smith, os afeccionados á BD pasabamos a disfrutar das vantaxes da mítica intersección entre oferta e demanda. Sempre fun consciente de que optando por esta tenda estaba a facer ademais unha outra elección, a dun pequeno establecemento de barrio fronte as multinacionais e grandes empresas que, dende hai uns poucos anos, tamén ofertan BD. O vindeiro 27 de marzo Tanxencias pechará definitivamente as súas portas, unha mala nova para min como cliente habitual, pero sobre todo para os seus donos. Tamén un síntoma (o enésimo) de que a invernía da crise é moito máis crúa e cruel co pequeno comercio. Escribo sobre o tema en Qadriños: Tanxencias, adeus a un clásico.
luns, marzo 18, 2013
The League of Extraordinary Gentlemen: Century 2009
Co recente Century 2009 (Planeta, 2013) Alan Moore e Kevin O'Neill pechan un ciclo narrativo, o tríptico (1910, 1969, 2009) que conforma o terceiro volume de A Liga dos Cabaleiros Extraordinarios. Dende as dúas primeiras miniseries e co paréntese do Black Dossier, inédito entre nós, a cabeceira experimentou unha sutil reorientación, substituíndo o steampunk vitoriano das primeiras aventuras por un colorista pastiche repleto de anacronismos lúdicos, referencias acochadas e moitos dos lugares comúns da escrita de Moore. O que non muda é a contención do de Northampton, que mantén a serie dentro das marxes de levidade que propuxo dende a súa primeira aparición.
O da levidade cómpre matizalo. É certo que o nobelo referencial dos tres relatos que conforman o ciclo Century supera o das primeiras miniseries e excede con moito o que este lector é quen de desentrañar sen axuda. De igual xeito, os "lugares comúns da escrita de Moore" presentes nesta obra abranguen delirios máxicos, viaxes psicodélicas, simbolismo cosmogónico, Aleister Crowley, masonería e visións escatolóxicas varias. Sen embargo, lonxe de participar das altas pretensións doutros traballos, este cóctel fumegante non parece procurar outro fin que o de ofrecerlle aos lectores habituais do autor un sofisticado entretemento, ben sustentado graficamente e co cruce de complicidades que sempre conleva o xogo referencial. Aínda que Moore non precisa máis para superar a media do que se publica mensualmente, o resultado non deixa de ocupar un lugar discreto no contexto da súa propia produción, algo que pode resultar decepcionante se consideramos que a cabeceira se nutre do imaxinario dalgunhas das obras literarias máis célebres dos últimos séculos, un material cuxo valor e forza emocional podería dar moito máis de si.
O volume que nos ocupa axéitase aos sinais de identidade da serie, comezando pola autoparodia inicial dos autores e o mencionado xogo de chiscadelas, que desta volta inclúe alusións a Harry Potter e ás ficcións protagonizadas polos servizos de intelixencia británicos. Pero máis aló diso, neste capítulo conclúe o arco argumental que se viña desenvolvendo nos dous tomos anteriores e malia que, tras o previsible crescendo, a acción desemboca nun delirio apocalíptico que mesmo trae a morte dun dos personaxes, Moore renuncia a levalo ás súas máximas consecuencias dramáticas. Por sorprendente que resulte tratándose dun escritor tan pouco acomodaticio, o seu ton é distante e desapaixonado, case rutinario.
Queda pechado o ciclo e non sabemos se Moore e O'Neil recuperarán a cabeceira nun futuro. Polo de agora acaba de publicarse en Estados Unidos de Nemo: Heart of Ice, primeiro spin-off da serie. As imaxes prometen. Picaremos.
Entradas relacionadas
A Liga dos Cabaleiros Extraordinarios: Century 1910
A Liga dos Cabaleiros Extraordinarios: Century 1969
mércores, marzo 06, 2013
Un paso en falso
Sinala Bart Beaty en Unpopular culture que se certos autores situados na perifera (xeográfica ou lingüística) da BD europea tenderon en certo momento a elaborar traballos mudos ou con texto escaso non foi tanto por vocación experimental coma para favorecer a súa difusión internacional facendo innecesaria a tradución. Ese sería o caso dalgunhas das primeiras obras do noruegués Jason, concretamente das dúas que Astiberri reeditaba o ano pasado baixo o título Un paso en falso (2012): Chhht!, que xa fora publicada pola editorial vasca en 2002, e Espera... que o fora en 2004. A primeira, como suxire o seu título, prescinde absolutamente de texto, mentres a segunda o fai só en parte, aínda que a dosificación da palabra resulta crucial na mesma. O propio Beaty advirte de que, no caso de Jason, a proxección internacional da súa obra, traducida a varios idiomas e publicada en diversos países de Europa e Norteamérica, non tivo que ver precisamente con esta circunstancia, senón co feito de ter sido publicado en Francia, confirmándose así a centralidade do mercado francófono na BD europea.
Jason é un autor que constantemente marca distancias co lector. Afeitos como estamos á utilización de animais antropomórficos en traballos orientados a un público infantil e xuvenil, o seu uso en obras dirixidas a un lector adulto provoca unha primeira disonancia no lector. O efecto amplifícase se os deseños, lonxe de compartir a expresividade exacerbada dos funny animals, resultan lánguidos, pouco expresivos, e mesmo, en ocasións, inescrutables. Estas características, canda outras habituais nas obras do noruegués, como unha planificación de páxina regular e con poucas variantes, as cores, básicas e sen apenas matices, ou a economía dos fondos, tradúcense nunha frialdade formal que encaixa co tópico acerca do carácter dos habitantes dos países nórdicos. E esta devandita frialdade, presente en toda a produción de Jason, resulta aínda máis perceptible no díptico que conforma Un paso en falso. A ausencia ou escaseza de texto deixa ao lector sen moitas máis pistas verbo das emocións dos personaxes que as que proporcionan os seus rostros hieráticos, e aínda que a lectura é áxil pola falta de texto, a utilización dunha plantilla fixa de seis cadriños por páxina convértea nunha experiencia átona e case monocorde. Ningunha das dúas obras foi concibida para compracer o lector pola vía rápida.
O paradoxo é que nestas dúas obras, coma nos restantes traballos de Jason, os sentimentos ocupan unha posición central, co amor e a amizade, e tamén as súas versións negativas, o desamor e a ausencia, como temas recorrentes. O gran mérito do noruegués e probablemente o seu trazo máis característico como autor é o de conseguir que ese caudal emocional atravese todas as barreiras que el mesmo interpón e chegue ao lector. E iso acontece coas dúas historias que recolle Un paso en falso. Malia apareceren estereotipados ou baixo formas simbólicas, os sentimentos que o autor pon en xogo alcanzarán ao lector que sexa quen de penetrar na tépeda proposta visual do autor. Cómpre un esforzo pero o resultado compensa.
Entradas relacionadas
O último mosqueteiro
Eu matei a Adolph Hitler
Por que fas isto?
Non me deixes nunca
xoves, febreiro 28, 2013
O raio mortal
Andy, o protagonista de O raio mortal (Random House, 2013), descobre un día que na súa infancia foi sometido a experimentación xenética por parte do seu pai e que cando entra en contacto cunha determinada substancia adquire unha forza fóra do común. Poderiamos estar perante unha orixe superheroica perfectamente canónica de non ser porque a substancia en cuestión é a nicotina, é dicir, Andy vólvese superforte cando fuma. As intencións desmitificadoras de Daniel Clowes parecen obvias, malia o cal sería un erro reducir o conxunto da obra a unha simple parodia dos tebeos de superheroes.
Publicada en 2004 na revista Eightball, O raio mortal asume parte dos tópicos propios do xénero superheroico ao tempo que elude ou terxiversa outros. O interesante é que os desvíos que toma Clowes veñen dados pola fidelidade do autor ás claves que explican a súa propia obra. O exemplo máis evidente sería o debuxo, tan coherente coa restante produción do autor coma afastado dos canons do tebeo de heroes enmascarados. O Andy uniformado que atopamos nas páxinas de O raio mortal é unha versión devaluada e bizarra dos maxestosos heroes enmascarados de Marvel e DC, e o mesmo acontece cos restantes deseños de personaxes e escenarios, tan típicos do universo clowesiano como alleos ás epopeas superheroicas. No que atinxe ao desenvolvemento narrativo, Clowes emprega recursos ben coñecidos polos seus lectores, coma a descomposición do relato en microepisodios baixo título propio, os cambios de rexistro formal ou a alternancia de composicións tradicionais e simplemente funcionais con plantillas uniformes máis propicias para o xogo narrativo.
Pola súa banda, a idea central do argumento tamén se afasta dos tópicos do tebeo superheroico, segundo os cales a adquisición de superpoderes e a conseguinte adopción dunha personalidade enmascarada conduce sempre a unha intervención na esfera pública, xa sexa para facer o ben (os superheores) ou o mal (os superviláns). En O raio mortal a utilización dos poderes por parte de Andy afecta sempre a persoas do seu contorno inmediato, subvertindo así un dos lugares comúns máis artificiosos do xénero, o de que os heroes non utilizan o seu talento en función de intereses persoais senón de acordo cuns ideais de xustiza que apenas varían dun personaxe a outro. Os superpoderes non fan de Andy un heroe e, sobre todo, non lle son de axuda nas súas relacións persoais. E probablemente aí é onde quería chegar Clowes, xa que a obra, no seu miolo, ocúpase dos temas centrais da súa produción: a soidade, a incomunicación, a falta de habelencia afectiva, a imposibilidade da relación co "outro". Hai, xa que logo, tantos tópicos clowesianos coma superheroicos en O raio mortal, aínda que cunha diferenza: mentres que os primeiros determinan o contido esencial da obra, os segundos son reducidos a simples estruturas formais, un xiro intelixente e irónico que permite presentarlle ao lector baixo formas novidosas as coñecidas teimas do autor.
Entradas relacionadas
Wilson
Ice heaven
Como luva de seda forxada en ferro
mércores, febreiro 27, 2013
San Petersburgo, vestixios da Rusia imperial
Se a anterior Paisaxe estaba adicada a Moscova, a máis recente céntrase na outra grande urbe rusa, San Petersburgo, antiga capital do Imperio e escenario de relatos tan célebres coma Anna Karenina ou Crime e castigo. Autores como Luis Doyague, que adaptou ao cómic dous relatos de Nikolái Gogól, Cyril Pedrosa, Jean-Pierre Gibrat ou Philippe Adamov teñen retratado nas súas obras a cidade, deixando constancia da súa grandiosa beleza. Atoparán algunhas mostras en San Petersburgo, vestixios da Rusia imperial.
venres, febreiro 22, 2013
Qadriños: Marcinelle en galego, Bieito Fendeferro
O de Peyo é un caso paradigmático de autor devorado polo seu éxito. A imparable popularidade dos Pitufos dende a súa primeira aparición como secundarios na serie de Johan e Pirlouit non só foi absorbéndoo ata non poder traballar nas súas outras creacións, senón que ademais relegou a un segundo plano o resto da súa produción, moito menos coñecida, difundida e editada. Na miña entrada máis recente no blog Qadriños refírome a Benoît Brisefer, personaxe creado por Peyo que viviu unha curta experiencia editorial en galego baixo o acertado nome de Bieito Fendeferro.
mércores, febreiro 06, 2013
Saga 1
Tras uns anos traballando para outros medios, Brian K. Vaughan retorna ao mundo do cómic con Saga, proxecto que vén desenvolvendo en colaboración coa debuxante Fiona Staples, conservando ambos a titularidade da creación e publicándoa baixo o selo de Image Comics. A obra chéganos tras unha boa acollida nos Estados Unidos, tanto entre a crítica coma por parte do público.
Se tanto Y, o último home coma Ex Machina, os anteriores traballos de creación propia de Vaughan, partían dunhas premisas suxestivas e cheas de posibilidades, en Saga acontece xusto o contrario: se por algo destacan tanto o primeiro bosquexo da trama coma o escenario no que se desenvolve é pola súa escasa orixinalidade. Alana e Marko, personaxes procedentes de dúas civilizacións enfrontadas secularmente, e Hazel, a filla recentemente nada de ambos, foxen das autoridades de cadanseus lugares de orixe. Trátase, xa que logo, da enésima revisión do amor perseguido pola diferente orixe social dos protagonistas, tópico sobreexplotado dende o canónico Romeo e Xulieta; polo demais, a imaxe de parella con fillo fuxindo da autoridades ten coma referencia ineludible outro célebre long-seller, o Novo Testamento; e finalmente, cantas ficcións futuristas parten dunha paisaxe con dúas civilizacións en guerra perpetua? Poñan vostedes os nomes.
Mais o problema agrávase, ao meu entender, se á falta de orixinalidade da premisa engadimos a absoluta previsibilidade do seu desenvolvemento. A primeira recompilación da serie (Planeta, 2012) limítase a engadir á introdución dos personaxes principais unha convencional peripecia de fuxida. Nin sequera atopamos nas súas páxinas o talento para o diálogo e o sentido do humor sarcástico que caracterizara a escrita previa de Vaughan, quedando reservada a escasa singularidade do produto a certas denominacións extravagantes (os mercenarios son aludidos coma "autónomos"; algúns personaxes teñen nomes como "a Vontade" ou "o Tallo") e ao deseño gráfico dalgúns personaxes (é o caso de "o Tallo" ou a demediada Izabel), aínda que neste último caso entendemos que o mérito é compartido coa ilustradora Fiona Staples. E no tocante ao labor desta, é unha mágoa que a súa correcta caracterización dos personaxes non se vexa acompañada por unha contextualización gráfica aceptable. Non sei se é unha decisión estética deliberada ou un recurso para cumprir datas de entrega, pero o uso repetitivo de fondos esvaídos fai que as imaxes carezan de profundidade, dando a sensación de que as figuras flotan diante dunha pantalla de cores.
Confeso, xa que logo, a miña decepción neste primeiro achegamento á serie e tamén a miña incomprensión cara as gabanzas, polo xeral sen apenas matices, que vén recibindo nas dúas beiras do Atlántico.
Entradas relacionadas
Ex Machina
Y, o último home
Os leóns de Bagdad
sábado, febreiro 02, 2013
Deus e ciencia, o retorno das Ti-Girls
As mulleres da portada de Deus e ciencia, o retorno das Ti-Girls (La Cúpula, 2012) ollan cara o horizonte enfundadas en uniformes coloristas. A indumentaria, a pose, o espazo (unha cornixa), a variedade na tipoloxía (os personaxes no fondo matizan o estándar da que ocupa o primeiro plano: unha vella, unha moza baixiña e unha muller verde con aparencia monstruosa), o aire que fai voar as súas capas, mesmo o ceo turbulento: todos os elementos da imaxe toman como referente os tópicos da representación superheroica. Se malia iso, a portada non chega a encaixar dentro dos estándares do xénero é porque Jaime Hernández mantén o seu propio estilo gráfico, persoal e recoñecible, no que pode rastrexarse a pegada doutras moitas influenzas ademais da do tebeo de heroes enmascarados. Isto constitúe unha boa pista do que podemos atopar no interior do libro: unha historia que retoma moitos dos lugares comúns das historias de superheroes pero que Hernández reconduce ao seu peculiar universo creativo.
A comedia teen, a ciencia ficción, o costumismo pop, mesmo certo realismo máxico, a serie B... Hernández leva xogando á mestura de xéneros dende as súas primeiras historias para Love and Rockets. Non sorprende, xa que logo, que propoña agora este novo xiro (inxustificado, coma os anteriores) para xogar aos superheroes, menos aínda se consideramos que xa levara a cabo algunha aproximación previa. Coma en practicamente toda a súa obra, Hernández mantén o protagonismo coral e feminino, e teima en ensanchar as marxes do seu particular universo concedendo o seu momento de gloria a personaxes que ata o momento ocuparan un plano secundario. E así, malia apareceren Penny Century e Maggie Chascarrillo, as auténticas protagonistas da historia son personaxes coma Angel, Xochitl e outros de nova creación, aos que Hernández é quen de dotar da forza suficiente para levar o peso do relato.
O argumento é unha versión exacerbada e delirante das aventuras de superheroes. Sen embargo, a ollada amable de Hernández, o seu sentido do humor, punzante e irónico mais nunca destrutivo, fai que o resultado se aproxime máis a un tributo que a unha parodia. É probable que non sexa a un dos mellores traballos do seu autor; é mesmo probable que nin sequera estea á altura das entregas máis recentes. E sen embargo, coma nova ampliación do inclasificable universo creativo do seu autor, resulta unha lectura tan obrigada coma agradable.
Entradas relacionadas
Penny Century
A educación de Hopey Glass
Locas 3
Locas 2
Locas 1
mércores, xaneiro 30, 2013
O mundo precisa heroes
El héroe vol. 2
O primeiro libro de El héroe (Astiberri, 2011) deixaba poucas dúbidas respecto da actitude creativa dun David Rubín que, lonxe de acomodarse na repetición de fórmulas previamente ensaiadas, prefería buscar novos camiños para a súa obra. Malia retomar nel moitos dos elementos presentes nos seus traballos anteriores, o ourensán collía un perigoso desvío, artellando un proxecto máis ambicioso e tamén arriscado. Os seus evidentes acertos de entón traducíronse nun recoñecemento crítico practicamente unánime, ademais de en nomeamentos e premios, e só o carácter incompleto da obra invitaba a manter unha certa prudencia. A recente publicación do segundo e derradeiro volume de El héroe (Astiberri, 2012) pecha este ciclo narrativo, permitindo unha correcta valoración da obra no seu conxunto.
Como é sabido, El héroe non é outra cousa que unha revisión do mito de Heracles e os seus célebres doce traballos, relato aventureiro clásico que ten inspirado innumerables e moi variadas ficcións en distintos medios. O primeiro que pode chamar a atención da versión gráfica de Rubín é o feito de adobiar con detalles anacrónicos (fundamentalmente tecnoloxía: automóbiles, consolas, iPods...) unha ambientación máis fantástica que histórica, recurso sinxelo e resolto con elegancia que lle vale ao autor para introducir unha tensión entre tradición e modernidade que está no cerne da obra. De feito, máis aló do simplemente estético, o conxunto do traballo semella concibido para explorar a viabilidade actual, mutatis mutandi, das formas narrativas propias dos antigos mitos, relatos de forte alento épico e tensión dramática no que se invocan os máis altos valores. O propio Rubín ten salientado en diversas ocasións que esta obra xurde da súa insatisfacción fronte o tebeo de superheroes actual, que o autor xulga coma aburrido e falto de orixinalidade. Herdeiro natural do relato mitolóxico durante décadas, o xénero superheroico é hoxe vítima da repetición de fórmulas e dun control editorial que limita a creatividade dos autores. Para máis abundar, os intentos de renovación de máis éxito dende que o xénero adquiriu consciencia de si a finais dos 80 adoptaron preferentemente unha visión irónica e descrida, desposuíndoo do seu tradicional idealismo. Con El héroe Rubín estaría a reivindicar a volta ao relato heroico tradicional, sendo o seu grande mérito o de conseguilo a través dunha obra de modernidade indiscutible.
Rubín atopa no mito de Heracles e as súas doce tarefas un pretexto argumental idóneo para elaborar unha grandiosa epopea repleta de acción e aventura, mais tamén para reflexionar sobre os claroscuros da condición heroica. O mozo Heracles gozará da gloria das vitorias pero descubrirá tamén as servidumes do seu labor, a dependencia daqueles que axuda, a imposibilidade de levar unha vida familiar normal. A esta idea central iranse engadindo outras, moitas delas susceptibles de seren lidas en clave actual: a lexitimidade do poder, a manipulación dos gobernantes, a fidelidade a uns ideais ou a responsabilidade dos medios de comunicación. E, por riba de todo, Heracles está enfrontado dende o seu nacemento coa deusa Hera nunha loita da que non poderá saír vitorioso, o que lle confire unha dimensión fatalista a toda a súa angueira. Fronte a descrenza e a distancia irónica que caracterizan os heroes de ficción contemporáneos, Rubín opta polo idealismo, a implicación moral e o sentido tráxico. Todo un desafío.
Lonxe de optar por unha narrativa invisible, Rubín desprega un extenso catálogo de recursos visuais, a maioría deles ben ostensibles, cos que responde á condición fantasiosa do narrado e o extremado das situacións expostas. Isto resulta moi obvio na utilización dunhas cores intensas, básicas, case estridentes, que subliñan a ambientación fantástica e acentúan o sentido de espectáculo, ao tempo que contrastan co recorrente uso do branco e negro polo autor na súa obra previa. Mais alén diso, cada episodio ten a súa feitura, cada páxina semella ser resultado dunha coidada planificación, alternando composicións simétricas con cadriños asimétricos, ilustracións a toda páxina ou a dobre páxina con planos detalle, incorporando lances mudos, empregando onomatopeas coma marco… Nin o lector menos atento a estes aspectos poderá obviar o aparatoso artificio narrativo que Rubín constrúe para desenvolver o relato, ata chegar a converter o propio acto de lectura nunha experiencia de seu. Polo demais, sen necesidade de introducir citas recoñecibles ou homenaxes explícitas, o peculiar estilo gráfico de Rubín, que mestura elementos de tradicións tan diversas coma o manga, a BD europea ou o tebeo comercial norteamericano, consegue dotar a obra dunha dimensión referencial, ao poder rastrexarse nos seus deseños a pegada de autores clásicos do tebeo superheroico coma Jack Kirby ou Jim Steranko. O resultado é un desenvolvemento gráfico contundente que, lonxe de procurar un lucimento persoal ou de caer nunha experimentación baleira, participa da idea de busca e renovación que dá sentido á obra.
Atopámonos, xa que logo, perante un traballo de simplicidade enganosa. Pártese dunha premisa argumental sinxela e coñecida, que o autor desenvolve de forma lineal, aportando abundantes doses de acción e espectáculo. Mais no canto de apostar só polo entretemento, Rubín adopta unha perspectiva crítica que non só cuestiona a forma e o fondo de certos modelos narrativos contemporáneos, senón que ademais ofrece unha contundente alternativa. Nun complicado equilibrio, o autor reivindica unha certa tradición sen caer na nostalxia; elabora un traballo autoconsciente e referencial pero nunca irónico. El héroe marca un importante salto cualitativo na carreira de David Rubín e sitúa o ourensán por dereito propio na primeira liña da banda deseñada europea actual.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)










