xoves, febreiro 22, 2007

Catwoman: Viaxe salvaxe




O labor de Ed Brubaker e Darwyn Cooke na colección de Catwoman pode calificarse de exemplar. O primeiro levou a cabo unha renovación do personaxe en perfecta coherencia coa súa traxectoria previa, pasando a un primeiro plano a fuguras ata entón secundarias como Holly ou Slam Bradley e sen abusar da predecible presencia de Batman na serie. A nova Selina Kyle é agora un personaxe complexo e ambiguo, cun papel de seu nun Gotham que xa conta con heroes abondo.

Algo semellante pode dicirse do traballo de Cooke, que non só dotou á muller gato dun uniforme máis contemporáneo (sen privala, sen embargo, do seu prezado látigo), senón que imprimiu á serie un estilo gráfico peculiar, simple, próximo ó cartoon, enganosamente infantil e con Alex Toth e Bruce Timm como referencias inevitables.

O resultado é unha das series de referencia do DC actual, cun tono noir no que Brubaker se desenvolve con especial comodidade e no que o traballo dos distintos artistas que teñen participado ata o momento, sobranceiramente Cameron Stewart, se axeita á liña gráfica inicialmente deseñada por Cooke.

Planeta retoma a publicación da serie onde a deixara Norma, tendo saído ó mercado o primeiro de cinco tomos que precederán ó (eventual) paso da colección ó formato grapa. Este primeiro volume recolle os números 20 a 24 da serie orixinal americana (máis o Catwoman: Secret Files & Origins #1), nos que Selina e Holly se alonxan de Gotham e emprenden unha caste de road movie por algunhas das cidades con máis sona do Universo DC: Keystone City, Opal City, St Roch… O argumento, xa que logo, arrédase do tono de serie negra que presidía a serie ata o momento, e tece unha serie de historias sinxelas nas que o interese se centra na definición dos personaxes (maxistral o diálogo entre Bradley e Batman) e na interacción de Catwoman con Wildcat, o Capitán Frío, ou Hawkman e Hawkgirl. O apartado gráfico corre a cargo dun Cameron Stewart en perfecta sintonía coa liña gráfica da colección.

Entradas relacionadas:

Catwoman: se vas a Roma

2 comentarios:

Anónimo dixo...

É unha putada descubrir unha serie boa despois do cambio de editorial en españa. hai que agardar pola reedición pola nova compañía, que adoita levar tempo ou comezar a serie pola metade.
Odio estas cousas...

Ollo de Vidro dixo...

Pois si, supoño que a reedición do excelente material previo dependerá da acollida da serie nesta nova andaina.

O peor, se te incorporas neste volume, é que, sendo unha boa historia, non só non está á altura dos tomos previos, senón que o tono a partir do cal se reconstruiron a colección e o personaxe personaxe se perden notablemente.