sábado, xullo 14, 2007

Top 10



A invasión dun apartamento por unha colonia de super-ratos é combatida mandando unha manada de super-gatos ó contraataque. Da colisión entre ambas especies xurde un crossover de crises e guerras segredas que termina por afectar ó tecido temporal, mudando a continuidade e facendo que a familia afectada non queira pagarlle ó exterminador, por non lembrar nada do acontecido. Un exemplo do sentido do humor que destila o Top 10 de Alan Moore, irónico e intelixente, xenuinamente británico, un tanto distante e, en calquera caso, só apto para lectores cunha bagaxe previa.

Moore eleva a norma o extraordinario creando un universo no que todo o mundo é un superheroe con pixama. A partires de aí, os policías dotados de superpoderes da comisaría de Top 10 non deixan de ser xente normal que debe afrontar casos policiais comúns. Todo indica, nun principio, que non hai mensaxe alén do paródico: un mundo estrafalario e excesivo, un mosaico no que o lector pode empregarse a fondo na pescuda de referencias e homenaxes, e unhas aventuras sinxelas, tan enxeñosas como aparentemente intrascendentes.

Sen embargo, as distancias longas benefician á serie. Cando un chega á altura do décimo capítulo as tramas que parecían inocuas comezan a tomar forma ó servizo de fins superiores. Personaxes que resultaban case grotescos amosan agora un perfil ben definido e o lector, este lector cando menos, sorpréndese de se identificar con eles. O que parecía un mero xogo paródico adquire un tono máis serio sen necesidade de renunciar ós seus sinais de identidade.

Anque Moore traballou en productos de xénero (ciencia ficción, superheroes, terror), a súa tendencia natural parece ser a de interpoñer unha certa distancia e xogar coas convencións dos mesmos. Un xogo como éste, consistente en facerlle explícitas ó lector as costuras do medio, non resulta doado. De feito, á intelixencia e capacidade analítica imprescindibles para levar a cabo proxectos deste tipo hai que engadirlle unha considerable dose de talento para non caer nunha certa asepsia. Sen abandonarmos a producción de Moore, unha obra tan indicutible como Watchmen trunfa no terreo emocional sen perder forza como disección (¿autopsia?) do xénero superheroico; pola contra, un traballo tan apreciable como Supreme funciona só como exercicio de estilo, sumamente elegante e mesmo revelador, pero virtualmente incapaz de implicar emocionalmente ó lector.

Top 10, non estando á altura das obras mestras de Moore, consegue sobrepoñerse á súa vocación meramente lúdica e ofrecer momentos brillantes non só no enxeño devaluador propio da ironía, senón tamén na defensa duns personaxes e tramas cos que, en última instancia, o británico semella amosar un indiscutible cariño polo xénero superheroico. O resultado é unha pequena marabilla, unha obra que require paciencia e unha certa madurez para poder ser disfrutada ó máximo.

A definición gráfica da serie corre a cargo dun Gene Ha prometedor pero, daquela, con defectos evidentes. Poucas obxeccións se lle poden facer ó seu labor no deseño de personaxes, sendo quen de dotar de dignidade ó que noutras mans podería non pasar de simplemente extravagante. Sen embargo e malia a mellora que evidenciaron traballos posteriores, resultan frecuentes nesta obra problemas coas perspectivas e coa definición espacial que veñen a dificultar a súa lectura en momentos concretos.

Ningún comentario: