venres, novembro 13, 2009

Adèle Blanc-Sec: O afogado de dúas cabezas



O afogado de dúas cabezas (Norma, 1985) arranca como o fan outros tantos enigmas detectivescos, coa aparición dun cadáver. Porén, Tardi comeza axiña un xogo a dúas bandas, no que a fidelidade á tradición do xénero resulta máis aparente que real. De feito, o interese narrativo non se centra tanto en plantexar unha resolución en clave detectivesca das mortes que se van producindo canto en amosar unha paisaxe repleta de aconteceres extravagantes en cuxo fondo latexa unha visión crítica, próxima á parodia, do final da Primeira Guerra Mundial. O absurdo e certa ollada surreal apenas deixan espazo para a racionalidade que adoita rexir o relato detectivesco e así o corrobora unha Adèle Blanc-Sec que non esclarece o misterio, senón que asiste á súa resolución case espontánea tras ser arrastrada pola marea de acontecementos. Tardi explora as fronteiras dos seriais de misterio e aventura clásicos da BD franco-belga (hai, de feito, unha microparodia de Blake e Mortimer), forzando as súas estruturas ata levalas un paso máis aló. O apartado gráfico revela a un autor no seu mellor momento, preocupado pola ambientación, que inunda as páxinas cunha narrativa torrencial e detallista, alonxada aínda da simplificación que experimentaría anos máis tarde. No fondo, Tardi é como Adèle: todo carisma.

Ningún comentario: