Normalmente non me gustan as historias que se recrean na violencia, especialmente cando se emprega como provocación ou se presenta coma un divertimento para o lector. Non é que me sinta ofendido senón máis ben o contrario: paréceme unha fórmula previsible e pouco imaxinativa que perdeu a día de hoxe toda a súa forza transgresora. Dito iso, supoño que é lóxico que un escritor como Garth Ennis, que fixo deste rasgo santo e seña do seu estilo, non sexa precisamente santo da miña devoción. Acomodado no tópico do guionista "gamberro", Ennis fai da incorrección política peor entendida a sustancia esencial dos seus relatos e, en moitas ocasións, a súa única razón de ser. É por iso que me achegaba a este Predicador con todas as prevencións, malia ser unha obra de hai case vinte anos e que goza de certo recoñecemento, tanto no contexto da obra do seu autor coma entre os cómics Vertigo dos primeiros anos. E debo recoñecer que a lectura dos que serían os 8 primeiros números da serie e que adoitan compilarse baixo o título Rumbo a Texas (Norma, 2000) resultoume ben satisfactoria. Atopamos xa nestes primeiros números os que posteriormente identificaríamos coma os rasgos recorrentes da escrita do seu autor (violencia lúdica, linguaxe explícita, vocación irreverente...) mais postos ao servizo dun relato, xusto ao contrario do que acontecería en obras que virían máis adiante. Forzado polo formato episódico da serie, a Ennis abóndalle co primeiro capítulo para presentarlle ao lector un grupo de protagonistas (Jesse, Cassidy, Tulip) rodeados do misterio suficiente para resultaren interesantes. O fondo do relato vén dado por unha mitoloxía non excesivamente orixinal, mais eficaz como pretexto para que a acción avance. De pouca axuda son os debuxos de Steve Dillon, un artista cuxas eivas van bastante máis aló do feísmo dos seus deseños: mala definición dos personaxes, pobreza dos fondos, simplicidade do deseño... E malia todo, o conxunto funciona coma un eficaz cruce de terror, fantasía, thriller e western.
Supoño que non ten ningún mérito (senón máis ben o contrario) descubrir a estas alturas unha serie como esta, consagrada xa hai anos. As opinións máis estendidas apuntan aos primeiros arcos argumentais como a mellor etapa da cabeceira, sinalando que, a partir dun certo punto, entra en clara decadencia, así que haberá que comprobar se efectivamente é así. Dándolle unha oportunidade a Ennis, quen o diría!
3 comentarios:
Predicar foi unha serie que me xerou sentimentos enfrontados. Por unha banda, os primeiros arcos argumentais, engancháronme ben, estaba totalmente fascinada con esa crudeza de guión nos diálogos, cos xiros esperados pero ben resoltos e coa consistencia dos personaxes. Pero chegou un momento en que, me parecía, que todo se estaba a sair de madre e deixou de exercer en min esa atracción dos primeiros días. Que sei eu, diríase que se acabou o amor!
A miña relación con Ennis comezou polo desamor polos mesmos motivos: moito desmadre e pouca sustancia. Con este primeiro Predicador descubro que, aínda que non esteamos feitos o un para o outro, podemos ter digamos relacións esporádicas.
Si, os desmadres e os complexos e homofobias reprimidas déixaas para máis adiante. Mellor que sexa unha relación esporádica que non algo a longo termo ;)
Publicar un comentario