xoves, abril 11, 2013

Viñetas negras

Os días do cometa

Manolo López Poy e Miguel Fernández déronse a coñecer con Mamed Casanova, o fillo da furia (Demo, 2010), álbum que recreaba as vivencias do bandido Toribio, figura lendaria do bandoleirismo galego, e que gozou dun notable éxito, esgotando a primeira edición e contando xa con versión en castelán. Os mesmos autores regresan agora con Os días do cometa (Demo, 2013), un relato policial ambientado na Galicia dos anos 80. O cambio de escenario (da Galicia de principios do século XX á da segunda lexislatura autonómica), e tamén e sobre todo de xénero narrativo (dunha narración histórica e de matriz documental a un relato de ficción pura e xénero negro), evidenciarían unha vontade por parte dos autores de tomar distancia respecto ao traballo previo e abrir un novo camiño para a súa obra conxunta. Sen embargo, hai tamén unha serie de claves autorais que se repiten nos dous títulos e que permiten establecer unha continuidade entre ambos.

A imaxe, nas primeiras páxinas, do cometa Halley no ceo de Galicia preséntase coma un sinal que agoira os sucesos tráxicos que van acontecer, mais tamén permite que contextualicemos exactamente o tempo no que transcorre o relato, o ano 1986. Non é esta unha cuestión sobre a cal os autores desexen manter a menor ambigüidade, deslizando sucesivas pistas que confirman a data: as primeiras tractoradas e manifestacións contra a cota láctea, o inminente referendo da OTAN, o segundo mandato de Fernández Albor á fronte da Xunta... López Poy e Fernández remítense a un tempo no que aínda non tiveran lugar as grandes operacións antidroga en Galicia e as mafias de narcotraficantes operaban a pleno rendemento para explorar a relación que manteñen os cinco personaxes protagonistas, catro amigos de infancia e unha muller que coñeceron na mocidade. Os conflitos de lealdades e as xenreiras soterradas mestúranse coa implicación de todos eles, de forma directa ou indirecta, en actividades de narcotráfico, o que propiciará o rexurdir de vellas querelas e desencadeará unha espiral de violencia da que ningún sairá totalmente indemne. Consonte o tópico do xénero negro, os protagonistas son incapaces de actuar con racionalidade e manter o control da situación, véndose superados polas súas paixóns e sendo eles finalmente dominados polos acontecementos. A canción de Roberto Carlos Un millón de amigos a soar na radio dun coche subliña ironicamente que, por riba da entidade criminal dos feitos narrados, a cuestión central do relato é a malograda relación de amizade entre os protagonistas.

López Poy deseña un relato repleto de acción e dunha dureza descarnada, o que, sumado ao constante cambio de escenario e os abundantes saltos temporais, fai da obra unha lectura esixente. Esencial para a creación de atmosferas e a transmisión de sensacións resulta o debuxo dun Miguel Fernández que recunca nas claves do seu traballo previo, aínda que con certos matices. Mantén o trazo ríspeto e un acabado sucio que encaixa perfectamente co ton do relato, aínda que a escuridade das páxinas é menor que en Mamed Casanova, obra marcada no formal polo predominio de fondos negros. A personalidade dos deseños, especialmente das caracterizacións faciais, e a súa fluída narrativa revelan a un autor maduro e cun estilo ben definido, malia a súa curta experiencia no eido da BD.

López Poy e Fernández asinan, xa que logo, un traballo sobrio e con poucas fendas, que pode lerse coma un relato de acción mais tamén permite un interesante achegamento aos anos máis duros do narcotráfico en Galicia. A sintonía entre escritor e debuxante resulta fundamental para a solidez do seu traballo conxunto e vén a confirmar as boas expectativas que xerara o seu traballo previo.

Ningún comentario: