Con El sabor de la tierra (Astiberri, 2013), Baudoin e Troubs continúan
o camiño que abriron con Viva la vida.
Los sueños de Ciudad Juárez (Astiberri,
2011), obra na que ambos autores intercambiaban retratos por soños na tristemente
famosa cidade mexicana. Desta volta, a parella de artistas franceses trasládase
a Colombia, onde emprenden unha viaxe que os levará dende a capital Bogotá ata
Caquetá, rexión próxima ao Amazonas e zona de influenza das FARC. O pretexto é
apenas unha variación sobre o da obra precedente: pedirlle aos seus habitantes
que lles relaten os seus recordos máis intensos mentres os debuxan. O país e o
seu ferinte conflito retratados a través das lembranzas dos seus habitantes.
Son poucas as imaxes que Baudoin
e Troubs ofrecen de Bogotá tras a
súa chegada, mais todas elas amosan unha cidade en cuxa superficie pode
rastrexarse o rastro dunha guerra con demasiados actores implicados: o Estado,
as FARC, os paramilitares, os narcotraficantes, os cidadáns. Todo semella responder
á función de activar o recordo: as paredes tatuadas de carteis, slogans e
graffiti, os lugares indeleblemente asociados a sucesos tráxicos. A cidade
deixa paso a un rural que vai tornando en selva a medida que Baudoin
e Troubs se internan no país. No
camiño atopan xentes de todo tipo: homes e mulleres, persoas cultivadas e xente
humilde, novos e vellos. Uns evocan os traumas da súa vida mentres outros se
refuxian nos intres de felicidade. Hainos que prefiren non recordar e falan do
presente ou do futuro. A violencia sempre está presente, aínda que sexa por
omisión consciente. Nas lembranzas dos retratados o conflito revela a súa dobre
faciana: dunha banda, a dimensión pública na que os grandes acontecementos
condicionan o devir da guerra; doutra, unha sucesión de pequenos dramas
persoais, todos moi semellantes, que marcan as vidas dos cidadáns.
A entrevista dos autores cunha guerrilleira das FARC sinala o que
probablemente sexa o punto culminante da obra, ao ser a primeira e única
declaración recollida no libro que non é dun simple cidadán, senón de alguén
con condición de parte no conflito. É difícil resistirse á forza do seu
testemuño, que os autores presentan sen contrapesos. E non só polo profundo
idealismo que revelan as súas palabras, que poderiamos considerar un simple
envoltorio autoxustificativo, senón tamén e especialmente pola lexitimidade que
lle concede a súa condición de muller que se resiste a someterse a un rol
subsidiario mesmo nunha sociedade en paz. Os autores non agochan as súas simpatías,
preferindo ser honestos a ser obxectivos.
Resulta evidente singularidade desta obra e a dificultade do seu encaixe en
categorías preconcibidas. Entre o relato persoal, a crónica de viaxe e o
documento xornalístico, a obra parte dun propósito mínimo e se desenvolve con
aparente improvisación. Non é ningunha novidade a autoría compartida, mais si
como a interpretan Baudoin e Troubs, xustapoñendo o deu debuxo con
total liberdade. A discreta acollida deste título fálanos do momento que se
está a vivir na banda deseñada, no que unha obra das características sinaladas
non supón de seu acontecemento algún e pode permitirse o caro capricho de pasar
desapercibido.
Ningún comentario:
Publicar un comentario