Hai xa moitos anos que os cómics de Alan Moore revelan só conformismo e falta de ambición, malia o cal a súa figura segue a gozar dun prestixio único dentro do medio. Situado por méritos propios máis aló do ben e do mal, Moore pode facer o que lle pete sen ter que dar explicacións a ninguén. Por exemplo, en Nemo, las rosas de Berlín (Planeta, 2014) son varias as páxinas integramente escritas en alemán, sen tradución, nin nota ao pe, nin apéndice final, deliberadamente inintelixible para unha grande porcentaxe de lectores. Unha simple excentricidade sen maiores consecuencias (a trama pode entenderse perfectamente sen necesidade de comprender esas pasaxes), pero que si revela unha actitude esnob por parte do autor, que semella xogar a poñer a proba a resistencia do lector.
Se, como diciamos, a obra resulta comprensible sen entender varias páxinas de diálogo é porque estamos ante unha das aventuras máis simples e lineais da cabeceira en toda a súa extensa historia. Moore optou por substituír o festín referencial da serie 1900 por unha narrativa máis sinxela na serie Nemo. No canto de trenzar referencias nun bucle inintelixible, o escritor prefire agora explotar localizacións e imaxinarios, a Antártida e Lovecraft, na entrega precedente; Berlín e o cinema expresionista agora. E por máis que se trate dun collage, que interpón certa distancia irónica e demanda do lector o coñecemento suficiente para captar as citas, as súas intencións semellan ser as máis lúdicas dende que o título comezara a súa andaina en 1999. A oportunidade de recrear un Berlín inspirado nas fitas máis senlleiras de Fritz Lang e Robert Wiene semella pouco menos que un agasallo para un artista tan dotado para a ambientación arquitectónica coma Kevin O'Neill. É a súa versión da capital alemá (grandilocuente, xeométrica, escura), xunto coa aparición dos personaxes máis célebres do cinema expresionista alemán (Mabuse, o doutor Caligari, a muller-máquina de Metrópolis) o que lle confire un plus de interese a un relato que, polo demais, se limita fabular expansivamente sobre a dinastía Nemo. Un Moore de perfil baixo pero lexible.
Entradas relacionadas
Nemo, corazón de hielo
Ningún comentario:
Publicar un comentario