Entre finais dos setenta e mediados dos oitenta algunhas das figuras máis senlleiras do cómic de superheroes produciron os mellores traballos das súas carreiras, dando lugar ao que podería considerarse unha etapa dourada do xénero. Sen desviarse das estruturas clásicas nin poñer en cuestión as súas premisas fundamentais, autores como Chris Claremont, John Byrne, Walter Simonson, Jim Starlin, Frank Miller, Marv Wolfman e George Pérez levaron a cabo unha fonda remuda do relato de heroes enmascarados, ofrecendo unha versión do mesmo adaptada aos cambios sociais. En contraste coas fantasías xuvenís, a diversión lixeira e a exaltación do enxeño propias das orixes, os novos relatos resultaban máis complexos, con argumentos que incorporaban novos dilemas, moitos deles de actualidade social, case todos máis graves e dramáticos. Os personaxes humanizábanse, desprendíanse da súa simplicidade primixenia e a súa psicoloxía comezaba a amosar medos e inseguridades. En definitiva, o xénero expandeuse ata alcanzar uns límites que serían sobordados axiña. En 1986, Watchmen e Batman: Dark Knight returns, excederon con lucidez as convencións do xénero e formularon en voz alta algunhas das súas contradicións, deixando unha pegada que determinaría a súa evolución nos anos seguintes.
Un dos motivos polos que a reedición actual de Miracleman, trinta anos despois da súa publicación orixinal, resulta interesante é porque nela Alan Moore, denantes de saírse das marxes e ollar os superheroes do outro lado do espello, se move dentro das premisas tradicionais do xénero (tamén o faría despois de Watchmen, aínda que por pouco tempo e sempre con tendencias centrífugas). E así, os primeiros números da cabeceira están consagrados a recoller o imaxinario dun superheroe nacido nos anos cincuenta e transformalo nun produto apto para o consumo nos oitenta, o cal implicaba necesariamente darlle unha carga de profundidade psicolóxica, mais tamén envolvelo nun negror ata entón descoñecido para o personaxe. Nos capítulos recollidos no primeiro tomo da serie, El sueño de volar (Norma, 2014), o novo Miracleman renacía nun mundo escuro e salvaxe que o escritor identificaba coa Inglaterra de Thatcher.
Nos primeiros capítulos de El síndrome del Rey Rojo (Norma, 2015), segundo tomo da serie, atopamos outro tropo habitual da redefinición das ficcións superheroicas dos 70-80, nos que a posta ao día do heroe vén sempre acompañada da dos seus adversarios, que adoitan perder teatralidade e grandilocuencia para tornaren en seres máis sinistros. Personaxes coma o Doutor Morte, Kingpin ou Magneto gañaron en matices da man de escritores coma John Byrne, Frank Miller ou Chris Claremont, converténdose en figuras ambiguas, de motivacións máis verosímiles e moito máis útiles en narracións que pretendían resultar máis complexas que as que as precedederan. Isto mesmo é o que fai Moore co Doutor Gargunza, rival de Miracleman que inicialmente constituía un claro expoñente da categoría "científico tolo" e que non por casualidade gardaba claras semellanzas co Doutor Sivana do Capitán Marvel. Nos capítulos incluídos neste segundo volume, Moore reescribe o pasado do personaxe, expón as súas motivacións e confírelle unha actitude máis contida.
No tomo atopamos outros exemplos da tendencia de Moore a desviarse dos canons do xénero. As imaxes de violencia que atopamos nas súas páxinas exceden con moito o que resultaba habitual nos cómics de superheroes da época (decapitacións, explosións de sangue, desmembramentos), amosando un "heroe" protagonista que non só demostra ser quen de matar, senón que o fai con especial crueldade. A exhaustiva representación dun parto constitúe unha provocación máis sutil, ao valerse dun acto natural e fermoso para tentear os límites do que resultaba admisible amosar nunha publicación supostamente xuvenil. Sen dúbida, para moitos lectores ben pensantes, a exposición frontal dunha vaxina desprovista de carga erótica resultaría máis ofensiva que a visión recorrente dunha cabeza humana seccionada do seu corpo.
Tanto os temas abordados coma o xeito de representalos permiten establecer conexións entre este traballo e outros de Moore da mesma época, comezando por Watchmen pero incluíndo tamén outros non menos significativos coma A Cousa do Pantano. A recuperación de Miracleman proporciona a peza que faltaba no grande e fascinante puzzle que é a obra do "guionista orixinal".
Entradas relacionadas
Miracleman: El sueño de volar
Ningún comentario:
Publicar un comentario