venres, xullo 31, 2015

El escultor

























Scott McCloud é coñecido sobre todo como teórico polo seu célebre ensaio Entender o cómic (Rinoceronte, 2011) e tamén, en menor medida, polas monografías que o seguiron, La revolución de los cómics (Norma, 2001) e Hacer cómics: secretos narrativos del cómic, el manga y la novela gráfica (Astiberri, 2007). No eido da ficción o seu traballo máis relevante é Zot! (Astiberri, 2009), unha serie de cómic-books a cabalo entre os superheroes e a ciencia ficción que o autor publicou cara finais dos anos 80, unha obra fresca e renovadora que conseguiu chamar a atención crítica no seu día, que foi premiada e que se reedita frecuentemente, pero tamén un traballo que ten xa vintecinco anos e no que resultan ben visibles as marcas da súa orixe como produto de vocación popular: o carácter seriado, o xénero. Un ten a impresión (indemostrable, coma todos os xuízos de intencións) de que a vontade que move a Scott McCloud a crear El escultor (Planeta, 2015) é a de consagrarse coma autor de ficción cun traballo que reúna as características do tipo de obras que na actualidade proporcionan respectabilidade e prestixio aos autores de BD, as denominadas novelas gráficas, volumes unitarios e autoconclusivos orientados a lectores adultos. El escultor é un relato longo que aborda temas existenciais clásicos (a vida, a morte, o amor) cunha clara vocación de transcendencia. Trátase en esencia dun traballo con pretensións, que transpira o desexo do seu autor de crear unha obra complexa, profunda e perdurable.

Como é sabido, El escultor recupera o pacto de Fausto, desta volta cun mozo ao que se lle ofrece a oportunidade de relanzar a súa carreira artística a cambio de prolongar a súa vida só durante douscentos días máis. Unha criatura sobrenatural agochada baixo a aparencia dun parente concédelle a David Smith a facultade de moldear a materia coas súas mans ao seu antollo, o que le permitirá crear esculturas inverosímiles. Mais iso non abonda, xa que o artista deberá decidir o que quere facer con ese talento, que obras crear e, por tanto, esclarecer as súas prioridades, dilucidar se pretende triunfar e reafirmarse fronte o público ou crear unha obra artisticamente relevante alén de consideracións alleas. Na metade do proceso, Smith coñecerá a Meg, unha rapaza da que se namorará de forma instantánea, que será a súa inspiración pero que tamén alterará o significado do seu pacto ao proporcionarlle un novo motivo para seguir vivo.

Xa que logo, McCloud sitúa na cerna do seu relato o misterio da creación artística, a vida, a morte e o amor. Case nada. E a pouco que se afonde abrollan outros temas non menos transcendentes, coma a amizade ou a familia. El escultor é unha obra explicitamente ambiciosa, mais non é a ambición (lexítima e mesmo positiva) o problema de McCloud. O seu problema é estar ao nivel das súas propias pretensións. Cómpre moita confianza nas propias facultades para abordar temas coma os sinalados, complexos, existenciais e sobre os que as figuras privilexiadas do pensamento e a creación teñen feito achegas decisivas. Un debe ter algo que ofrecer se elixe ese camiño. De aí que o máis sorprendente de El escultor resulte ser o contraste entre o alto que apunta o autor e o baixo que dispara ou, dito doutro xeito, o pouco de substancial que McCloud ten que dicir sobre os asuntos que el mesmo propón.

A recuperación do pacto faustiano como premisa da obra resulta ben significativa. Por unha banda, temos unha apelación directa e facilmente recoñecible a un mito fundacional da cultura occidental que deixou enunciado un dilema esencial da condición humana. Mais estamos tamén perante un tropo narrativo que ten sido reproducido ad nauseam, explotado e mesmo parodiado ata ficar reducido a pouco máis que un clixé. McCloud escolle unha referencia de prestixio que se converteu xa nun tópico manido. A cal dos dous extremos se achegará máis a súa obra?


David Smith, protagonista do relato, é pouco máis que o prototipo de mozo amouchado coa agravante de bloqueo creativo que vai redefinir a súa existencia tras a coñecer a Meg, unha manic pixie dream girl de manual. Riquiña e unha miga excéntrica, vital pero tamén vulnerable, Meg dará un sentido novo á vida de David, transformará os seus puntos de vista e inspirará o seu labor artístico. Non é iso o que fan as MPDGs? É moi difícil facerlle xustiza a Goethe coas estruturas dunha comedia romántica de Hollywood.

Non menos estereotipadas son as posicións intelectuais que o autor mantén no relato. Resulta sumamente revelador que McCloud recorra a Jeff Koons para exemplificar a tensión entre valor artístico e prezo de mercado e, máis aínda, que as consideracións que pon en boca dos seus personaxes sexan os lugares comúns que alguén coma min, que o ignora todo sobre escultura, escoitou xa mil veces. Isto que podería parecer anecdótico define perfectamente a lixeireza analítica que o autor exhibe en toda a obra. McCloud porfía en falar da arte, a vida a morte e o amor, pero sen ser quen aportar nada que non sexan ideas superficiais. O ton solemne e un dramatismo que chega a resultar exasperante non fan senón destacar máis as súas carencias.

A obra conta cun desenvolvemento narrativo notable. McCloud fai un claro esforzo por sobreporse á que semella ser a súa tendencia natural cara as formas simples e caricaturescas, e mantén o debuxo dentro das coordenadas dun acabado realista que lle acae mellor ás características do relato. O seu trazo fino e a preeminencia do branco sen apenas sombras sitúano no ronsel da denominada liña clara americana (Adrian Tomine, Chester Brown, Gabrielle Bell...). E aínda sendo o apartado gráfico o mellor que McCloud ten que ofrecer, tropeza na trama que el mesmo deseñou, que o obriga a algo practicamente imposible: representar con verosimilitude esculturas que o lector identifique como inequivocamente sublimes. Non é que non o consiga, é que está moi lonxe de facelo.

El escultor expresa, na miña opinión, un enorme fallo de cálculo. McCloud pretendeu reivindicarse como creador de ficción cunha obra profunda e valiosa sobre asuntos esenciais da natureza humana, pero os resultados indican que carece de orixinalidade na ollada e sutileza na expresión. Apostou forte. Son dos que pensan que perdeu claramente.

Ningún comentario: