venres, setembro 23, 2016

Plutona

























O cambio de século trouxo un novo xeito de abordar o xénero dos superheroes, unha perspectiva renovadora que foi transitando dende as marxes cara a cerna do cómic comercial e que se basea na deslocalización dos clixés do xénero. Asúmese a figura do superheroe, en ocasións na súa versión máis arquetípica, mais sitúase fóra da lóxica interna do relato superheroico tradicional. En ocasións xógase a mesturar xéneros, outras veces as iconas superheroicas son observadas dende unha perspectiva cotiá, próxima ao slice of life. O arquetipo, o xénero en conxunto, contémplanse dende a distancia, amosando matices que resultan invisibles cando se asume a lóxica que lle é propia. Fóra do seu contorno natural, o superheroe perde o seu brillo e a súa dimensión épica, ata converterse nunha figura estraña, moitas veces extravagante, en ocasións ridícula ou grotesca. Aínda que os obxectivos creativos varían en cada caso, estes relatos adoitan conducir á desmitificación da figura heroica.

Dende as súas primeiras páxinas, Plutona (Image, 2016) sitúase claramente nesta corrente. Jeff Lemire e Emi Lenox constrúen o seu relato a partires dunha tanxencia entre dous universos afastados, o dos seres superpoderosos que loitan no ceo da cidade e o dos rapaces que os observan dende o extrarradio. A aparición do cadáver da superheroína Plutona permite un contacto fugaz entre os cinco rapaces que o atopan e o inalcanzable mundo dos heroes enmascarados. Coma en The body de Stephen King e na súa popular adaptación cinematográfica, Stand by me, a confrontación directa coa morte chega para poñerlle fin á infancia dos rapaces e transportalos supetamente á vida adulta. A súa vivencia cotiá, entre o fogar familiar e o instituto, vese trastocada ao ter que decidir que facer co cadáver. Emi Lenox, unha autora que provén do cómic independente (EmiTown), e Jeff Lemire, que alterna traballos de encomenda para Marvel e DC con títulos de autoría propia en Image Comics, en colaboración coa prestixiosa colorista de Jordie Bellaire, tentan deste xeito ofrecer unha visión alternativa das narrativas superheroicas. Mais todo queda en simples pretensións. É difícil ofrecer unha perspectiva interesante cando os personaxes protagonistas se axustan milimetricamente a clixés repetidos ad nauseam, falan con frases estereotipadas e evolucionan seguindo o itinerario institucionalizado polas ficcións de instituto. A mesma predecibilidade afecta a unha trama anémica, falta de nervio e mesmo de substancia. Nin sequera o feito de ser o propio Jeff Lemire o encargado de reconducir ao seu peculiar grafismo as pasaxes máis estrictamente superheroicas aporta xa un mínimo de sorpresa. Malia a súa vocación contemporánea, Plutona nace soterrada baixo o peso de vellos tópicos e aí queda.

Ningún comentario: