luns, outubro 31, 2016

Un mes, tres viñetas: Outubro 2016

"Shift", a "shitty political New Yorker cover" by Chris Ware













3 de Outubro. Building diversity. Resulta estimulante ler un artigo como este de Kim O'Connor, polo que ten de insólito atopar un xuízo tan negativo do autor fetiche non sei se do mundo do cómic no seu conxunto, pero seguro que si da súa crítica especializada, Chris Ware. O'Connor critica unha das facetas máis recoñecidas do autor norteamericano, a de portadista para The New Yorker. A súa tese é que Ware é torpe cando se trata de crear imaxes con contido político. Se alguén quere coñecer máis da súa posición que lea o artigo. O que a min me chama a atención é un detalle, que O'Connor denuncie a "falta de diversidade"  do conxunto da obra de Ware e afirme que esa eiva resta "universalidade" á súa mensaxe: the comics of his that I know at least--Jimmy Corrigan, Building Stories--are about miserable white protagonists who live in miserable, mostly white, worlds. E aquí chega o paradoxo. A autora identifica diversidade con diversidade racial, o cal non deixa de ser unha concepción xenuinamente norteamericana e polo tanto local. Xa que logo e asumindo o seu punto de vista, os relatos de Ware poderían ser máis sensibles á diversidade (racial), mais seguirían sen ser universais xa que, aínda que probablemente ela non se decate, o seu xeito de entender a diversidade xorde dun contexto histórico e social moi concreto. Non é casualidade que estes días se lle estea a facer unha crítica practicamente idéntica a Tim Burton. Son dos que pensan que a cultura nin é nin pode ser universal, que todo xorde e se explica nun contexto determinado e que precisamente o esforzo por comprender a outredade é un dos aspectos máis gratificantes da experiencia artística. Dito iso, Ware ten que solucionar urxentemente a falta de diversidade das súas obras xa que, de non facelo, formará parte do mesmo club que Tim Burton. E iso si que non.

Imaxe de Lorenzo Mattotti incluída no libro Bob Dylan revisited













14 de Outubro. O noso Nobel. A estas alturas estaredes cheos de falar do Nobel de Dylan así que imos darlle un matiz. Con independencia do merecemento, o primeiro obxectivo dos promotores (o balbordo, a indignación dalgúns, os memes) semella cumprido a día de hoxe. A elección de Dylan paréceme unha decisión conservadora disfrazada de transgresión: a Academia Sueca queda de marchosa escollendo a un músico cando a caterva máis escandalizable agardaba un escritor comme il faut, mais pode imaxinarse un candidato máis obvio e unanimente recoñecido dentro da parroquia musical? A miña pregunta é, por que non darlles aos suecos unha idea para cando queiran renovar a súa imaxe transgresora dentro duns anos? Por que non pedir o Nobel para un historietista? Os que sostemos que a banda deseñada non é literatura podemos escudarnos en que o cómic, como a música, si adoita ter unha dimensión literaria. O problema real será poñérmonos de acordo para facer lobby. Sen consenso non haberá opcións así que, a quen escollemos? Art Spiegleman? Non ten obra. Alan Moore? A ver, pregunto en serio. Ware? A proba definitiva de que o cómic non é literatura. Clowes, Burns, Doucet? Ten que ser de dixestión máis lixeira. Tardi, Gipi, Sfar, Baudoin? Demasiado europeos para ianquilandia. Beto, Jaime? Demasiado chicanos para ianquilandia. Otomo, Taniguchi? Occidente nunca pularía por un mangaka. Ai, Moebius, Moebius, por que tiveches que morrer...

Lamia de Rayco Pulido, un dicir...

















22 de Outubro. We are doomed. Imaxinade que vivides nunha cidade mediana, duns 250.000 habitantes e con afección á banda deseñada suficiente para manter tres librarías especializadas (hai uns anos, máis). Imaxinade que visita a cidade un autor de cómic, un autor novo pero cun notable percorrido nas súas costas e ademais de traxectoria ascendente, ben considerado pola crítica, premiado. Imaxinade que vén presentar nunha libraría da cidade o seu novo traballo, que os primeiros comentarios sitúan entre o mellor da súa carreira. E imaxinade que o número de asistentes ao acto é simplemente ridículo. E non é a primeira vez. Pois mirade, aquí ten que haber un problema ou varios. Un problema da prensa que non quere difundir, un problema de percepción social ou un problema de axenda da xente. Aquí algo ou alguén ten que levar as culpas porque se non é así, se a deprimente (en termos cuantitativos, cualitativamente eramos la crème) concurrencia ao acto é representativa da audiencia real da obra, entón estamos todos condenados.

Ningún comentario: