martes, xaneiro 31, 2017

Un mes, tres viñetas: Xaneiro 2017

O anuncio do peche, debuxo de Monteys
















2 de Xaneiro. Mea culpa. A revista dixital Orgullo y Satisfacción naceu cando un grupo de autores que traballaban en El Jueves decidiron que non querían deixarse domar pola empresa editora, RBA. Un exercicio de dignidade que viu seguido dunha decisión arriscada, a aposta polo formato dixital. Os autores que marcharon de El Jueves son, IMO, bastante mellores humoristas que os que quedaron. Por iso, o recente anuncio do peche de OyS ofrece aínda unha dolorosa aprendizaxe: a día de hoxe, o malo en papel resiste mellor que o bo en dixital, se me permiten o maniqueísmo. As vías de monetización (perdón) seguen a pasar pola imprenta nos máis dos casos e no mercado impreso, cos seus intermediarios, é máis difícil non ter dono. Eu, como outros centos de esquirois, apoiei a publicación no seu lanzamento e despois saltei do barco. O resultado é este. Os Borbóns, contentos. Mea culpa.

Imaxe do novo proxecto de Kiko da Silva



















20 de Xaneiro. Novo formato editorial. Galaxia vén de anunciar a publicación dunha adaptación ao cómic de varios relatos de Castelao a cargo de Kiko da Silva e algúns dos alumnos do Garaxe Hermético de Pontevedra. E non só iso, seica ao longo de 2017 verán a luz baixo o mesmo selo dous títulos máis de BD, supoñemos que un será a adaptación de A nosa cinza de Xavier Alcalá a cargo de Alfredo Ferreiro e Manel Cráneo, anunciada hai xa bastante tempo; do outro non temos máis datos. Como o malicioso Sr. B non tardou en sinalar, o anuncio da editora refírese á novela gráfica como "novo formato editorial". Vaites! Mais éo, cando menos para Galaxia, que nas últimas dúas décadas non publicou banda deseñada máis aló do anecdótico. Unha das explicacións da febleza do sistema editorial galego no que ao cómic atinxe é o discreto papel desenvolvido polas editoras fortes (é un falar), polo menos dende o cambio de século. Xa que logo, alégranos este anuncio que, con xustiza ou non, relacionamos co recente cambio de dirección na empresa, e agardamos que sinale un cambio de rumbo por parte dunha editorial que vai camiño dos 70 anos de historia.

No novo Asterix de Conrad e Ferri, Obelix deixa de torcer polo Dépor













22 de Xaneiro. Could you say me why non publicamos cómics? Mentres, a outra grande editora galega, Xerais, anuncia que publicará contra outubro a nova aventura de Asterix, na que están a traballar Didier Conrad e Jean Yves Ferri. Tamén en Xerais vía a luz hai uns meses o cuarto álbum de Marcopola, unha serie de Jacobo Fernández Serrano que demostra así contar cun público lector consolidado. Mais a cuestión é, non hai para máis? Probou Xerais nos últimos anos a viabilidade dalgún produto semellante a estes dous? Outra franquicia europea, outro cómic de produción galega? É moi cómodo dicirlle a unha editorial como ten que gastar os seus cartos, mais teño claro que no que á BD atinxe unha casa como Xerais apenas asumíu riscos nos últimos anos. Así está o panorama en Galicia: con Galaxia ausente ata onte mesmo, a liña de Novela Gráfica de Rinoceronte liquidada, Retranca publicando en pílulas e El Patito sen política editorial, o ano que a heroica Demo solta o acelerador o cómic en galego desaparece.

2 comentarios:

Sr B dixo...

Non deixa de ser curioso o de OyS, aínda que algo terá que ver tamén que unha gran empresas como RBA pode asumir perdas que compensa con outras publicacións, por senón El Jueves... Veremos o que dura agora.

Do resto, concordo con todo, incluida a miña malicia ;)

Ollo de Vidro dixo...

El Jueves é unha rara avis, unha revista cunha traxectoria longuísima, moitos dos seus lectores non len outros cómics. Eu teño amigos que son lectores ocasionais de El Jueves que nin se enteraron da polémica con RBA nin oíron falar de OyS. Quero dicir, que hai unha porcentaxe de lectores de El Jueves que dificilmemte se poderían subir ao carro de OyS. Por outra banda, estes días estaba lendo "Cómic digital hoy" e chamoume a atención o optimismo dos autores de OyS nas varias entrevistas que recolle o volume.