Trackers: A arma perdida dos deuses
Os autores de A mansión dos murmurios regresan cunha ficción histórica repleta de
aventura e fantasía.
En 2010 vía a luz a versión en galego de Sara, primeiro volume da triloxía A mansión dos murmurios que David Muñoz e Tirso Cons publicaran
orixinalmente na prestixiosa editorial francesa Les Humanoïdes Associés. Malia
que os dous volumes posteriores ficarían inéditos entre nós, aquel álbum supuxo
unha tímida entrada do moderno mercado francófono no sistema editorial galego
despois da aparición, entre os 80 e os primeiros 90, de clásicos coma Asterix,
Tintin, Xil Pupila ou Franka. Velaí unha das consecuencias das reducidas
dimensións do mercado do cómic en galego: cada obra publicada constitúe un
pequeno fito. En A mansión dos murmurios
atopabamos unha convincente inxección de terror contemporáneo a cargo dunha
parella de autores, o escritor madrileño David Muñoz e o debuxante pontevedrés
Tirso Cons, que procuraban unha saída profesional no mercado máis potente de
Europa. Ambos viron cumprido o seu obxectivo e dende entón veñen publicando con
regularidade en Francia e tamén en España, onde van chegando as traducións dos seus
traballos.
A traxectoria de David Muñoz confírmao coma un escritor versátil que ten
transitado entre a memoria persoal (Miedo),
a ficción histórica (Sordo) e a
revisión lúdica de xéneros populares coma a ciencia ficción ou os superheroes (Residuos, Rayos y centellas). Os seus traballos para o mercado francófono,
coma o mencionado A mansión dos murmurios
ou Tierra de vampiros, revelan unha
vontade de espremer as convencións de xénero sen chegar a sobordalas. Nesa mesma
liña poderiamos situar Trackers, o
seu novo proxecto en colaboración con Tirso Cons, un relato canonicamente
aventureiro cuxo primeiro álbum, A arma
perdida dos deuses, viu a luz o pasado verán. Ambientada no século XVII,
esta primeira achega relata a partida dunha expedición británica cara a
península do Iucatán na procura dunha criatura lendaria. Muñoz e Cons súmanlle un
punto de fuga fantástico a un contexto realista, creando o terreo propicio para
ceibar unha pulsión aventureira de corte clásico, con grandes navíos e duelos a
espada, romance e unha historia de mocidade e apertura á vida adulta coma pano
de fondo. O debuxante pontevedrés, de quen partiu a idea orixinal do relato, demostra
a súa idoneidade para o cómic de formato grande, recreando paisaxes da selva
virxe americana ou ou ofrecendo espectaculares estampas de navegación, sen
descoidar outros aspectos como o caracterización dos personaxes ou a resolución
dos lances de acción. Cons é un dos autores máis inxustamente esquecidos da
banda deseñada galega. Probablemente por traballar principalmente para o
mercado francés, o seu nome non adoita estar entre os que nos veñen á memoria
cando pensamos nas principais figuras do cómic galego. Hai algo de
reivindicación no feito de ser el mesmo, como membro da editora 3 Pintamonas,
quen asume a edición en galego deste traballo.
É posible que esta primeira entrega de Trackers adoeza dunha certa previsibilidade. O camiño narrativo deseñado polos autores non só se acolle sen apenas desvíos ás estruturas máis freceuntadas por esta caste de relatos, senón que o fai de acordo coas peculiaridades do sistema editorial francés, que reserva o volume inaugural para un primeiro acto que será obxecto de desenvolvemento e conclusión en achegas posteriores. Esa é a aposta de Muñoz e Cons e eses son tamén os seus poderes, a vontade de xogar a un xogo coas normas ben marcadas e ofrecerlle ao lector algo máis que fría profesionalidade. Este primeiro tomo funciona como un engado eficaz, sería unha excelente nova poder ler tamén en galego os vindeiros volumes da serie.
Ningún comentario:
Publicar un comentario