BDG70: A revolta do cómic galego
A Universidade da Coruña recolle nun luxoso volume os contidos da exposición BDG70: A revolta do cómic galego, un percorrido imprescindible polas orixes da banda deseñada galega na década dos 70.
Entre novembro de 2016 e xaneiro de 2017 puido visitarse na sala Normal da Coruña, o espazo de intervención cultural dependente da Universidade da Coruña, a exposición BDG70: A revolta do cómic galego. Comisariada por Xulio Carballo Dopico, a mostra facía un percorrido polo traballo dos artistas que, nos anos 70, sentaron as bases da moderna banda deseñada galega, ao tempo que se revelaba como o complemento perfecto para a tese de doutoramento defendida no ano 2015 polo propio Carballo e que é, ata a data, o máis completo e rigoroso texto histórico sobre as orixes do cómic galego. As paredes da Normal acolleron as pranchas que explican o singular itinerario da nosa banda deseñada nos primeiros anos da súa historia: precedentes modernos como os cantares de cego de Isaac Díaz Pardo; o fito inaugural que foron tanto a serie de murais de Reimundo Patiño O home que falaba vegliota como 2 Viaxes, o volume que publicou xunto a Xaquín Marín; os traballos do Grupo de Castro; e os diversos camiños polos que o medio foi medrando a partir de entón, tiras de prensa, suplementos e revistas infantís, fanzines, etc. Como culminación dunha exposición que se nos revela tamén histórica, chega agora o tomo editado pola UDC que leva o título da mostra e que resulta ser moito máis que un simple catálogo da mesma. Ademais de reproducir todas as pranchas expostas, o libro contén testemuños gráficos dos traballos preparatorios do evento, así como valiosos textos asinados por algúns dos protagonistas daqueles anos: Xaquín Marín, Pepe Barro, Xosé Díaz, Antón Patiño, Paco Martín, Pepe Carreiro, Fran Jaraba... Todo recollido nun voluminoso tomo, magnificamente editado, que ademais da contemplación demorada dunhas imaxes inzadas de valor histórico permite a comprensión do contexto social e cultural no que viron a luz. Quen teña este libro nos seus andeis posúe un anaco esencial da cultura galega do século XX.
Non semella casual que a irrupción da banda deseñada galega tivese lugar na década dos 70, anos que en Galicia foron de intensa actividade cultural e tamén de loita social. Explícase así a marcada intencionalidade política das primeiras manifestacións da BD galega, os traballos de Patiño e Marín, de Pepe Barro e dos compoñentes do Grupo do Castro (Xosé Díaz, Luís Esperante, Rosendo Díaz e Chichi Campos), que vían na vocación popular do cómic un medio extremadamente útil para espallar a súa mensaxe emancipadora. Ao contrario do acontecido noutros contextos, nos que o cómic foi recluíndose no espazo máis inofensivo, o do puro entretemento para os lectores máis novos, o medio xorde en Galicia nunha versión fortemente intelectualizada que recolle as arelas de cambio político dunha parte da sociedade, e é a partir de aí cando comeza a derivar cara outras manifestacións tamén representadas na mostra. Da man de creadores coma Pepe Carreiro, Xosé Lois ou Pablo Oitabén, o cómic incorpórase a xornais e suplementos infantís, revelándose como un útil instrumento de normalización lingüística. Ademais de contemplar os primeiros traballos destes creadores, fortemente influenciados polo cómic infantil máis popular do seu tempo (a Escola Bruguera, Mafalda), a mostra rescata do esquecemento o meritorio labor de artistas de carreira máis breve, caso de Vicente Veiga e as súas atinadas tiras de Fuco, o de Ulises L. Sarry, que quixo crear unha caste de Flash Gordon galego con Comandante Iago, ou do imaxinativo e colorista Miguel Docampo. Contra o final da década, o fanzine Xofre anuncia un cambio de paradigma. Uns novísimos Miguelanxo Prado, Fran Jaraba e Xan López Domínguez irrompen cunha bagaxe que incorpora influencias da BD europea, do underground norteamericano e tamén do que estaba a aparecer nas revistas españolas daquela altura, sinalando o camiño que o medio comezaría a percorrer na década seguinte.
O volume editado pola Universidade da Coruña permite que esta valiosa compilación de materiais teña unha vida alén dunha exposición que, polo seu interese, mercería ser trasladada a outras vilas e cidades de Galicia, cando non máis aló. Estamos perante unha primeira peza fundamental para a elaboración dunha Historia da Banda Deseñada galega e tamén perante un obxecto dunha singular beleza. Cómpre recoñecer o labor de Manel Cráneo, que dotou a mostra e o propio libro dun deseño elegante que confirma a afirmación de Alan Moore, “nun mundo cada vez máis virtual, os artefactos, as cousas fermosas, adquiren un valor engadido”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario