Fun Home. Unha familia traxicómica
Rinoceronte incorpora ao seu catálogo unha das novelas gráficas máis salientables da primeira década do século XXI.
É unha boa nova que Rinoceronte, a editora de referencia no que a traducións ao galego se refire, retomara en 2018 a súa liña de novela gráfica con dous novos títulos: Maus de Art Spiegelman, pedra angular da dignificación do cómic nos anos 80 e do que, por certo, a editorial mallorquina Inrevés publicara xa unha versión en galego en 2008; e Fun Home de Alison Bechdel, unha das novelas gráficas máis destacadas da primeira década do século e o título que catapultou á fama á súa autora. Publicada orixinalmente en 2006, a obra acadou unhas vendas notables, ademais dunha excelente acollida crítica, situándose axiña coma referente ineludible dunha das correntes máis relevantes daquela década, a do cómic autobiográfico.
Fun Home confirmaba o tránsito de toda unha xeración de creadores dende o underground ata o cómic de autor, especialmente no mercado norteamericano. Coincidindo co cambio de século, artistas cuxas propostas se desenvolveran nas marxes da industria, guiados nos máis dos casos por pretensións que entraban en contradición co discurso dominante, comezaron a atopar abertas canles de difusión que ata daquela se lles negaran, podendo achegar o seu traballo a un público cada vez máis amplo. Foi o caso de Bechdel, que levaba máis de vinte anos publicando en distintos medios Dykes to watch out for, unha tira cómica na que mesturaba costumismo, crítica política e humor para recoller o día a día da comunidade lésbica norteamericana. Malia tratarse dun cómic tan lúcido coma divertido, a súa popularidade restrinxíase aos lectores das publicacións LGBTQ e revistas de humor nas que a cabeceira fora aparecendo sucesivamente. Pola contra, a aparición de Fun Home e a súa boa recepción crítica en medios coma Entertainment Weekly ou The New York Times demostraron a existencia tanto dun gran público lector interesado pola obra dunha autora cuxas claves creativas non mudaran significativamente, coma duns mediadores culturais (os mass media) dispostos a dispensarlle por fin a determinados cómics o tratamento propio das disciplinas culturalmente relevantes.
Se Fun Home puido no seu día acceder á respectabilidade dun xeito tan directo é porque reúne moitos dos elementos que concitan as ficcións que tradicionalmente se consideran premiables: trátase dun drama (aínda que o subtítulo anuncie a presenza de detalles cómicos) que atinxe temas de relevancia social (a primeira década do século XXI foi crucial para a normalización das sexualidades afastadas da heteronormatividade) e que desprende unha indiscutible veracidade (e non só pola súa condición autobiográfica). Bechdel parte da estraña morte do seu pai cando ela tiña vinte anos para iniciar un percorrido por distintos episodios da súa infancia e primeira xuventude na casa á que se refire o título, unha vella casona de case un século de antigüidade situada nunha pequena vila de Pennsylvania. Fun Home é un exercicio reflexivo no que a autora expón o seu tránsito cara a vida adulta ao tempo que pretende desentrañar a complicada personalidade dunha figura paterna que exerceu sobre ela unha teimuda influencia nos primeiros anos da súa vida. Entre ela e o seu pai, ao que ela alcuma Dédalo pola súa pulsión transformadora, teceuse unha afinidade mediada por un sentido estético compartido que non chegou a converterse nunha afectividade real. O feito da filla descubrir no pai unha homosexualidade non recoñecida, aínda que tampouco totalmente oculta, lévaa a atopar novos significados nas súas vivencias infantís, ao tempo que se cuestiona as condicións do pacto matrimonial dos seus pais. A preeminencia da figura paterna sitúa a nai nun inxusto segundo plano que Bechdel tentará compensar anos máis tarde con Are you my mother? (2012), unha secuela pexada pola súa frialdade psicanalítica.
Fronte a claridade coa que se definen os sentimentos nos relatos que buscan a satisfacción inmediata do público, Fun Home presenta ao lector un catálogo de afectos estraños e, probablemente por iso, verosímiles. Transcorridos máis de dez anos dende a publicación orixinal, o entusiasmo con que inicialmente foi recibida apenas merece matices, mentres a súa recente transformación en musical de éxito confirma que segue a gozar dunha relación privilexiada co público. Fun Home merece ser considerado un dos cómics esenciais do que levamos de século e a súa entrada no noso sistema editorial só pode considerarse unha excelente nova.
Ningún comentario:
Publicar un comentario