O puño e a letra
Xerais presenta unha antoloxía de poemas de Yolanda Castaño reinterpretados por corenta autores de banda deseñada.
Dende a aparición do seu primeiro poemario en 1995 ata hoxe, Yolanda Castaño converteuse nunha das voces imprescindibles da poesía galega actual. As súas incursións tanto noutros eidos literarios (a narrativa ou a crítica), coma en territorios limítrofes (a música ou a divulgación cultural), demostran unha querenza pola comunicación entre disciplinas creativas cunha influencia clara na súa produción poética. Por iso non sorprende que, sendo o seu novo título unha antoloxía, a autora aproveitara para ir un paso máis aló e propiciara un diálogo entre dúas artes tan disímiles coma poesía e cómic. En O puño e a letra corenta debuxantes reinterpretan en clave de banda deseñada outras tantas composicións seleccionadas da obra poética de Castaño, unha mestura que engade á forza expresiva da palabra propia da poesía a capacidade evocadora dun medio eminentemente visual coma o cómic. Autoras como Laura Pérez Vernetti levan anos traballando neste eido mentres, máis preto de nós, un debuxante de aquel tan lírico coma Jacobo Fernández Serrano xogou tamén a traducir á linguaxe do cómic parte da produción literaria de Lois Pereiro nesa alfaia da BD galega que é Breve encontro. Agora é Castaño quen, coa complicidade dun selecto grupo de artistas gráficos, convida ao lector a mirar os seus poemas dende unha perspectiva nova.
Ademais dun percorrido pola produción poética de Castaño, o libro pode entenderse coma unha panorámica da BD galega dende os fundacionais anos 70 ata actualidade. Ilustres veteranos coma Xaquín Marín, Siro López e Pepe Carreiro, canda os Prado, Jaraba e López Domínguez que dende as páxinas de Xofre propuxeron unha viraxe creativa no limiar dos 80, comparten páxinas con Paula Esteban, Roberta Vázquez, María Álvarez Hortas ou Cristian F, Caruncho, representantes da novísima xeración de autores que ensaian novas formas expresivas dende os fanzines e a edición alternativa. Canda eles, os artistas que termaron do medio no cambio de século dende publicacións coma BD Banda, Barsowia ou Golfiño (Kiko Da Silva, Kohell, David Rubín, Manel Cráneo, Norberto Fernández...) e un nutrido número de francotiradores (Anxo Cuba, Brais Rodríguez, Ramón Trigo...) que coas súas achegas teñen aportado talento e diversidade á BD galega. A panorámica é ampla no xeracional e plural no estilístico, o que explica a diversidade do resultado.
Poucos autores optan por transformar os versos de Castaño nun cómic en sentido convencional. Entre os que o fan con maior decisión está un Kike J. Díaz cuxa páxina revela un refinado pulso narrativo; tamén Miguel Porto, que recorre a unha vella convención do medio, a grella de nove viñetas por páxina, para construír un relato dun simbolismo espido. No extremo oposto estaría Miguel Robledo, que opta pola imaxe única, solución pouco sofisticada pero absolutamente xustificada pola beleza da súa prancha. Manel Cráneo fica a metade de camiño, subdividindo en viñetas unha única ilustración na que recunca no seu fetiche predilecto, a osamenta humana.
Fran Bueno, que fixera fermosísimos haikus visuais en Catálogo oneroso de beleza gratuíta, elude o plano xeral e traslada a atención aos detalles mediante unha sucesión de pequenas imaxes, unha solución semellante á que atopa un David Rubín que se apoia ademais nas simetrías e nos xogos de cor. Coa simetría e a gradación das cores experimenta tamén Xulia Pisón, mentres Xulia Vicente acepta as oportunidades cromáticas que lle brinda o texto de Castaño e ofrece unha páxina vizosa en sensacións na que a propia letra da debuxante destaca coma un dos adornos máis belidos. A viveza da palabra manuscrita contrasta coa frialdade da tipografía mecánica pola que opta Siro coma principal recurso expresivo, unha elección discutible que sitúa a súa páxina entre as de menor pulso emocional. Algo semellante acontece con Pepe Carreiro, que recorre a pictogramas, montaxes de imaxe e letra e recursos de procesador de textos ata converter os versos orixinais en algo excesivamente cerebral.
Fronte ao borrón inconfundible de Brais Rodríguez, que ofrece unha tradución máis aló de calquera figuración, non son poucos os artistas que intentan reflectir o poema na súa literalidade, unha literalidade necesariamente esquiva. É o caso de Norberto Fernández, Cristian F. Caruncho, Ramón Trigo e Xan López Domínguez. Outros, coma María Álvarez Hortas, Roberta Vázquez ou Kiko Da Silva, prefiren obviar parte do texto, procurando que a imaxe exprese o que os versos ausentes. Miguel Cuba brilla con forza neste aspecto, cunha sucesión de viñetas de sensorialidade exacerbada. Entre as solucións máis orixinais, a de Jano, que opta por dislocar texto e imaxe ata punto de ofrecer dous poemas distintos. Tamén a de Kohell, que se agocha tras un disfrace pop-art que lembra a Jean-Claude Forest. Anxo Cuba achégase ao cartelismo que fai imaxe da palabra escrita. Cynthia Alonso propón un pequeno oasis naïf. Miguelanxo Prado retorna aos fondos mariños que xa percorrera en De Profundis. E así ata corenta formas de entender e expresar outros tantos poemas.
O puño e a letra revélase como un atinado produto editorial, que ofrece unha excelente oportunidade para poñer en perspectiva unha traxectoria literaria que entrou xa hai tempo nun período de madurez, mais tamén para coñecer a poética visual dun extenso grupo de creadores que son pasado, presente e futuro da banda deseñada galega.
Ningún comentario:
Publicar un comentario