domingo, outubro 27, 2019

Unha engaiolante experiencia visual

Una piel pesada

Clara Patiño debuta cunha fantasía colorista que destaca pola súa exuberancia gráfica.

Una piel pesada (Fandogamia, 2019) supón o inesperado debut da debuxante coruñesa Clara Patiño. Inesperado porque a chegada da autora non foi anunciada por ningunha das canles polas que os novos talentos adoitan darse a coñecer na actualidade: os fanzines, a autoedición, as redes sociais. O factor sorpresa duplica as boas sensacións que transmite o seu primeiro traballo, unha cativadora fantasía construída arredor da exuberancia da súa proposta gráfica.

Nadia, protagonista do relato, emprende unha viaxe na procura de Eius, criatura máxica que matou o seu pai e ceibou unha maldición que ten asoballado o seu Reino. Baixo unha aparencia emancipadora, a misión de Nadia agocha un conflito herdado e un mandato de vinganza. No decurso da aventura, a protagonista liberarase das ideas que lle foron inculcadas e adquirirá a súa propia perspectiva sobre os feitos. O coñecemento e especialmente o descubrimento do “outro” transformarán a heroína, facéndoa dona do seu propio destino. Estamos perante un relato de crecemento que mestura a estrutura da viaxe heroica con lugares comúns do conto fantástico.

A partir dunha brillante definición dos personaxes nos que se albisca a influencia estética da Disney anterior ao predominio dixital (Hercules, Mulan), Patiño vai debullando o relato mediante un alambicado aparello gráfico, cunha elaborada posta en páxina na que o uso expresivo das cores xoga un papel fundamental. Una piel pesada é ante todo unha experiencia visual, un festival cromático que a autora desencadea ante os ollos do lector cunha sabedoría que alguén podería considerar impropia dunha debutante, pero que podemos interpretar tamén coma o contrario, unha demostración de madurez creativa por parte dunha autora que se expón por vez primeira ao escrutinio público. A súa ollada achégaa á recente corrente da fantasía feminist-friendly norteamericana (Nimona, Monstress, She-Ra and the Princesses of Power), un movemento cuxo éxito comercial e creativo está a atraer un público novo á banda deseñada. A súa é unha historia de heroísmo feminino que prescinde de xustificacións e subliñados, e que participa tamén da tendencia actual a resignificar a tradicional figura da princesa de conto.

Malia a súa aparencia de fantasía escapista, Una piel pesada sitúase na primeira liña da contemporaneidade e permítelle a Patiño amosarse como unha narradora hábil e versátil, capaz de manter o control da narración mentres ceiba a súa requintada pirotecnia visual. Os moitos acertos deste seu primeiro traballo convidan a permanecermos pendentes da súa traxectoria nun futuro próximo.

[Publicado en Galicia Confidencial o 17 de Xuño de 2019]

Ningún comentario: