mércores, xaneiro 20, 2016

Algo se move no blogomillo










Coma nos grandes mitos, o blogomillo apareceu cunha grande explosión. Nun breve período de tempo agromaron centos de bitácoras en galego, a ferver cada mañá con ideas, novas, opinións, coñecemento, propostas, brincadeiras... Despois veu a contracción, a previsible selección natural aumentada pola auxe doutras redes sociais. Mais a implosión non levou á desaparición, os blogues en galego seguen a existir, algúns deles transformados en referentes ineludibles dentro do seu eido. Por iso, recollemos e celebramos a iniciativa de Xabier P. Iglesias de cartografar o blogomillo, proxecto que vai medrando dende a súa primeira listaxe e que vén de ser mellorado cun formulario que permite aos blogueiros que o desexen censar a súa bitácora. Beizóns para os promotores!

Imaxe descargada de marcus.es, descoñezo a autoría. 

martes, xaneiro 19, 2016

Elipses e sombras: Dúas olladas sobre Cervantes

Miguel EN Cervantes. El retablo de las maravillas

Miguelanxo Prado e David Rubín colaboran nun proxecto divulgativo centrado na figura e obra de Miguel de Cervantes.

Miguel EN Cervantes. El retablo de las maravillas preséntase coma o catálogo que acompaña á exposición do mesmo nome, unha iniciativa da Comunidade de Madrid, o Instituto Cervantes e Acción Cultural Española para difundir a figura de Cervantes e a súa obra co gallo do IV Centenario da publicación da segunda parte do Quixote (2015) e do pasamento do seu autor (2016). Trátase realmente dun volume con distribución ordinaria en librarías que contén unha breve biografía ilustrada de Cervantes e unha adaptación ao cómic de El retablo de las maravillas. Os escollidos para levar a cabo estes labores foron dous autores centrais da banda deseñada galega, Miguelanxo Prado e David Rubín, valores seguros do cómic e a ilustración que cumpren con eficacia a tarefa encomendada. 

Non ten sentido descubrir a estas alturas o talento de Miguelanxo Prado, autor recoñecido internacionalmente e cunha traxectoria tan extensa coma prestixiosa. Cómpre lembrar que malia ser esencialmente un autor de cómic, Prado ten tamén unha longa experiencia coma ilustrador, tendo deseñado numerosos carteis e cubertas de libros, ademais de acompañado cos seus debuxos títulos de autores coma Ramón Caride, Agustín Fernández Paz e Manuel Rivas entre outros. Nesta ocasión, ocúpase de ilustrar un breve percorrido polos escasos feitos certos que se coñecen da vida de Cervantes, a súa orixe familiar, os seus parentes e algúns retrincos da súa traxectoria vital. Abonda con contemplar os bosquexos que acompañan este libro ou os moitos que compoñen os dous volumes de Papeles dispersos, título no que recupera debuxos do natural e traballos preliminares, para nos decatar de que a Prado abóndalle con catro riscos para reflectir acenos, ollares e expresións facilmente recoñecibles. As ilustracións deste libro, nas que atopamos un Cervantes imaxinado a partir da súa propia descrición (lembremos que non existen retratos auténticos seus), ofrecen unha nova mostra deste talento. Mais hai xa tempo que Prado labra as súas imaxes en capas sucesivas nas que vai engadindo luz, cor e matices a esa simplicidade orixinal. Limpas e sen apenas fondos, as súas ilustracións neste volume concédenlle todo o protagonismo á figura humana. A falta de texto, os personaxes falan cos ollos (irónicos, coléricos, enfastiados...) e tamén co corpo, cunha teatralidade que nunca chega a ser excesiva.

Pola súa banda, David Rubín leva ao cómic El retablo de las maravillas, “entremés” cervantino publicado por vez primeira en 1615 que parte dun motivo argumental moi semellante ao que posteriormente popularizaría O traxe novo do Emperador de Hans Christian Andersen para ofrecer unha ácida crítica de determinados tipos sociais e costumes do seu tempo. Rubín traduce as pretensións satíricas do texto adoptando un rexistro caricaturesco pouco usual na súa obra, cun deseño de personaxes memorable (recalcados, hiperbólicos), e un desenvolvemento narrativo con abundantes pinchacarneiros visuais. Como vén sendo habitual na súa produción máis recente, Rubín acentúa a visibilidade do aparello narrativo, recorrendo a solucións gráficas ostensibles, mesmo estridentes, mais perfectamente coherentes co espírito algareiro do argumento. As páxinas deste Retablo de las maravillas conforman un quebracabezas extraordinariamente vivaz, unha nova mostra de xenio creativo por parte do seu autor.  

A combinación de biografía e ficción, cómic e relato ilustrado, converte a Miguel EN Cervantes. El retablo de las maravillas nun artefacto estraño, difícil de reconducir a unha categoría estandarizada. É posible que ese sexa un dos principais argumentos ao seu favor. O outro, máis obvio aínda, é que ofrece a oportunidade de ler conxuntamente a dúas das figuras máis relevantes da banda deseñada galega, dous autores que adoitamos vincular pero que en poucas ocasións teñen colaborado dunha forma tan directa. A portada deste volume, realizada conxuntamente por ambos, reflicte a disparidade dos seus estilos, a refinada perspicacia de Prado fronte o estoupido de enerxía de Rubín. Diferenzas que, lonxe de facelos incompatibles, constitúen un dos principais incentivos para a lectura do libro.

[Publicado en Galicia Confidencial Tendencias o 18 de xaneiro de 2016]

venres, xaneiro 08, 2016

Qadriños: Catro novelas de superheroes











Rick Moody, Michael Chabon, Jonathan Lethem e Junot Díaz son catro voces singulares da narrativa norteamericana actual. Malia as peculiaridades de cadansúas carreiras é posible establecer unha cadea de vínculos entre eles coa banda deseñada coma fío condutor. Novelas coma A tormenta de xeo, As asombrosas aventuras de Kavalier e Clay, A fortaleza da soidade e A marabillosa vida breve de Oscar Wao conceden unha singular importancia ao cómic popular, poñendo de relevo o seu papel na educación emocional de sucesivas xeracións de rapaces en Norteamérica. Os afeccionados á BD apreciarán a reivindicación do valor cultural do cómic implícita nas catro novelas mais, por riba de todo, trátase de catro excelentes obras que paga a pena ler. A elas me refiro máis polo miúdo en Qadriños.

xoves, decembro 24, 2015

Lumberjanes: Beware the Kitten Holy

























Lumberjanes, a cabeceira creada por Noelle Stevenson, Grace Ellis e Brooke Allen, é a serie de moda en Estados Unidos. Ao pouco de comezar a súa andaina, o título acadaba xa unhas primeiras críticas positivas que se verían confirmadas en xullo de 2015 ao obter dous premios Eisner (Best New Series e Best Publication for Teens). A proxección das súas autoras viuse multiplicada, mesmo cara fóra do mundo do cómic, e o título está hoxe en boca de todos, é doado atopalo en toda caste de listaxes do mellor do ano e supoño que non ha tardar moito en ser editado en España. Perante todo isto e tras ler Beware the Kitten Holy (Boom!, 2015), primeiro TPB da serie, a pregunta que a un lle xorde é obvia: merece o título tanto rebumbio? Ou dito doutro xeito, hype ou non hype?

O primeiro que cómpre esclarecer é que Lumberjanes é ante todo un cómic de entretemento, un produto directo e accesible que ten coma destinatario natural a un lector novo, preadolescente, por máis que poida ser lido tamén con interese por adultos. O slogan con que se presenta a cabeceira, Friendship to the max!, defíneo correctamente coma un relato de camaradería xuvenil, ao tempo que remite a unha consolidada tradición, a das narrativas protagonizadas por rapaces que viven unha aventura á marxe dos adultos, descubrindo o mundo, aprendendo a tomar decisións e afianzando a súa amizade. Se soa demasiado didáctico é unha mala descrición, porque Lumberjanes ten máis de brinca e troula que de relato exemplar. Se algo hai que agradecer ás autoras é a decisión, que semella ben consciente, de facer predominar o sentido lúdico sobre calquera outra pretensión. O que abunda nestes primeiros capítulos é o misterio, a aventura atolada e o humor. Esta inmediatez de propósito non debe agochar o feito de estarmos perante un cómic habilmente construído, algo que fica demostrado xa no capítulo inicial, unha lección de como contextualizar a acción, presentar os personaxes e suxerir a idea central do relato en apenas 24 páxinas.

Nun mundo perfecto, non habería que abordar esta obra dende unha perspectiva de xénero, mais non estamos nun mundo perfecto. Si, as autoras de Lumberjanes son todas mulleres. E si, as protagonistas son todas rapazas. E non, polo visto ata agora semella que non todas elas son heterosexuais. Non faltará quen precise dunha explicación para tanta sobrerrepresentación feminina e queira albiscar unha axenda feminista no subtexto, e haberá que darlle a razón: estamos perante un cómic ideoloxizado, pero non máis que un relato escrito por homes e protagonizado por varóns heterosexuais (ocórreselles algún?). Se a alguén lle molesta ou o atopa forzado, é libre de xulgalo como queira. Iso si, dada a naturalidade con que flúe o relato e a ausencia de subliñados ideolóxicos, quen non sexa quen de ir máis aló e o considere un panfleto estará a ser vítima dunha hipersensibilidade case episcopal.

Lumberjanes aporta unha ollada renovadora sobre a tradición narrativa xuvenil da que é herdeira. As estruturas clásicas son reinterpretadas cun sentido netamente contemporáneo e non só por enganar silandeiramente o discurso sexista e heteronormativo, senón tamén por valerse da aventura e a fantasía como forzas liberadoras. O lixeiro pode resultar dobremente transgresor. A metade de camiño entre o indie e o mainstream, a obra confirma ademais unha sorte de relevo xeracional, cunhas autoras que chegan ao cómic cun cargamento referencial complexo, no que a banda deseñada semella non ter máis importancia que a animación comercial ou outras ficcións televisivas, e que se dirixen a un lector capaz de descifrar estes códigos con naturalidade.

Así que, polo pouco visto nestes catro primeiros números da serie, semella que a cabeceira reúne as virtudes suficientes como para merecer a súa boa prensa. Non sei se Lumberjanes gustará ás novas xeracións de lectores, mais si sei que é o tipo de lectura xuvenil que me gustaría que os meus fillos fosen quen de apreciar.

venres, decembro 18, 2015

Elipses e Sombras: O final da infancia

La ficción

David Rubín segue a abrirse camiño no mercado norteamericano. En La ficción, o seu traballo máis recente, o ourensán pon o seu potente imaxinario visual ao servizo dun relato fantástico escrito polo canadense Curt Pires.
 
O mercado norteamericano do cómic experimentou unha transformación notable nos últimos anos. Tras décadas de dominio asoballante do xénero dos superheroes e a conseguinte preeminencia das dúas grandes editoriais, Marvel e DC, vén consolidándose na última década unha corrente creativa de influenza crecente, xurdida ao abeiro de compañías medianas coma Image ou Dark Horse e que opta por dirixirse ao mesmo público con obras sutilmente distintas, produtos de vocación maioritaria, que frecuentemente asumen patróns de xénero (criminal, terror, aventura, acción...) pero nos que os autores están sometidos a menos restricións creativas que nas editoras clásicas.
 
É nese terreo onde se sitúa La ficción, unha miniserie de catro capítulos escrita por Curt Pires e debuxada por David Rubín, un relato de aventura e fantasía que explora a relación entre as ficcións literarias e a realidade. Os protagonistas do relato son catro rapaces que atopan nun faiado uns libros que lles permiten viaxar a un universo paralelo, unha premisa que é xa case un tópico recorrente dunha determinada caste de relatos fantasiosos (Lewis Carroll, C.S. Lewis, Michael Ende...). A súa inxenua exploración dese escenario de fantasía rematará coa misteriosa desaparición dun deles, un suceso traumático que sinalará o final da infancia e retornará ás súas vidas anos máis tarde. Pese a citar a Borges e suxerir algunha reviravolta metaliteraria, Pires deixa aparcadas as grandes ambicións e prefire construír un entretemento diáfano cunha equilibrada combinación de fantasía e intriga. Malia conducir e pechar o relato correctamente, deixando cabos soltos para unha eventual continuación, o seu labor tampouco consegue coller a altura suficiente para que o título destaque entre a avalancha de novidades mensuais coas que compite. A un punto de partida non excesivamente orixinal engádese un desenvolvemento prudente en exceso, que en ningún momento se atreve a poñer en cuestión as expectativas dun lector medio. Tampouco axudan as limitacións de formato (catro capítulos de 24 páxinas), que rematan por impoñerlle un ritmo ao relato sen deixar que medre por si mesmo. 
 
Coido que se pode afirmar, sen varrer para casa, que o mellor argumento a prol de La ficción é o debuxo de David Rubín. Os achados narrativos que o ourensán exhibía en obras previas coma El héroe ou Beowulf están tamén presentes, aínda que nunha versión máis funcional, nas páxinas deste novo traballo. Coas súas pretensións máis modestas, La ficción non precisa do requintado aparello formal daqueles traballos, abóndalle con sustentarse no aprendido por Rubín nestes anos e tirar partido do seu potente desenvolvemento gráfico. O control do ritmo, a facilidade narrativa, a variedade na posta en páxina, a orixinalidade das composicións... Rubín bota man dun inesgotable abano de recursos e deixa constancia da súa personalidade artística nun proxecto moito máis convencional do que el é como creador. Coma os protagonistas do relato, Pires goza da oportunidade de se asomar a un engaiolante universo visual, o do debuxante galego, e sae claramente beneficiado. O colorista Michael Garland complementa con eficacia os seus lapis mediante unha paleta de cores que lembra ás que o propio Rubín adoita utilizar. A edición de Astiberri aporta valor engadido mediante a inclusión de varios extras, a versión a lapis do cuarto capítulo e o proceso de elaboración das cubertas orixinais, todo un agasallo para os lectores que estean interesados en coñecer as fases intermedias do proceso creativo.
 
La ficción ofreceulle a Rubín a oportunidade de demostrar que pode adaptar a súa personalidade creativa ao formato norteamericano por excelencia, o comic-book de 24 páxinas dun xeito moi semellante a como fixera Emma Ríos con Hexed en 2008, tamén no seo da editorial Boom! Studios. Velaí un novo campo profesional que se lle abre nun momento no que o seu nome soa cada vez con máis forza no mercado estadounidense despois de colaborar con Paul Pope e J.T. Petty (El momento de Aurora West e La caída de la casa West) e tras a publicación pola editorial Dark Horse do díptico El héroe. Seica ten xa algún outro proxecto en carteira en Norteamérica mentres agardamos pola publicación de Gran Hotel Abismo, a novela gráfica que creou en colaboración con Marcos Prior e que verá a luz a principios do ano que vén. 

venres, novembro 27, 2015

Culturgal 2015 (e a banda deseñada)
















Un ano máis chega o Culturgal, a grande feira da Cultura galega que alcanza xa a súa oitava edición e que desta volta se celebrará entre o 4 e o 6 de decembro no Pazo de Cultura de Pontevedra. Acaba de facerse público o programa de actividades para este ano, de novo un fervedoiro de actos  (presentacións, obradoiros, actuacións musicais, proxeccións, conversas, faladoiros...) que atinxen ás máis variadas disciplinas culturais que se cultivan no país. Comprobo con ledicia ademais que segue a haber programadas actividades para os máis cativos, de xeito que o certame pode converterse tamén nunha alternativa de ocio familiar para a fin de semana. No que toca máis de perto aos intereses desta bitácora, salientamos dous actos relacionados coa banda deseñada. Por unha banda, o sábado 5 ás 20:30 terá lugar no Espazo Foro a presentación do Boom! Film & Comic 2016, o Festival de cinema e banda deseñada que celebrou o ano pasado en Vigo a súa primeira edición. Por outra, o domingo 6 ás 17:30 terá lugar a presentación de STRPTS, un cómic de Xosel Díez e Xabier Varela que forma parte do proxecto de cine ao vivo desenvolvido polo grupo Cinema Sticado (pode lerse un adianto aquí). Hai, xa que logo, unha certa presenza da BD no Culturgal deste ano mais, sen desprezala, coido que o que dicía aquí o ano pasado segue a estar vixente: nin os moitos e moi prestixiosos autores, nin os escasos pero incansables editores de cómic galego están suficientemente representados no evento. Son consciente de que moitos dos nosos autores publican os seus traballos en editoras que non son galegas, mais segue a estrañarme a ausencia de entidades coma a AGPI, do pontevedrés Garaxe Hermético que dirixe o incansable Kiko da Silva e tamén de editores coma Demo ou El Patito. Fáltanme tamén esoutras editoriais galegas que tamén teñen cómics no seu catálogo: non está Xerais a promocionar nestes días o novo Asterix? Non sería esta unha boa ocasión para que Galaxia celebrase algún acto a propósito da adaptación á BD de A nosa cinza?  Convencido como estou de que a predisposición da organización é boa, non entendo o motivo polo que estes actores están repetidamente ausentes dun foro que de certo contribuiría a achegar ao público o seu magnífico traballo. Oxalá o ano próximo celebremos a chegada dun novo Culturgal no que a BD galega teña tamén o seu protagonismo.

martes, novembro 24, 2015

Elipses e sombras: Mundo monstruoso

Pablo & Jane en la dimensión de los monstruos

José Domingo regresa cun novo traballo dirixido aos máis lectores máis novos, un artefacto de vocación lúdica que demostra ata onde pode chegar o seu talento coma ilustrador. 

Ignoramos se José Domingo sentiu ou non vertixe ante a inevitable obriga de deixar atrás Aventuras de un oficinista japonés (Bang, 2011), orixinalísimo cómic que o catapultou dende a Fisterra europea ata a San Diego Comic Con, sede dos prestixiosos Premios Eisner, e seguir adiante coa súa carreira. Non sería de estrañar que si, vista a desproporción entre a modesta orixe daquela obra e os éxitos que lle devolveu ao seu creador. Tras o ácido Conspiraciones (Astiberri, 2013) chega agora Pablo & Jane en la dimensión de los monstruos (Astiberri, 2015), un álbum lúdico dirixido principalmente, aínda que non só, aos máis cativos. A obra foi promovida pola editorial británica Nobrow, o que sitúa a Domingo, xa dende o inicio, no contexto internacional. Se isto supuxo algún cargamento extra de responsabilidade para el debeu de superalo ao pouco de comezar a traballar, xa que as aventuras destes dous rapazolos nunha dimensión inzada de monstros é ante todo unha aposta pola diversión máis franca e desenfadada.
 
As dimensións do libro aportan unha primeira pista acerca do seu contido. O formato cadrado, de 25x25 cm, resulta moi frecuente na literatura ilustrada infantil e non tanto na banda deseñada. Pablo & Jane sitúase nesa encrucillada, cun principio e un final nos que Domingo demostra o seu bo pulso coma historietista e un corpo central no que deixa constancia do seu talento como ilustrador. A partires dunha premisa de arrecendo clásico, dous nenos que entran nunha mansión lóbrega e atopan nela unha máquina teleportadora, o autor desencadea unha nova viaxe atolada, aínda que menos surrealista que a vivida polo seu célebre oficinista xaponés. Nunha sucesión de pranchas dobres, Domingo preséntanos escenarios coma Londres, Marrakech ou Hawaii transformados en paisaxes fantasmagóricas nas que rebolen criaturas sinistras de toda índole. Grandes ilustracións inzadas de detalles que convidan a un escrutinio minucioso e nas que, ademais de atopar as pezas soltas que permitirán aos protagonistas reparar o seu trebello transportador, o lector culminará un paseo por diferentes tradicións máxicas de todo o mundo. As semellanzas co Onde está Wally? de Martin Handford son obvias, aínda que podemos mencionar tamén moitos autores de banda deseñada, algúns deles clásicos contemporáneos do tebeo infantil español coma Ibáñez ou Jan, que se teñen caracterizado por encher as súas páxinas de pequenos tesouros ocultos.
 
Non é Domingo un debuxante cun estilo que encaixe facilmente nas convencións do debuxo infantil. Traballos coma Conspiraciones ou a súa achega a Panorama (Astiberri, 2013) amosan unha tendencia a sintetizar o trazo cara formas angulosas que pouco teñen que ver coa tradicional accesibilidade do debuxo infantil. E porén, foi quen de atopar un rexistro apto para os lectores máis novos sen renunciar aos seus propios sinais de identidade. Velaí algunhas das claves deste libro, dunha banda o esforzo imaxinativo do autor no deseño de escenarios e personaxes; doutra, un lúcido sentido da composición capaz de darlle beleza ao minucioso detallismo das súas pranchas. Imprescindible para que as ilustracións resulten intelixibles é o uso das cores, nas que Domingo contou coa axuda do seu compañeiro de estudio Alberto Guitián.
 
Pablo & Jane en la dimensión de los monstruos permite desmentir a aqueles que afirman que non hai nas librarías cómics destinados aos máis cativos. Hainos, nunca deixou de habelos. Cando a banda deseñada deixou de ocupar un lugar privilexiado entre as alternativas de ocio dos cativos desapareceu o tebeo infantil concibido coma produto de consumo. Mais simultaneamente apareceu unha outra forma de facer cómic para rapaces, máis sofisticada, afastada de fórmulas e desenvolvida dende coordenadas autoriais. Produtos que, coma este Pablo & Jane, teñen vocación de permanecer e reúnen valores dabondo para seren lidos con pracer por nenos e adultos. 

mércores, novembro 18, 2015

Aghardi

















Paréceme revelador que a nota biográfica de Enric Sió que recolle a edición de Nueva Frontera (1979) de Aghardi sinale coma primeira “obra importante” do autor Lavinia 2016 (1967). Omítese toda a traxectoria previa do artista, o seu traballo para Bruguera e os cómics que publicou no mercado británico a través da axencia Selecciones Internacionales que creara Josep Toutain. Sió foi unha das figuras máis destacadas do que se denominou o boom da historieta adulta española, movemento autorial que cara a metade dos anos 60 tentou ampliar as perspectivas do medio, superando fórmulas e xéneros estandarizados, experimentando tanto no temático coma no formal e dirixíndose principalmente a un lector adulto. Moitos deses autores e tamén o sector da crítica que lle deu forma teórica ao seu labor (Javier Coma, Román Gubern, Luis Gasca…) mantiñan unha actitude condescendente cara o cómic que predominaba naqueles anos, a historieta infantil e xuvenil, o cómic de entretemento. A omisión de calquera referencia aos cómics románticos, bélicos e de terror que Sió publicou durante anos no mercado anglosaxón suxire que o autor non “nace” como tal ata 1967, cando se afasta do tebeo popular e emprende a súa propia carreira.
 
Os autores do boom pugnaban por quebrar a concepción do cómic coma simple vehículo de evasión ou entretemento. O seu propósito era o de crear unha obra perdurable e valiosa en termos artísticos, de aí a sofisticación das súas propostas tanto no gráfico coma no argumental. Na súa aspiración de atopar un lector cultivado e disposto a esforzase, desbotaban os camiños fáciles. Sospeitábase da transparencia tanto argumental coma gráfica, preferíase a mancha, a páxina densa e a imaxe simbólica para ilustrar unhas tramas requintadas e preferentemente con marxe para a interpretación. Os resultados foron desiguais, quedando desta etapa algúns títulos notables canda outros que remataron afogando nas súas propias pretensións.
 
Publicada orixinalmente en 1969, Aghardi reúne moitas das características desta forma de facer cómic. As súas páxinas amosan a un debuxante dun virtuosismo fóra do común e con certa tendencia ao alarde visual. Cos comprensibles matices, non resulta difícil atopar coincidencias entre o seu debuxo e o dalgúns dos seus contemporáneos coma Luis García, Fernando Fernández ou Josep María Beá: a vocación realista (cunha significativa incorporación de referencias fotográficas), unha posta en páxina na que as viñetas prescinden de marcos (sen dúbida, un intento de liberarse de corsés formais) ou un uso do branco e negro que remite a outra figura clave da época, Guido Crepax. Non pasa desapercibido un erotismo soft, que pretende ser máis elegante que lúbrico, centrado na explotación da figura feminina, sen dúbida un recordatorio do carácter adulto da obra.
 
Este complexo aparello gráfico está posto ao servizo dun relato centrado na viaxe dun peculiar comité de “expertos” a distintos lugares do mundo cuxos restos arqueolóxicos teñen sido vinculados coa presenza extraterrestre (Palenque, Nazca, Tíbet...), un tema moi propio dos anos 60, popularizado por revistas e programas de TV seudocientíficos, ademais de best-sellers do momento coma El retorno de los brujos de Louis Pauwels e Jacques Bergier (mencionado por Gubern no prólogo) ou Recuerdos del futuro de Erich von Däniken. Un cóctel que hoxe nos parece entre pretensioso e kitsch e que nos leva a concluír que Aghardi non é xa o “clásico do cómic contemporáneo” ao que se refería Gubern no prólogo, senón un produto fortemente connotado polo contexto en que viu a luz. De lelo illadamente considerarémolo probablemente unha obra malograda, incapaz de manter os seus significados co paso dos anos, mais o seu interese coma título representativo dun momento relevante da historieta española é indiscutible. Pertinentemente reeditada por Joan Navarro en 2013, Aghardi válenos ademais para reivindicar a un Enric Sió que creu nas posibilidades expresivas da banda deseñada en tempos adversos e que, lonxe de retóricas, tentou levalas á praxe en traballos coma este. Coma outros destacados membros da súa xeración, Sió abandonou o cómic desenganado e morreu en 1998. A día de hoxe é un autor inxustamente esquecido.

sábado, novembro 14, 2015

Qadriños: A terra do pai

Patria

No terzo final do século XX diversas correntes autoriais tentaron derrubar as barreiras invisibles que circunscribían o cómic a un conxunto de xéneros e temas, limitando de feito a súa capacidade expresiva e reducindo o espectro de lectores ao que se dirixían. Dado o tradicional predominio dos xéneros fantásticos e de evasión no medio, moitos deses autores optaron por dar entrada á realidade nas viñetas, uns mediante narracións de corte autobiográfico, outros achegándose ao relato histórico ou documental. Ambas correntes converxen en títulos ben significativos e amplamente influentes do cómic recente, aqueles nos que a memoria familiar do autor está ligada a grandes acontecementos sociopolíticos. É o caso de Maus ou Persépole, dúas obras claves para comprender a evolución da banda deseñada de autor a ambas beiras do Atlántico nos últimos anos. E nesa tradición insírese decididamente Patria (Turner, 2015), obra na que Nina Bunjevac entrelaza a súa historia familiar coa convulsa historia dos Balcáns durante a segunda metade do século XX.

Nacida en Canadá pero de familia serbia, Bunjevac viviu na súa infancia o enfrontamento do seu pai, serbio monárquico e anticomunista, coa familia da súa nai e especialmente coa aboa materna, que loitara cos partisanos de Tito durante a II Guerra Mundial. O proceso de radicalización do pai, que comezaría a colaborar con grupos terroristas serbios que actuaban contra intereses iugoslavos no exterior, levaría á ruptura do matrimonio e ao retorno da nai con dúas das súas fillas a unha Iugoslavia que máis adiante comezaría a descompoñerse ata desaparecer como tal nos 90. Bunjevac examina a historia dos Balcáns durante o século XX, ao tempo que ascende na súa propia árbore xenealóxica e amosa as vivencias das dúas pólas da súa familia. Mais Patria, orixinalmente titulada Fatherland, é ante todo unha indagación na figura do pai, ao que a autora viu por última vez cando marchou de Canadá sendo unha nena e que morrería anos máis tarde manipulando unha bomba. A súa infancia e mocidade, o xeito como coñeceu á que sería a súa esposa válenlle á autora para deixar constancia do seu carácter difícil e tamén da súa progresiva radicalización ideolóxica. O retrato non é precisamente exculpatorio.  

As viñetas de Patria xorden coma xanelas luminosas da escuridade das páxinas. Bunjevac organiza as súas pranchas a partires dun fondo negro, sen matices, no que sitúa uns poucos cadriños grandes, apenas tres ou catro por páxina. O relato das pasaxes históricas remite directamente a Joe Sacco, autor cuxa ascendente neste traballo parece pouco discutible, mentres que os contornos rugosos das figuras humanas lembran a Howard Cruse. Nos abundantes primeiros planos intúese a utilización de referencias fotográficas. O coidado posto por Turner na edición castelá, a súa primeira incursión no eido da banda deseñada, consegue multiplicar o efecto dun proxecto visual ben definido pola autora, da que de seguro seguiremos a oír falar. 

martes, novembro 03, 2015

El rastreador




















Afeitos como estamos aos seus relatos de corte intimista, podería parecer que El rastreador (Ponent Mon, 2015), thriller no que un home retorna a Tokyo para buscar a unha nena de 14 anos misteriosamente desaparecida, marca unha certa distancia cos que son os temas e formas habituais na obra de Jiro Taniguchi. Mais este afastamento resulta máis aparente que real, non sendo difícil atopar no relato moitas das claves habituais do creador de El almanaque de mi padre. A primeira e máis evidente, a elección dun protagonista que é un home de montaña, o que nos permite conectar este título co conxunto de obras de Taniguchi ambientadas en contornos naturais e máis concretamente coa súa pentaloxía La cumbre de los dioses, centrada no mundo do montañismo. A investigación de Takeshi Shiga levarao primeiro ao bulicioso barrio de Shibuya, auténtico corazón do consumo hedonista da capital xaponesa, símbolo do capitalismo extremo e da alienación do individuo na gran cidade. Despois, a unha gran corporación que ten a súa sede nunha impoñente mole arquitectónica. O rastrexador, un home capaz de guiarse polo ceo e sobrevivir en condicións ambientais extremas, debe desenvolverse nun terreo que lle resulta máis inhóspito aínda, o dunha megalópole asiática que se nos presenta coma unha Babilonia futurista, deshonesta e chea de perigos. O enfático final, no que Shiga se ve obrigado a escalar un rañaceos, funciona como metáfora pouco sutil da loita entre dous mundos con cadanseus códigos e valores, a nobreza espida do home de montaña contra a frialdade inhumana da cidade. Non hai que ser un grande connosieur da obra de Taniguchi para deducirmos por cal dos dous extremos tomará partido, como tampouco sorprende o cargamento sentimental co que apuntala o argumento. Polo demais, El rastreador permítenos reencontrarnos de novo co característico estilo gráfico de Taniguchi, a exquisita xeometría das súas páxinas e o seu peculiar talento para a caracterización dos personaxes, ademais de co seu inconfundible pulso narrativo, pausado de máis para unha intriga criminal típica. As convencións do xénero non chegan a agochar a personalidade do mestre xaponés.